Partido Galeguista

Pequeno texto introductorio

Nome: Partido Galeguista

Sigla:

Tipo: Partidos políticos

Datas (Fundación): 1931

Fundador:

Sede:

Dirección:

Coordenadas:

Páxina Web:

Entidade Superior:

Historia e nacemento

O Partido Galeguista (Decembro 1931) foi un partido político nacionalista galego fundado en Pontevedra, durante a VIIª Asemblea Nacionalista (5 e 6 de Decembro) co obxectivo de levar a cabo un proxecto de autodeterminación para Galicia, entendéndoa coma unha unión cultural, social e política.

O nacemento do Partido Galeguista estará vencellado ao contexto histórico propio da Segunda República (1931-1936). Precede, previamente, do movemento republicano en Galicia anterior a 1931, aínda sen características necesariamente democráticas ou autonomistas. A historia comeza cando o 11 de Febreiro de 1926, unha xuntanza é celebrada polo aniversario da Primeira República Española (1873-74), o que da comezo a Alianza Republicana. Nun primeiro momento será unha plataforma aglutinadora das forzas opostas á monarquía, pero co tempo, Casares Quiroga e demais membros, abandonarán Alianza Republicana polo seu excesivo centralismo, considerando que era necesario algo máis rexional.

En Outubro de 1929, nace unha conxunción de sectores republicanos coñecida coma ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), con Casares Quiroga coma persoeiro e participación de homes das Irmandades da Fala, coma Vilar Ponte. Coa celebración do Pacto de Lestrove o 26 de Marzo 1930, servindo coma unha reunión entre sectores galeguistas e republicanos (habendo membros da CNT), fórmase a FRG (Federación Republicana Gallega) que ten un programa no que, por vez primeira, presentase a necesidade dunha autonomía plena para Galicia, aínda que posteriormente os sectores galeguistas estarán máis influenciados polo nacionalismo.

Nestes anos, a ditadura de Primo de Rivera, e por consecuente, a monarquía de Afonso XIII, estaba nun momento crítico, sen dar signos de melloría ou dunha solución futura. A consecuencia do contexto político e de o incerto futuro de España, Casares Quiroga representou ao Republicanismo galego durante outra reunión dos sectores republicanos en España, como vemos no Pacto de San Sebastián (Agosto de 1930), cuxo obxectivo fora formar un Comité Republicano, e logo un goberno provisional. Neste punto aínda falamos de republicanismo e rexionalismo galego, pero as liñas dilúense durante o proceso republicano, xurdindo diferenzas e escisións. Todo isto, influenza de forma directa e indirecta sobre a creación do Partido Galeguista (1931), xa que moitos dos participantes destes procesos, toman parte na fundación e desenvolvemento do Partido Galeguista.


Creación

Durante Abril de 1930, as Irmandades da Fala celebraron na Coruña a súa VIª Asamblea, na que xurdiu a proposta de construír un partido cuxo obxectivo fundamental fora a reivindicación galeguista. A propia diferenciación interna e ideolóxica, levou á creación de distintos grupos coma o Partido Nazonalista Republicán, Irmandade Nazonalista, Partido Republicán Autonomista e Agrario, e demais. O Partido Galeguista naceu, polo tanto, nun seo interclasista, agrario, herdeiro do vello provincialismo e rexionalismo. Pero ademais, naceu moi ligado á cultura, con autores coma Otero Pedrayo (1888-1976) ou Vicente Risco (1884-1963), máis proclives a un nacionalismo tradicional, e outros coma Suárez Picallo (1907-1936), Alexandre Bóveda (1903-1936) ou Castelao (1886-1950), máis preto á esquerda republicana. Nace na Asamblea de Pontevedra en Nadal de 1931, xurdindo coma forza unitaria de ámbito galego, co obxectivo de acadar a autodeterminación política de Galicia dentro da forma de goberno republicana.

Parte da ORGA e o FRG, pasará a formar parte deste novo proxecto dende Pontevedra. Non había unha unidade ideolóxica total, habendo conservadores tradicionais que rexeitaban a unión coa esquerda (Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Vicente Risco), liberais (Plácido Castro), simpatizantes da esquerda (Castelao, Alexandre Bóveda, Suárez Picallo), defensores da independencia galega (Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires) e apartidistas coma Cunqueiro ou López Cuevillas. Con todo, tiñan claro que o obxectivo era Galicia e o pobo galego, mais as diferenzas ideolóxicas rematarían sendo determinantes.

Durante o Bienio Radical-Cedista (Novembro 1933-Febreiro 1936), as tensións aumentan de gran maneira, provocando a saída do sector máis conservador e dividindo en dúas liñas o nacionalismo galego. Non se debe esquecer o mérito da ORGA, pois a través dela, permitiu a Galicia ter voz no parlamento, polos seus deputados e pola inclusión de galeguistas coma Castelao, Suárez Picallo ou Otero Pedrayo. Logo da derrota nas Eleccións de Novembro de 1933 e a represión dirixida polo goberno de Lerroux e Gil Robles cara aos grupos de esquerda e ``separatistas´´, conducen a que nunha Asamblea celebrada en Abril de 1935 veña dado o xiro cara á esquerda dentro do Partido Galeguista, medrando grazas ao crecente vencellamento de partidos cara á Fronte Popular.

A procura da Autonomía nun chanzo legal e a defensa dos intereses de Galicia foi un obxectivo prioritario e continuado durante a Segunda República. Xa houbera un anteproxecto de Estatuto en 1931, pero o proceso paralizouse coa chegada ao poder do Gabinete Lerroux. Haberá polo tanto un proceso de aceleración dende finais de 1935 ate Febreiro do 36, fecha das eleccións. O xiro cara a esquerda corresponde cun crecemento da afiliación, chegando a ter uns 5.000 afiliados. Como consecuencia, nas eleccións de Febreiro de 1936, Castelao é elixido con 104.436 votos en Pontevedra, e Suárez Picallo e Vilar Ponte na Coruña, con ao redor de 150.000 cada un. Os candidatos do Partido Galeguista acadan 287.000 en total. Como resultado, o 28 de Xuño, convócase o Referéndum do Estatuto de Autonomía Galego, que pese ao fraude electoral, foi aprobado.

Logo da sublevación militar de Xullo de 1936, moitos militantes e dirixintes serían fusilados, coma Ánxel Casal, Vítor Casas ou Alexandre Bóveda. Outros tantos, marcharon cara o exilio e continuaron alía súa actividade política. En 1937, o Partido Galeguista abre unha delegación en Barcelona onde publica Nova Galicia (Abril 1937-Xullo 1938), dirixido por Castelao. Trala caída de Cataluña, moitos galeguistas pasan a Francia e de aí, cara América. Con todo, en 1942 retómase A Nosa Terra dende Bos Aires, coincidindo coa chegada masiva de exiliados coma Castelao. Para 1949 hai uns 200 afiliados entre Habana, Montevideo e México. A fundación da Editorial Galaxia o 25 de Xullo de 1950, supuxo a autodisolución do Partido Galeguista en Galicia.


Partido Galeguista na Transición Democrática

Haberá unha nova tentativa de traer eses ideais de volta á vida durante a Transición Democrática, cando en 1978, o Partido Galeguista nace pola simbiose entre a coalición do Partido Popular Galego (1976-1979) e o Partido Galego Social Demócrata (1974-1978), mais non contou co apoio dun sector do Partido Popular Galego contrario ao galeguismo. Membros do Partido Galeguista durante a República foron convidados a formar parte do proxecto, destacando Ramón Martínez López (1907-1989) coma o primeiro Presidente deste partido, ou Avelino Pousa Antelo (1914-2012) coma o primeiro Secretario Xeral. Nas Eleccións de 1979, presentouse na candidatura Unidade Galega, co Partido Obreiro Galego e o Partido Socialista Galego, aínda que abandonaría a formación o 19 de Xullo de 1980. Nun principio, o Partido Galeguista pediu o voto negativo contra o Estatuto de Autonomía Galego de 1981, pero logo das negociacións pertinentes coa UDC, acadouse o Estatuto. Finalmente, o Partido Galeguista virou cara a dereita en 1981, para logo unirse a Coalición Galega en 1983. No Congreso Extraordinario de Febreiro de 1984, acadaron a unión con Coalición Galega, significando a saída de Manuel Beiras García, histórico dirixente e pai de Xosé Manuel Beiras, dando coma resultado o Partido Galeguista Nacionalista.

A Nosa Terra

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886-1950)

Antón Vilar Ponte (1881-1936)

Avelino Pousa Antelo (1914-2012)

Proxecto de Estatuto de Autonomía Galego

Bibliografía:

  • Máiz Vázquez, Bernardo, Galicia na IIª República e baixo o franquismo, Edicións Xerais de Galicia: Vigo, 1988, p.23-25

  • https://es.wikipedia.org/wiki/Partido_Galeguista_(1931)

Imaxes: