NUMAX é un cinema, libraría e laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual situado en Santiago de Compostela. Naceu no ano 2015 como proxecto dunha cooperativa sen ánimo de lucro avalada por 182 persoas. O seu principal obxectivo é a difusión cultural, especialmente no que respecta ao ámbito cinematográfico e literario.
A modo de curiosidade, o seu nome provén do filme Numax presenta... do cineasta catalán Joaquim Jordà.
Nome: NUMAX
Área de actividade: Cinema; Libraría
Datas: 2015
Sede:
Dirección: Rúa de Concepción Arenal, 9, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°52'35"N 8°32'35"O
Páxina Web: https://numax.org/
Entidade superior:
NUMAX naceu no ano 2015 como proxecto independente, mais dende 2016 forma parte da rede de salas de Europa Cinemas, que depende da Comisión Europea. O seu local, situado na rúa Concepción Arenal a escasos metros da Sala Capitol, consta dunha sala de cinema cunha capacidade máxima de 70 persoas. Nela expóñense a diario longas e curtametraxes independentes exclusivamente en VOSE (versión orixinal con subtítulos en español), mais a miúdo tamén se organizan rondas de emisión temporal centradas en directores ou movementos cinematográficos concretos (ronda do universo de David Lynch, Abbas Kiarostami, o neorrealismo italiano, etc).
2. Socios de NUMAX en 2015
O cinema funciona mediante pases diarios, polo que os horarios de peche e apertura varían segundo as proxeccións ofrecidas no catálogo semanal. Por outra banda, os prezos das entradas son considerablemente económicos, variando en relación ao día da semana e o tipo de cliente (ocasional, abonado, estudante, desempregado...). Para as persoas abonadas ofrécense mediante notificación por correo electrónico unha serie de vantaxes periódicas.
No relativo á libraría física, esta consta de arredor duns seis mil títulos, conformando un acopio realmente diverso tanto nos xéneros coma nos idiomas ofrecidos, e que é aínda máis amplo no catálogo da web de NUMAX. A libraría forma parte da Confederación Española de Gremios y Asociaciones Libreras (CEGAL) e, desde 2019, posúe o distintivo europeo do Selo de Librarías de Calidade.
Xunto con esta ampla proxección literaria e cinematográfica, cabe dicir que NUMAX tamén dedica un pequeno espazo do seu local á venda de material audiovisual, dende DVDs ou BluRays até discos de vinilo.
Algúns dos socios que cooperan con NUMAX son Pablo Cayuela, Antonio Doñate, Olalla Cociña ou mesmo Margarida Ledo, entre outros.
A importancia da iniciativa de NUMAX para a difusión cultural valeulle a consecución do Premio Cultura Galega de Audiovisual outorgado pola Xunta de Galicia no 2016.
Bibliografía:
Cultura de Galicia (2016). Premios da Cultura Galega 2016. Recuperado o 8 de febreiro de 2022 de https://www.cultura.gal/gl/premios-cultura-galega-2016-1
Lombao, D. (17 de marzo, 2025). O cinema volve a Santiago. Praza Pública. ttps://praza.gal/cultura/numax-o-cinema-volve-a-santiago
NUMAX. (s.d.). Laboratorio. Recuperado o 8 de febreiro de 2022 de https://laboratorio.numax.org/gl
NUMAX. (s.d.). Que é NUMAX?. Recuperado o 8 de febreiro de 2022 de https://numax.org/info/que-e-numax
Imaxes:
Alejandro Tobar (gl:User:Atobar), Numax na rua concepcion arenal marzo 2018, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons
Praza Pública, Praza Publica-NUMAX-Santiago de Compostela, CC BY-SA 3.0