Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego é un museo ao servizo da investigación, conservación, divulgación e promoción da cultura galega en todos os seus ámbitos. Responde a unha vella aspiración de contar cun centro no que se reunisen, como conxunto ordenado e documentado, as manifestacións máis diversas da cultura tradicional de Galicia que, debido ao acelerado proceso de cambio económico, social e ideolóxico, estaban a experimentar a profunda transformación do seus trazos fundamentais co consecuente risco de perda de identidade.

Nome: Museo do Pobo Galego

Sigla:

Tipo: museo

Datas (Fundación): 1976

Fundador:

Sede: convento de San Domingos de Bonaval

Dirección: Costa de San Domingos, s/n

Coordenadas: 42°52′58″N 8°32′20″O 

Páxina Web: http://museodopobo.gal/gl/node/41 

Entidade Superior: Padroado do Museo do Pobo Galego

- Creación

O Museo do Pobo Galego foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en tódolos seus ámbitos. Así, constituíuse baixo o amparo dun Padroado, integrado por entidades e persoas que traballan nas distintas áreas da cultura galega, así como por representacións de institucións públicas e académicas. 

As súas primeiras salas inauguráronse en outubro de 1977, no antigo convento de San Domingos de Bonaval, un edificio fundado no século XIII por San Domingos de Guzmán, que foi reconstruído en estilo barroco nos séculos XVII e XVIII e que lle foi cedido ao Museo polo Concello de Santiago de Compostela. Na Igrexa, está emplazado o Panteón de Galegos ilustres no que descansan os restos da poetisa Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán ou do político nacionalista Alfonso R. Castelao. 

- Competencias

A Xunta de Galicia, entendendo que o Museo do Pobo Galego podía ser considerado como a cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia, recoñeceulle polo Decreto 111/1993 do 22 de maio, a competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicos e privados integrados no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.

Así, a través dun amplo e variado conxunto de pezas ofrece unha panorámica das manifestacións máis representativas da propia cultura galega. As súas salas, mostran diversos aspectos do mundo do mar, os oficios tradicionais, o campo, a indumentaria e a arquitectura popular. Ademais, dispón de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura galega. Habitualmente realizanse exposicións temporais de temática diversa. 

O sostemento do Museo está garantido polas achegas económicas e materiais (doazóns e depósitos) dos seus patróns e socios, e polo patrocinio de diversas institucións públicas e privadas.

No ano 2008 foille outorgado o Premio Nacional de Cultura tradicional e de base, un dos premios que integran os Premios Nacionais da Cultura Galega. 

Ademais, dende o ano 2005 o museo dispón dun novo departamento, o Instituto de Estudos das identidades, que se propuxo desenvolver a investigación e a intervención socio-cultural do museo e sobre todo o estudo interdisciplinar sobre a identidade galega, a súa interrelación e a súa comparación con outras identidades.