O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) é un centro específico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinado a recuperar, salvagardar, estudar, mostrar e difundir todas aquelas expresións educativas que poñan de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia, posibilitando así a súa catalogación, sistematización e custodia. Deste xeito asegurarase a súa permanencia no tempo, fomentarase a súa indagación científica e propiciarase a súa transmisión como legado vivo e en emerxencia continua ao acervo cultural de Galicia.
Nome: Museo Pedagóxico de Galicia
Sigla: MUPEGA
Área de actividade: Museo
Datas: 2004
Fundador: Xunta de Galicia
Sede:
Dirección: Rúa de San Lázaro, 107, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42º53'12"N 8º30'49"O
Páxina Web: https://mupega.edu.xunta.gal/
Entidade Superior: Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Inaugurado en 2014, o MUPEGA converteuse no primeiro museo en España especializado en patrimonio pedagóxico desde o século XIX. Ao longo da súa existencia, organizou máis de 100 exposicións itinerantes, publicou máis de 50 traballos de investigación e levou a cabo eventos congresuais de carácter nacional e internacional.
As súas instalacións distribúense en tres plantas que albergan diversas exposicións permanentes e temporais. Na planta baixa, destaca unha exposición central que resume os contidos do museo, unha imprenta histórica chamada Minerva e unha galería de personaxes galegos influentes no ámbito educativo. A primeira planta está dedicada á infancia, ao profesorado, á inspección educativa, ás escolas fundadas polos emigrantes galegos en América, aos xogos e xoguetes, á educación especial e á evolución do sistema educativo. Na planta superior, atópanse áreas específicas dedicadas á Rede Mupega, á Educación Secundaria, á Formación Profesional e á recreación de aulas históricas.
O MUPEGA tamén desempeña un papel activo na investigación e na formación, organizando cursos para especialistas e eventos que promoven a reflexión sobre a historia e a evolución da educación en Galicia. A súa misión é preservar e divulgar a memoria educativa da comunidade, servindo como recurso didáctico para a sociedade en xeral e para a comunidade escolar en particular.
Bibliografía:
Museo Pedagóxico de Galicia. (s.d.). O museo. Recuperado o 15 de febreiro de 2024 de https://mupega.edu.xunta.gal/.
Museos de Galicia. (s.d.). Museo Pedagógico de Galicia (MUPEGA). Recuperado o 28 de febreiro de 2020 de https://museos.xunta.gal/es/mupega.
Turismo de Galicia. (s.d.). Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Recuperado o 28 de febreiro de 2020 de https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/32343/museo-pedagoxico-de-galicia-mupega-?langId=es_ES&tp=13&ctre=75,.
Viéitez P., A. (25 de maio, 2019). Museo pedagógico de Galicia: un viaje por la aventura del saber. GCiencia. https://www.gciencia.com/destinos-ciencia/museo-pedagogico-galicia-mupega/.
Imaxes:
Adrián Estévez (Estevoaei), Museo Pedagóxico de Galicia, CC BY-SA 4.0