Multiusos Fontes do Sar

O Multiusos Fontes do Sar é un complexo deportivo emprazado no barrio compostelán de Sar. Construido no ano 1998, conta cun pavillón cuberto dunha capacidade máxima de 9.000 espectadores.

Nome: Multiusos Fontes do Sar

Tipo: Complexo deportivo.

Datas (Fundación): 1998 -

Sede: Pavillón Multiusos Fontes do Sar.

Dirección: Rúa de Diego Bernal, s/n.

Coordenadas: 42°52'33.4"N 8°31'49.9"W.

Páxina Web: https://www.multiusos.net/

Empresa xestora: Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos S.L.

O Multiusos Fontes do Sar pertence desde o ano 2001 á Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos S.L. (XADE), entidade que tamén se encarga das instalacións deportivas de Santa Isabel. A superficie do complexo é de aproximadamente 15.000 distribuidos entre o pavillón cuberto, as piscinas, pistas de pádel e tenis e, finalmente, o aparcamento.

Asemade, dentro das instalacións cubertas atópase o ximnasio público de Sar, que acolle ao Club de Natación Ciudad de Santiago, o Club de Triatlón Arcade Inforhouse, o Club de Triatlón Dexter e o Club Waterpolo Santiago nos seus adestramentos; así como o propio pavillón, do que o equipo Santiago Futsal e o Monbús Obradoiro C.A.B. son anfitrións. Entre ámba-las dúas instalacións, o complexo conta cun total de 15.000 sesións de actividades dirixidas ao longo de todo o ano, sendo xunto con Santa Isabel o centro cunha maior oferta en toda a comunidade autónoma.

O Multiusos Fontes do Sar non só serve como complexo deportivo, senón que a miúdo tamén é empregado para eventos culturais. Así, un dos maiores espectáculos que ofreceu foi o conxunto de oito actuacións do Cirque du Soleil en abril de 2010, cunha media de máis de 5.000 espectadores en cada unha das oito xornadas. Así mesmo, no Multiusos tamén tiveron lugar unha morea de concertos con artistas tan relevantes como Chayanne, Luis Miguel, Joaquín Sabina, Shakira, Alejandro Sanz, Van Morrison, Alice Cooper ou mesmo Mark Knopfler, entre outros moitos.


Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos