Galería Sargadelos

A Galería Sargadelos de Santiago é un dos locais que a empresa de cerámica Sargadelos S.L. posúe ao longo de toda España.

Fundada o 17 de maio de 1978, nela lévanse a cabo exposicións e actos culturais de diversa índole.

Nome: Cerámicas Galería Sargadelos de Santiago

Tipo: Galería.

Datas (Fundación): 1978 - 2020; 2020 -

Dirección: Rúa de Doutor Teixeiro, nº1.

Coordenadas: 42°52'33.9"N 8°32'40.6"W.

Páxina Web: https://www.sargadelos.com/gl/

Entidade Superior: Sargadelos S.L.

A Real Fábrica:

A famosa Cerámica de Sargadelos naceu da man de Antonio Raimundo Ibáñez, coñecido como o Marqués de Sargadelos, a inicios do século XIX tras a inauguración dunha fábrica de louza na parroquia lucense de mesmo nome. Durante a súa primeira etapa dedicada á fabricación de louza fina para vaixela con estampación de influencia inglesa, moi ben valorada naquel tempo, Sargadelos pronto se viu favorecida polo seu éxito, recibindo o título de Real Fábrica e, en 1808, o rei Carlos IV outorgoulle a Ibáñez a cruz da orde de Carlos III, así como os títulos de marqués e conde.

Tras conseguir o apoio real e consolidarse como unha das grandes empresas manufactureiras de cerámica en España, Sargadelos gozou dunha etapa de esplendor entre 1845 e 1862, xusto tras un pequeno declive que obrigara a pechar a fábrica temporalmente no ano 1842. Para entón, o novo propietario era Luis de la Riva, que arrendara Sargadelos á familia Ibáñez. A empresa tomou con el un novo rumbo e confeccionou pezas de gran calidade, ata o punto de chegar a confeccionar algunhas vaixelas para a raíña inglesa, Sabela II. Nesta etapa, a cerámica adoptaría varios estilos, non só o de pedernal de estilo sabelino, a louza semichinesa ou as estampacións monocromas, senón tamén a vaixela branca con remates azuis e esmalte brillante, estilo cuxa evolución, a día de hoxe, é a marca da casa.

Finalmente, en 1870 a familia Ibáñez recuperou o poder de xestión da empresa, reproducindo os estilos das etapas anteriores pero sen acadar aquela excepcional calidade. Porén, a nova experiencia dos Ibáñez ao cargo de Sargadelos duraría pouco, e só cinco anos despois, en 1875, os continuos preitos familiares acabarían levando ao peche da empresa, que non volvería a abrir as súas portas ata 1970.

Isaac Díaz Pardo:

No ano 1949, o artista galego Isaac Díaz Pardo fundou a fábrica Cerámicas do Castro, na que levou a cabo unha gran labor de experimentación de técnicas e estilos que acabaron derivando na porcelana branca tan característica da marca e que todos coñecemos hoxe en día. Pero o que realmente levaría á empresa de Díaz Pardo ao éxito sería a súa asociación co pintor Luis Seoane, que se atopaba exiliado en Arxentina. Paralelamente, Cerámicas do Castro incorporaba á súa produción deseños abstracto-xeométricos tomados do románico e do barroco galegos.

Este proxecto remataría na restauración de Sargadelos, aínda que reinterpretando as pezas e asociándoas a unha concepción cultural revisionista de Galicia, algo que se conseguiu grazas tanto ao traballo de Díaz Pardo coma dos deseños de Luís Seoane, cun marcado e particular estilo que evoca á simboloxía celta e ao folclore e a tradición de Galicia.

Actualmente, Sargadelos é un absoluto referente a nivel nacional no ámbito da cerámica, e o seu estilo único é facilmente recoñecible e goza de gran éxito e recoñecemento.

A Galería de Santiago:

O 17 de maio de 1978 inaugurábase unha das galerías de Sargadelos na cidade de Compostela mediante unha exposición monográfica do Seminario de Estudos Galegos. Desde entón, a galería ten albergado un gran número de coleccións de artistas, a meirande parte deles galegos, cunha intención de promocionar as pezas, non de vendelas. Isto é, Sargadelos non conta cunha Galería comercial en Santiago, senón cunha Galería promocional de novos valores das artes e as letras galegas.

Ata o ano 2020, a Galería emprazábase na céntrica Rúa Nova, pero tras meses de infructuosas negociacións sobre as condicións do aluguer do local, ese mesmo ano, no mes de maio, tivo que pechar as súas portas. Afortunadamente, en setembro a galería voltou á cidade, desta vez nun novo local situado na rúa de Doutor Teixeiro.

Bibliografía: