A Fundación DIDAC é unha organización de interese galego e sen ánimo de lucro, cuxa principal intención é a de divulgar e proxectar o deseño e as artes contemporáneas.
Nome: DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas
Sigla: DIDAC
Área de actividade: Institución cultural
Datas: 2017
Fundador: David Barro; Conchi Mayo.
Dirección: Rúa de Pérez Costanti, 12, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°52'31"N 8°32'32"O
Páxina Web: http://didac.gal/didac/es
DIDAC naceu coa idea de establecer un centro de arte contemporánea adaptada aos novos tempos, nos que xa non se demandan grandes infraestruturas, senón programacións singularizadas. A Fundación mantén un forte compromiso coa diversidade, a igualdade e a ecoloxía, e mantén a Galicia como protagonista fundamental, apoiando o ecosistema cultural galego mediante a aposta polos procesos da arte e o deseño como motores para o cambio, achegando valores diferenciais capaces de activar o desenvolvemento industrial, económico, educativo e social.
O principal obxectivo de DIDAC é axudar a vertebrar os sectores da arte e o deseño en Galicia co contexto ibérico. Porén, tamén se marcan outros obxectivos, como contribuír ao desenvolvemento sustentable das industrias creativas en Galicia e Portugal; fomentar e poñer en valor o sector do deseño; ou apoiar aos artistas e procesos creativos que faciliten a súa definitiva integración na maquinaria de desenvolvemento e proxección cultural.
A Fundación organiza exposicións, conferencias, cursos e congresos e outros proxectos, e edita publicacións das investigacións teóricas que lle son encargadas no ámbito da arte, o deseño, a cultura e a innovación e o desenvolvemento sustentable. Tamén funciona como consultora estratéxica nos ámbitos do deseño e a arte contemporánea, e así mesmo constrúe un arquivo de creadores dixital e unha colección de arte, deseño e cultura visual.
Tal e como o seu Presidente David Barros explica, DIDAC non é unha galería de arte, posto que nin representa artistas nin acode a feiras nin ten compromisos expositivos cun artista. En troques, Barros define ao proxecto como un sitio expositivo de comunicación que ten varios espazos e unha das poucas condicións que se dá é non repetir os nomes dos artistas.
DIDAC naceu en 2006 como DARDOmagazine, unha revista periódica de arte contemporánea, da man de David Barro e Paulo Reis, e pouco tempo despois tamén se fundaría unha editorial de libros de arte e unha empresa de deseño. DARDO foi un proxecto que centrou o seu interese dende os seus inicios en tender pontes creativas entre Brasil, Portugal e España, e chegou a consolidarse como editorial.
Porén, no ano 2011 finaba repentinamente Paulo Reis, o seu cofundador. Este suceso propiciou unha renovación da revista. Nesta época conseguirían o Premio Anuaria de Oro 2016 ao mellor deseño dunha publicación periódica.
Con todo, sería o día 3 de marzo de 2017 cando, froito desta renovación, nacería a Fundación DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas). Por aquel entón, David Barro, quen fora director da Fundación Luís Seoane da Coruña, dimitiu para asumir o mando do seu novo proxecto xunto con Conchi Mayo. DIDAC debutou coa exposición Specchio Paulo Reis, unha homenaxe a quen cofundara DARDO anos atrás.
Bibliografía:
DIDAC. (s.d.). Historia. Recuperado o 21 de febreiro de 2022 de http://didac.gal/didac/gl/historia
Pérez Díez, G. (3 de marzo, 2017). David Barro lanza la Fundación Didac en Santiago de Compostela. ArteInformado. Recuperado o 21 de febreiro de 2022 de https://www.arteinformado.com/magazine/n/david-barro-lanza-la-fundacion-didac-en-santiago-de-compostela-5428
Porto, H. (19 de febreiro, 2017). Ímoslle sacar un pouco de caspa á arte. La Voz de Galicia. Recuperado o 21 de febreiro de 2022 de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2017/02/19/david-barro-imoslle-sacar-pouco-caspa-a-arte