Facultade de Dereito

A Facultade de Dereito de Santiago de Compostela é o edificio da Universidade de Santiago de Compostela no que se imparten os estudos de Dereito. Desde mediados do século XX está situada no Campus Sur, na avenida do Doutor Ángel Jorge Echeverri. Anteriormente ocupaba o andar inferior da actual Facultade de Xeografía e Historia.

Nome: Facultade de Dereito da USC

Tipo: Dereito; Ensino superior

Datas (Fundación): 1649

Fundador:  Martín de Acevedo

Dirección: Avda. Dr. Ángel Echeverri, s/n. Campus Vida

15782 Santiago 

Páxina Web: https://www.usc.gal/gl/centro/facultade-dereito 

Entidade Superior: Universidade de Santiago de Compostela

Historia do Dereito en Galicia

En 1526, o Papa Clemente VII outorgaba a Alonso de Fonseca III, arcebispo de Santiago, a creación dun Colexio no que os seus membros puidesen estudar e cursar os graos de Bacharel, Licenciado, Doutor ou Mestre en Dereitos Canónico e Civil, Teoloxía e Artes. Xa en 1615, o Reitor da Universidade amosou un gran interese por crear unha Facultade de Leis, polo que informou ao Rei e ao Consello de Castela, dando os seus froitos en 1649 da man de Martín de Acevedo, comendador do Convento de Conxo e Catedrático en Teoloxía. Esta pode ser considerada a fecha de nacemento da Facultade de Leis, aínda que xa levaba máis dunha centuria de actividade. 

Na primeira etapa da Facultade, haberá catedráticos insignes coma Felipe Gil Taboada, Benito Méndez de Parga e Andrade ou Lourenzo Pérez de Xesto. En 1717, un ilustre santiagués, Manuel Ventura Figueroa, negociador do concordato de 1753, graduábase de bacharel en Leis na Facultade. Ao longo do século XVIII, hai un crecente interese por mellorar os estudos de Leis no reino, e en 1751, o Marqués da Ensenada, presenta ante Fernando VI un informe sobre estes estudos nas Universidades. Sigue outro informe de 1770 elaborado pola Universidade de Valladolid presentado ante Carlos III, polo que en 1772 o Conde de Aranda, coma Presidente do Consello de Ministros, decide aumentar o número de cátedras.

En 1807 introducíase nos estudos de Leis a materia de Economía Política, aínda que houbo máis cambios ate 1821, cando se impón o Plan Quintana, introducindo Dereito Natural e Constitución Política de 1812. A ensinanza de Dereito Canónico, común a teólogos e xuristas quedaba distribuída así: unha cátedra de Historia e Elementos de Dereito Público Eclesiástico, unha de Institucións Canónicas e unha de Historia Eclesiástica e Suma de Concilios. En 1824, a carreira de Leis, constaría de 7 cursos, mais os cambios continúan suxeitos ás circunstancias políticas. Así, en 1842, durante a rexencia de Espartero, fúndense as carreiras de Leis e Canons, dando lugar á carreira de Xurisprudencia. Dispón que comprende ensinanza das Institucións até o grao de bacharel, as de ampliación e práctica necesaria para o exercicio da avogacía até o Licenciado e as superiores até o grao de Doutor. Os cursos quedan comprendidos coma catro até o grao de Bacharel, outro até o de Licenciado e cinco cursos até o de Doutor. Dentro dos cursos incluíanse materias coma: Prolegómenos do Dereito, Dereito Romano, Dereito Civil e Mercantil, Dereito Penal, de Procedemento e Administrativo, Dereito Canónico, Códigos Civís Españois, Historia e Disciplina Eclesiástica Xeral, Dereito Político Constitucional ou Principios Xerais da Lexislación Universal Comparada. Neste plan, están en xerme moitas das materias impartidas na actualidade. 


O Século XX

As reformas do século XX, mudan notablemente a estrutura, máis ou menos asentada, das Facultades de Dereito. En 1900, nace o Ministerio de Instrución Pública, que separou Dereito Administrativo do Dereito Político. En 1919 cámbianse os nomes de Procedementos Xudiciais e Práctica Forense por Dereito Procesal Primeiro e Segundo, ademais de que en 1930, ao Catedrático de Dereito Natural se lle engade explicar Filosofía do Dereito (ate entón materia de Doutorado). Xa en 1943, sendo Ministro de Educación Nacional Ibáñez Martín, créase a Cátedra de Dereito do Traballo. Por Orde Ministerial en 1970 da Cátedra de Economía Política e Facenda Pública, desglósase en Cátedra de Dereito Financeiro e Tributario. Finalmente en 1979, desdóbrase a Cátedra de Dereito Internacional Público e a de Dereito Internacional Privado. 

Hai que sinalar, que na Facultade de Santiago e dentro do Plan Xeral dos estudos de Dereito, sendo Decano Manuel García Garrido, por Orde Ministerial do 10 de Decembro de 1966, aprobouse un plan de 11 materias de especialidade para cursar optativamente dúas delas nos tres derradeiros cursos da carreira. Estas asignaturas son Relacións entre Igrexa e Estado; Historia do Dereito Privado, Penal e Procesal; Dereito Industrial e de Bens Inmateriais; Criminoloxía e Ciencia Penitenciaria, Disciplinas afíns e temas especiais da Filosofía do Dereito; Economía Política entre outras.

Dentro dos catedráticos máis importantes da Facultade de Dereito de Santiago, cabe mencionar no primeiro terzo do século XX a Parga Torreiro, Rueda Neira, Gil Villanueva, Montero Ríos, Vilariño Magdalena ou Sánchez Somoza. No segundo terzo do século XX a Lezón Fernández, Salvador Cabeza de León, Rovira Carrero ou Gil Casares, ademais de Pedret Casado, Barcia Trelles e Legaz Lacambra. 

Bibliografía:

Imaxes:


Enlaces a datos e catálogos