Escola de Ensino Galego Semente

As Escolas de Ensino Galego Semente son unha rede de escolas de Galicia que teñen o galego como lingua vehicular. 

Nome: Escola de Ensino Galego Semente

Sigla:

Tipo: escola infantil e primaria

Datas (Fundación): 2011

Fundador: A Gentalha do Pichel

Sede: 

Dirección: Moas de Baixo nº 20

Coordenadas: 42.87528171737797, -8.577828496135009

Páxina Web: https://compostela.semente.gal/

Entidade Superior: Escolas de Ensino Galego Semente

Trátanse dunha iniciativa social sen ánimo de lucro, impulsada inicialmente pola Gentalha do Pichel, nun momento no que a Xunta de Galicia reducía a presenza do galego na escola e prohibía o seu emprego nas materias científicas. Pretende conformar, xunto con outros proxectos semellantes, as bases necesarias para a creación da Escola Nacional Galega. Toman o seu nome das Escolas de Insiño Galego creadas nos inicios do século XX polas Irmandades da Fala e impulsadas por Leandro Carré e Ánxel Casal. Desta forma, segue o exemplo das Ikastolas no País Vasco e as Bressolas na Cataluña Norte, como escolas de inmersión lingüística en linguas minorizadas.

A Semente é unha escola de pedagoxía transformadora ao servizo dos intereses populares, que quere ser, como comunidade educativa, parte activa dunha sociedade diversa e en movemento e traballar co resto de colectivos locais e internacionais pola xustiza social no mundo. Nace para dar aos nenos e nenas a posibilidade de estaren no mundo sen renunciaren á identidade. 

O proxecto comezou en Compostela en 2011 con tres alumnos e dous profesores, e actualmente ten presenza en Lugo, Vigo, Ourense, A Coruña e Trasancos.

A escola de Santiago abrangue dos 2 aos 12 anos (ensino infantil e primario) e está homologada polo goberno galego e avalada pola NEASC (New England Association of Schools and Colleges). Á parte das aulas, a escola oferta cursos para os nenos de diversas materias (gaita, fútbol gaélico, xadrez, regueifa...), campamentos que teñen como obxectivo favorecer o uso da lingua galega entre os nenos e nenas, as Sementinhas, un espazo de encontro en galego para bebés ata os 3 anos, e Babás, unha rede de coidadoras galegofalantes. O seu punto de unión é a conservación, transmisión e aprendizaxe da lingua e a cultura galegas. 

A escola segue o currículo oficial, mais non usa libros de texto, agrupa aos alumnos de forma flexible e mesturando nenos de distintas idades, traballa por proxectos procurando a autonomía dos nenos e nenas. Está en contacto coa natureza, e ten un carácter asembleario, feminista e inclusivo. Susténtase mediante cotas pagadas por colaboradores e colaboradoras, que non necesariamente teñen que ser usuarios dos servizos da escola. 

En recoñecemento ao seu labor en prol do idioma galego, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua concedeulle no 2020 o premio Mil Primaveras.

Bibliografía:

Imaxes: