Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, de Santiago de Compostela, é un centro público dependente da Xunta de Galicia fundado en 1888.

A achega deste centro de ensinanzas artísticas foi esencial na formación de artesáns e creadores, na conservación e promoción do noso legado histórico-artístico, así como na xeración dun espazo aberto á formación humanística.

Esta Escola contribuíu á profesionalización das actividades artísticas en Galicia, abrindo a toda a sociedade a posibilidade da aprendizaxe de oficios e técnicas de gran importancia económica e cultural.

Nome: Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo

Outro nome: Escola de Artes e Oficios

Sigla: EASD Mestre Mateo

Tipo: Ensinanza artística

Datas (Fundación): 1888

Fundador: Joaquín Mª. Díaz de Rábago

Dirección: Rúa Virxe da Cerca, 32, 15703 Santiago de Compostela

Coordenadas: https://tools.wmflabs.org/geohack/geohack.php?params=42_52_52_N_8_32_27_W

Páxina Web: http://www.easd.es/

Teléfono: 981 587 757

- A fundación

O 5 de novembro de 1886 creáronse en España as Escolas de Artes e Oficios a través dun Real Decreto. Nun primeiro momento, creáronse sete escolas de distrito que corresponderon a Alcoy, Almería, Béjar, Gijón, Logroño, Villanueva i la Geltrú e Santiago de Compostela, convertíndose a de Madrid na escola Central.

A Escola de Santiago, abreu as súas portas o 19 de febreiro de 1888 no edificio San Clemente (o actual edificio do Instituto Rosalía de Castro). Naceu baixo o patrocinio da Real Sociedade Económica de Amigos do País, da Deputación Provincial, da Universidade e do Concello de Santiago.

O impulsor do proxecto de creación desta Escola de Artes e Oficios foi Euxenio Montero Ríos, deputado a Cortes polo distrito de Santiago e, daquela, Ministro de Fomento.

-A dirección

O primeiro director e delegado rexio do centro foi Xoaquín María Díaz de Rábago, -que era xa o director da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago-. Mantívose no cargo ata o 29 de xullo de 1898 e durante a súa dirección estableceu dous obxectivos que debían de alcanzar este tipo de centros coas súas ensinanzas: Por un lado, instruír artesáns e obreiros subindo o nivel da cultura técnica xeral ou especial, e por outro, crear e promover a instalación de talleres de pequenas industrias atendendo para iso ás que mais se cultivaran ou floreceran na localidade", como expuxo con claridade no discurso de inauguración en febreiro de 1988.

- Ingreso

Para ingresar no centro só se esixía saber ler e escribir e a matrícula era gratuíta. Polo tanto, a Escola constituíu para moitos artesáns e obreiros unha oportunidade única de recibir unha instrución xeral e así elevar o seu nivel de cultura. Porén, a estrutura esencial do ensino na Escola era a instrución técnica.

- Influencia na sociedade compostelá

A Escola, avivou un gran interese na sociedade, ata o punto de que nos Regulamentos das Sociedades de resistencia era norma un artigo no que se recomendaba a aprendices e afiliados a asistencia ás clases da Escola. De feito, en 1896, nun manifesto conxunto de todas as sociedades de resistencia compostelás aconsellábase "facer compatible os labores nos nosos talleres coas horas de ensino nas escolas de adultos, na de Artes e Oficios e na Sociedade Económica de Amigos do País". Deste modo, a Escola colaboraba con este plan impartindo a docencia de 6 a 9,30 da tarde.

Ademais, a Escola de Artes tivo unha gran importancia no desenvolvemento das artes aplicadas en Santiago. No ano 1915 computábanse 32 talleres e establecementos creados por ex-alumnos da Escola e mesmo había unha presenza maioritaria de alumnos entre o persoal que traballaba neles. En concreto, había: tres talleres de ebanistaría, un de orífice-prateiro, dous de xastraría, un de fotografía, tres de lapidario marmorista, un de barbaría e peiteado, un de broncista, catro de carpintaría, un de construción de caixas de madeira, un de construción de máquinas de coser, dous de encadernación, tres de imprenta, un de engastado de pedras, catro de escultura, tres de ferraría, e completa esta lista un mestre de obras. Este cómputo supoñía no seu momento unha elevada porcentaxe da totalidade de talleres activos en Santiago que contaba con 24.921 habitantes e unha poboación flotante de 2.500.

- Denominacións

Durante o tempo que a Escola estivo no edificio San Clenomente, pasou por diferentes denominacións que facían referencia aos cambios nos plans de estudos que se ían implantando. Así pois, chamouse: Escola de Artes e Oficios (1888-1903), Escola Especial de Artes e Industrias (1903-1912), Escola Elemental de Artes e Oficios (1912-1936) e Escola Elemental de Artes e Oficios Artísticos (1936-1963), estando xa instalada no edificio actual. Estes cambios de nome continuaron ata a actualidade, pasando por diferentes nomes: Escola de Artes e Oficios, Escola de Artes Aplicadas, Escola de Arte e Deseño, ata a actual Escola de Arte e Superior de Deseño.

- Desenvolvemento e Plans de Estudos

Mediante un Decreto do 8 de xuño de 1910, promoveuse unha reforma das Escolas de Artes e Industrias, que impartirían dende entón dous graos de ensino: o elemental e o superior, que constituíron respectivamente o primeiro e o segundo ensino técnico. As escolas nas que se impartíu o primeiro, denomináronse Escolas de Artes e Oficios. O seu principal obxectivo era a instrución e educación técnica dos obreiros de xeito que servían ao mesmo tempo como preparatorias para o ingreso nas Escolas Industriais, que impartían o segundo ensino técnico. A Escola de Santiago acolleuse a esta lei a partir do curso 1912-1913 co seu novo plan de estudos.

A guerra civil (1936-1939) truncou os plans de reforma das ensinanzas técnico-artísticas previstos pola II República (1931-1936). E, aínda que non chegaron a interromperse as actividades escolares, o descenso de alumnado foi considerable. Porén, un aspecto no que si se interesou moito o Goberno de Burgos durante o curso da guerra civil foi o de suspender a coeducación no centro, polo que tivo que cumprirse rigorosamente a pesar do logro na porcentaxe acadada de mulleres como un dos obxectivos marcado polo primeiro director, Díaz Rábago.

Por outra banda, a Escola tamén foi unha fonte de artistas, de xeito que apareceron múltiples intervencións en edificios, parques e rúas de Santiago, tanto de alumnos coma de profesores.

En 1909 durante a Exposición Rexional Galega destinada a "demostrar o grao de adiantamento da industria, do comercio e as artes", a escola, tivo un papel moi activo a través do traballo desenvolvido na preparación e organización por parte dalgúns dos seus profesores, véndose recompensado con premios e medallas.

Amais, cabe sinalar que a penuria económica da posguerra obrigou a clausurar durante o curso 1942-1943 os talleres de Prácticas de Repuxado, Labra e Talle en madeira; e Prácticas de taller (pintura), dado que eran os que máis presuposto absorbían. Non obstante, reabríronse no curso seguinte ao concederse unha subvención polo Ministerio.

- O traslado de edificio

Porén, o maior inconvinte da Escola de Artes e Oficios foi o traslado de San Clemente a outro edificio, do un fito do que xa había rumores dende o ano 1935. No ano 1946 en pleno curso académico e despois dunhas mínimas obras de acondicionamento, realízouse o traslado ao edificio San Agustín, no que soamente se puido ocupar dez dependencias entre a planta baixa e a primeira planta (na actualidade, ocupa as cinco plantas mais a ampliación realizada nos anos setenta). O estado do inmoble era lamentable. "Os novos locais destinados a este centro eran unicamente uns vellos paredóns" segundo afirmou o profesor e ex director Roberto González del Blanco. A penosa situación refléxase no feito de que entre os anos 1947 e 1958 cursaronse ata oito peticións de reanudación das obras no edificio. Non obstante, isto non foi un impedimento para que se abrisen durante o curso 1947-1948 dous novos talleres: Labra e Talle en Pedra e Corte e Confección. Este último, estivo orientado exclusivamente ao ensino da muller.

Houbo que esperar ata o ano 1954 para que se abordase un plan de acondicionamento de todo o edificio. Un primeiro proxecto foi do arquitecto Xoaquín Vaquero, que non se puido levar a cabo, realizándose o presentado en 1958 polo arquitecto da Dirección Xeral de Belas Artes, Francisco Pons-Sorolla.

Posteriormente, no ano 1972, o arquitecto Carlos Fernández-Gago presentou un proxecto de ampliación e reforma, mais non se puido materializar ata o ano 1978. Neste proxecto, considerábase un novo corpo facendo L co antigo edificio e que creaba unha praza na parte posterior do centro, tal como se observa na actualidade.

Hoxe en día, a Escola segue no mesmo edificio, na rúa da Virxe da Cerca.

- Reformas docentes

No curso 1957-1958 créase a materia de Composición Decorativa (pintura e escultura relixiosa), xa que despois da guerra os talleres de retablos e imaxinaría relixiosa adquiriran prestixio. Porén, esta asignatura non cuaxou e os talleres foron languidecendo sen encontrar continuadores.

A finais dos anos corenta aínda pervivía o plan de estudos de 1910, que resultaba anticuado e non correspondía ás esixencias da sociedade. Por iso, houbo que eliminar materias sen contido ou modificar outras. Así, na I Asemblea do Profesorado de Ensino profesional e técnico celebrado en Madrid en outubro de 1945 solicitouse unha reforma do regulamento de 1910 cunhas conclusións elevadas ao Ministerio, pero tan só se puido abordar a reforma a partir do Plan de estabilización económica de 1959, incluíndoa nos obxectivos marcados polo I Plan de Desenvolvemento (1964-1967). Deste modo, promulgouse a nova lei reguladora dos estudos nas Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos o 24 de xullo de 1963. Na Escola de Santiago o encargado polo Ministerio de levar adiante a reforma foi o profesor Felipe Criado Martín, nomeado director en xullo do 1963.

Dende este momento, para ingresar no centro esixíase ter cumpridos os 12 anos e estar en posesión do certificado de estudos primarios. O plan, prevía dous tipos diferentes de estudos: os "regulares" con tres cursos comúns e dous especiais, e os "específicos" dunha materia ou taller determinado orientado aos traballadores artesáns para perfeccionar o seu oficio. Ademais, as escolas estaban autorizadas a organizar cursos de formación. A gran novidade que introducíu a nova lei foi a posibilidade de obter un título da especialidade correspondente, para o que había que realizar unha revalida sobre as materias dos dous cursos especiais. A denominación agora eran Escolas de Artes aplicadas e Oficios Artísticos.

A Escola de Santiago empezou a impartir dende entón tres das catro seccións de estudos que contemplaba a lei: Sección de Decoración e Arte Publicitaria, Sección de Deseño, Delineación e Trazado Artístico, e a Sección de Talleres de Artes Aplicadas ou Oficios Artísticos. E así se mantivo ata que na décade de 1990 implantáronse os ciclos formativos de grao medio e grao superior para diferentes especialidades, que na actualidade, seguen convivindo cos novos estudos superiores de deseño, e que en conxunto achegan as últimas novidades ao centro: Escola de Arte e Superior de Deseño.

- Recoñecementos

A Escola como entidade e a través dos traballos dos seus alumnos concursou en varios certames e exposicións onde acadou varios premios: Na Exposición Ibero-Americana de Sevilla en 1930 concedeuselle o Diploma de Honra polo conxunto da súa achega artística e no II Certame de Traballo de Galicia (Ferrol, 1935) outorgouselle o Diploma de Honra ao conxunto dos seus traballos.

Bibliografía: