Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

O 25 de febreiro de 1889 un grupo de corenta e un comerciantes e industriais composteláns asinaron ante Olimpio Pérez, presidente da Comisión Organizadora, a acta de constitución da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, aínda que non foi ata o 8 de marzo cando se constitiu oficialmente.

Como presidente da mesma escolleuse a Olimpio Pérez, aínda que este renunciou a exercer tal cargo, polo cal ao final foi escollido como presidente Manuel Valenciano, con Lucas de la Riba como vicepresidente (de feito será el o sucesor de Valenciano). A Xunta Xeral completábase cun tesoureiro, un contable, un secretario e varios vogais, e ademais nomeouse presidente honorario a Montero Ríos.


Nome: Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

Tipo: Corporación de dereito público

Datas (Fundación): 1889

Fundador: Olimpio Pérez

Dirección: Polígono de Costa Vella República Checa, 40, 15701 - Santiago de Compostela

Teléfono: 981 596 800

Coordenadas:

Páxina Web: https://www.camaracompostela.com/

Contacto: informacion@camaracompostela.com


Durante os seus primeiros anos de funcionamento a Cámara de Comercio non só pretendía dinamizar o sector comercial compostelán, senón que tamén se preocupou por aspectos como a construción e difusión das redes ferroviarias e de estradas convencionais, a cuestión foral, ou a emigración. A Cámara de Comercio tamén se centraba en aspectos referentes á política fiscal, monetaria e arancelaria española, dentro da tendencia rexeneracionista propia de fins do século XIX, así como tamén colaboraba na organización das festas do Apóstolo. O ámbito de actuación da Cámara de Comercio de Santiago non se limitaba soamente á cidade compostelán, senón que tamén incluía territorios de Padrón, Noia, Muros e Arzúa.

No que se refire ao financiamento da Cámara de Comercio, esta baseábase unicamente nas cotas e achegas voluntarias dos seus socios, que experimentaron un notable descenso en relación coa crise de 1898. Debido ás súas dificultades económicas, nun primeiro momento a Cámara de Comercio non contaba cun local propio como sede. Inicialmente a Cámara reuníase na Casa Consistorial, pero non foi ata 1900 cando a Cámara alugou un local propio no edificio do Círculo Mercantil. A pesar do Real Decreto de reorganización das Cámaras de Comercio de 21 de xuño de 1901 que ampliaba as funcións da Cámara e permitía que as Cortes puidesen declarar obrigatoria a cotización á Cámara, o certo é que a Cámara de Comercio de Santiago seguiu sufrindo notables problemas económicos ao longo da primeira década do século XX.

En 1902 constituíronse as comisións sectoriais da Cámara, habendo unha comisión arbitral, de comunicacións, de exportación, de ensinanza e tratados, de obras públicas e de organización comercial. A Lei de Bases de 1911 reestruturou as Cámaras de Comercio, configurándoas como “organismos oficiais dependentes do Ministerio de Fomento” e atribuíndolles a categoría de corpos consultivos da Administración en materias referentes aos tratados de comercio, aranceis, leis mercantís,... ademais de conservar as súas tradicionais funcións en materia de fomento, obras públicas, vías de comunicación e emisión de informes.

Ademais, tamén cómpre destacar outras facetas da Cámara de Comercio de Santiago, xa que en febreiro de 1916 logrouse evitar en Santiago unha folga grazas á mediación do presidente da Cámara e do alcalde cos obreiros da construción, e en 1910 conseguiuse que Santiago quedase eximida da aplicación da lei de descanso dominical. A Cámara tamén participou activamente nas demandas dunha iluminación eléctrica para Santiago e da dotación de servizos administrativos, escolares e universitarios. A mesma Lei de Bases de 1911 establecía que os cargos directivos da Cámara debían ser escollidos cada seis anos, renovados por metades cada tres anos, e dotouse ás Cámaras de ata o 2% da cota pagada a Facenda polos profesionais do comercio e da industria, co obxectivo de estabilizar os ingresos da Cámara.

Un dos temas no que máis se centraron as reivindicacións da Cámara de Comercio de Santiago foi a modificación do emprazamento da estación de ferrocarril de Santiago, xa que o feito de que a estación de Cornes estivese nos arredores de Santiago prexudicaba gravemente segundo eles ao comercio compostelán. Sen embargo, non foi ata marzo de 1943 cando se inaugure a nova estación situada na rúa do Hórreo, ao mesmo tempo que se inaugurou o tramo ferroviario Santiago-Coruña. Tamén cómpre destacar que en 1927 a Cámara propuxo a apertura dunha subscrición para recadar diñeiro para a realización dunha residencia de estudantes en Santiago.

Durante a ditadura de Primo de Rivera, as Cámaras de Comercio viron ampliado o seu carácter oficial como órganos consultivos da Administración, facéndoas depender da Dirección Xeral de Comercio e Abastos, e en 1927 a Cámara de Comercio de Santiago acordou abrir unha delegación en Noia. A Cámara compostelá amosou en diversas ocasións o seu apoio explícito a Primo de Rivera, e durante unha visita de Primo a Santiago acordouse a creación da Federación Galega de Cámaras de Comercio.

Tras a profunda crise de 1929 a Cámara de Comercio de Santiago reafirmou o seu total compromiso co libre comercio, rexeitando calquera tipo de intervencionismo do Estado, tendo en conta os efectos prexudiciais que tivo para Galicia o proteccionismo do Estado dende 1891. A Cámara de Santiago tamén aceptou a proclamación da II República, período durante o que a actividade da Cámara de Comercio de Santiago aumentou notablemente, recomendando impulsar obras públicas para paliar o problema do paro obreiro. Sen embargo, xa dende 1933 os seus recursos económicos víronse reducidos e a súa actividade reducirase sobre todo tras o estalido da Guerra Civil, aínda que se seguen tratando temas como o cambio de emprazamento da feira do gando en Santiago así como a construción de “vivendas hixiénicas para obreiros e empregados modestos”.

De todas formas, a propia identidade e autonomía da Cámara de Comercio viuse ameazada e minguada pola tendencia expansionista da Organización Sindical do Movemento. A relativa apertura do réxime franquista nos anos cincuenta fixo que a Cámara de Comercio volvese a amosar unha maior riqueza de iniciativas en defensa da liberdade de mercado e de comercio, aumentando tamén a frecuencia das súas sesións. Ademais, nesta época a Cámara de Santiago abordou temas como reunións informativas con funcionarios de Facenda sobre cuestións fiscais, condicións de exportación, información sobre feiras e campañas de promoción comercial,... ao mesmo tempo que se mantiñan certas reivindicacións locais como a mellora das comunicacións, subministración, construción de novas facultades en Santiago ou defensa das xa existentes. Aínda que se mantivo a importancia das seccións sindicais, a Lei Sindical de 1971 reafirmou a identidade e independencia das Cámaras de Comercio.

Tras a morte de Franco, a actividade da Cámara de Comercio de Santiago foi en aumento, mantendo unha liña de abstención e exclusión de temas estritamente políticos e centrándose fundamentalmente nos asuntos corporativos de interese empresarial e local, ademais de reivindicar en numerosas ocasións a necesidade da construción da Autoestrada do Atlántico ou a reparación de numerosas estradas, así como a ampliación e mellora do aeroporto de Lavacolla e o fomento do turismo. Esta tendencia mantívose ata hoxe en día, e a tradicional liña de colaboración entre as distintas Cámaras galegas deu lugar á creación do Consello Galego de Cámaras de Comercio.

Bibliografía:

  • BALBOA LÓPEZ, X. (et. al.), La Cámara de Comercio, Industria y Navegación de Santiago de Compostela: Cien años de historia. Santiago de Compostela: Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación, 1989.

  • LÓPEZ FACAL, Xoán, Olimpio Pérez : unha historia da Compostela moderna. Santiago de Compostela: Consorcio ; Vigo : Galaxia, 2017

Imaxes: