Conservatorio Histórico de Santiago

O Conservatorio Histórico de Santiago é un centro autorizado de ensinanzas musicais en grao oficial elemental e profesional, con escola de música infantil e de adultos e diferentes cursos extraordinarios.


Nome: Conservatorio Histórico de Santiago.

Tipo: Educación musical.

Datas (Fundación): 2005 -

Dirección: Praza de Salvador Parga, Baixos nºs 4-5.

Coordenadas: 42°52'54.9"N 8°32'29.6"W.

Páxina Web: http://conservatoriodesantiago.com/

Entidade xestora: Sociedad Cooperativa Galega Conservatorio Histórico de Santiago.

O Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela é un referente respecto á educación musical e cultural, debido á súa oferta dunha ensinanza especializada e a organización de múltiples actividades tanto para docentes como para alumnos de todas as idades.

O Conservatorio, que desde o ano 2005 está a ser xestionado pola Sociedade Cooperativa Galega Conservatorio Histórico de Santiago, imparte clases distribuidas en dous bloques: un primeiro centrado no grao elemental, e o segundo nun grao profesional, con cuxo título os graduados poden optar por acceder a ensinanzas de nivel superior.

  • Respecto ao grao elemental, este consta de catro cursos nos que as principais asignaturas céntranse na linguaxe musical, o instrumento e a educación auditiva e vocal.

  • Respecto ao grao profesional, este consta de seis cursos con asignaturas que varían segundo o instrumento escollido. Algunhas delas son Historia da música, Harmonía, Análise, Coro ou Conxunto. Así mesmo, no sexto curso os alumnos deben escoller unha optativa entre as cales se ofrecen Improvisación, Iniciación ao Jazz ou Música tradicional galega.

Ademais disto, o Conservatorio Histórico firmou recentemente un convenio de colaboración coa Universidade Internacional de Valencia para facilitar aos alumnos que cursan o Máster Universitario en Formación Secundaria Obrigatoria o poder realizar as súas prácticas externas nun centro galego, como é o caso do Conservatorio Histórico de Santiago.

Por outra banda, todos os estudiantes participan, xunto cos docentes, en concertos e outras actividades ao longo do curso académico que promoven tanto o seu desenvolvemento musical como a capacidade de traballo colectivo e a cooperación. Asemade, todo o profesorado posúe as máximas titulacións na súa especialidade e conta cunha formación pedagóxica.

Ademais de todo o anterior, o Conservatorio conta con outra serie de servizos, como os que se expoñen a continuación:

  • Conservatorio Infantil: Dedicada a nenos de entre 3 e 7 anos, nesta modalidade ofrécense xogos para que os máis pequenos aprendan sobre e a través da música. Tamén se lles inicia en formación corporal, rítmica, vocal, auditiva e instrumental.

  • Escola de persoas adultas: Modalidade na que se extende a aprendizaxe musical a todo o ciclo vital, adaptando a intensidade e a metodoloxía de ensinanza a distintos obxectivos e formas de adquisición de coñecementos.

  • SONSeBEBÉS: Proxecto dirixido a nenos de 0 a 3 anos. No Conservatorio enténdese que os sons e a música constitúen un elemento chave na toma contacto co mundo, o desenvolvemento da percepción auditiva, a comunicación ou as habilidades sociais. Nesta modalidade trabállanse aspectos concretos de atención, memoria, coordinación, ou mesmo entonación.

  • Outras sesións didácticas de diversa índole

Asemade, tamén se ofrecen actividades como sesións de piano a catro e seis mans ou performances de piano en inglés.

Bibliografía: