Consello Da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia de carácter asesor e consultivo, que ten como finalidade promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego.


Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, goza de total autonomía orgánica e funcional e actúa con independencia e obxectividade respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. A súa creación, no ano 1983, é orixinal no panorama autonómico, ao ser a única institución deste estilo que figura recollida nun Estatuto de autonomía.


O Pleno do Consello da Cultura Galega está formado por representantes de diferentes institucións culturais: academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.

Nome: Consello da Cultura Galega

Sigla: CCG

Tipo: Institucións; Cultura; Lingua

Datas (Fundación): 1983. Lei 8/1983, do 8 de xullo, de creación do Consello da Cultura Galega

Sede: Pazo de Raxoi

Dirección: Pazo de Raxoi, 2 andar 15705 Santiago de Compostela

Coordenadas: 42°52′50″N 8°32′46″O

Páxinas Web: http://consellodacultura.gal/ ; http://culturagalega.gal/

Teléfono: 981957202

- Creación

O Consello da Cultura Galega, que está situado no pazo de Raxoi, é unha institución estatutaria, posto que a súa existencia foi establecida polo Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en decembro de 1980. Deste xeito, o Consello foi creado, conforme prevé o artigo 32 do Estatuto de autonomía, por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Deste modo, réxese por esta Lei e tamén polo Regulamento desta, aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 162/2008, do 10 de xullo, onde se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega).

- Finalidade

O seu obxectivo principal é a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, por iso está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Asimesmo, esta institución ten personalidade xurídica propia e plena de capacidade para o cumprimento dos seus fins, actuando con independencia respecto aos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración. Amais, tamén é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización.

- Competencias

Entre as súas competencias, destaca: o fomento da lingua e a cultura galega, en canto a creacións orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio de cada xeración; investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos tanto da propia cultura como da universal; organizar actuacións culturais adecuadas aos seus fins, como congresos, seminarios, conferencias ou exposicións; a creación de grupos de pescuda, reflexión ou debate; o establecemento de arquivos ou centros de documentación; a elaboración de estudos ou informes, ou a realización de publicacións; asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén as deputacións, concellos e outras institucións; elevar aos poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.

O seu máximo órgano de goberno é o pleno, que está composto por un presidente e un ou varios vicepresidentes, así como un secretario elixido polo pleno entre os seus membros:

1. Os membros natos, é dicir, o Presidente da Xunta de Galicia, que posúe a función de presidente de honor e tamén o conselleiro de Cultura.

2. Os membros electos, designados polas institucións que forman o Consello

Bibliografía: