O Cineclube Compostela é un clube que naceu no ano 2001 da man dos estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Nel proxéctanse filmes pertencentes ao xénero de cine independente.
Nome: Cineclube de Compostela
Sigla:
Área de actividade: Asociación cultural; Cinema
Datas: 2001
Fundador:
Sede: Gentalha do Pichel
Dirección: Rúa de Santa Clara, 21, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42º53'10"N 8º32'26"O
Páxina Web: https://cineclubedecompostela.wordpress.com
Entidade superior: Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA)
Na primavera do ano 2001, un grupo de universitarios comezaron unha rolda de proxeccións sobre cine independente na súa facultade, ao que despois se lle engadían unha serie de recensións, análises ou estudos críticos das obras proxectadas.
Se ben ao comezo asistía pouca xente, co paso dos anos o público foi aumentando, e o Cineclube, ademais de constituirse como asociación cultural, mudouse temporalmente ao céntrico Cine Yago, na Rúa do Vilar, hoxe en día inactivo. Este cambio supuxo un incremento de público superior ao 100%, chegando a ter unha media de aproximadamente 190 espectadores. Finalmente, xa no ano 2005, o Cineclube trasladouse ao local da asociación Gentalha do Pichel, onde seguen a proxectar os seus filmes dende entón.
Así, pouco a pouco, comezouse a formar un fondo de vídeo, de revistas e de libros, ao cal teñen acceso os socios e socias da asociación, e que serve como canle alternativa de achegamento ao cinema. Asemade, o Cineclube conseguiu establecer acordos de colaboración co Concello de Santiago e a asociación Cidade Vella. Tamén acadaron acordos con diferentes entidades internacionais, como a Alliance Française ou co Goethe-Institut.
A dinámica de funcionamento é asemblearia, de xeito que a elección dos títulos que proxectar ou non proxectar decídese mediante unha votación por parte dos socios, os cales son quen de manter o clube en funcionamento grazas a un sistema de cuotas mensuais. Así mesmo, a asociación conta tamén con socios protectores, unha serie de empresas e entidades compostelás que pagan unha cuota para todo o ano.
Bibliografía:
Fernández, R. (7 de outubro de 2013). El cine independiente tiene su lugar en Santiago. El Correo Gallego. https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/cine-independiente-tiene-lugar-santiago-APCG830617
Federación de Cineclubes de Galicia «Feciga». (s.d.). Cineclube de Compostela. Recuperado o 24 de febreiro de 2022 de https://feciga.org/Cineclubes/A-Corunha/Compostela.html
Nós Diario. (26 de abril de 2019). O Cineclube de Compostela celebra a maioría de idade. Recuperado o 24 de febreiro de 2022 de https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/cineclube-compostela-celebra-maioria-idade/20190426125204078682.html