Centro Galego De Arte Contemporánea (CGAC)

O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea.

Creado en 1993, este centro enmárcase dentro da política xurdida en España a partir da década de 1980 para promover o desenvolvemento de plataformas culturais e favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional.

Desde os seus inicios, o CGAC amosou as liñas directrices da arte das últimas décadas mediante exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente ao carón de exposicións dedicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes.

Nome: Centro Galego De Arte Contemporánea

Sigla: CGAC

Tipo: Museos; Arte Contemporánea

Datas (Fundación): 1993

Sede: Centro Galego De Arte Contemporánea (Arquitecto: Álvaro Siza)

Dirección: Rúa Valle Inclán, 2, 15703 Santiago de Compostela

Coordenadas: 42°52′59″N 8°32′23″O

Páxina Web: https://cgac.xunta.gal/

Fundación

O Centro Galego de Arte Contemporánea, con sede en Santiago de Compostela, foi creado no ano 1993, baixo o amparo da política xurdida en España a partir da década de 1980 para fomentar o desenvolvemento de plataformas culturais e tamén para favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional, de xeito que ten unha programación estable dende 1995. Creouse ao amparo do artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia e mediante o Decreto 308/1989.

Na actualidade, pertende á estrutura orgánica da Concellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

- Funcións

Dende a súa fundación, co fin de fomentar a cultura en Galicia, realizou diversas exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente así como exposicións adicadas a difundir a arte galega, incluíndo a autores consagrados cunha traxectoria consolidada a partir da segunda metade do século XX, pero tamén de artistas emerxentes, poñendo de manifesto o coñecemento das tendencias e correntes da creación artística contemporánea.

Así pois, entre os seus obxectivos destaca: promover o coñecemento e o acceso público á arte contemporánea; garantizar a protección, conservación e restauración das obras artísticas que o integran; exhibir as coleccións para a súa contemplación e estudo; o desenvolvemento de programas de exposicións temporais de arte contemporáneo; fomentar o acceso ás coleccións dos visitantes; configurar un fondo bibliográfico e documental; desenvolver as actividades didácticas respecto aos seus contidos; formar e perfeccionar o persoal especializado en arte contemporánea; desenvolver programas de investigación e elaborar e publicar catálogos e manuais; establecer relacións de cooperación e colaboración con outras institucións; e desenvolver accións conxuntas con outras entidades.

Deste modo, o CGAC é un centro dinámico e multidisciplinar no que se celebran ciclos de conferencias, obradoiros impartidos por artistas, así como actuacións no campo da música, as artes escénicas e o cine, o que proporciona a participación activa do público e favorecen o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.

- Colección

A súa colección de arte contemporánea está composta polos fondos da Xunta de Galicia, da Colección Carlos Areán, dos fondos que adquiríu o propio CGAC e os procedentes dos depósitos e donacións. A súa colección permanente dende o ano 1995 non deixou de ascender dende entón con incorporacións de obras procedentes do contexto galego e internacional, con especial atención a artistas españois, portugueses e latinoamericanos.


Na actualidade conta con máis de 1.200 pezas adquiridas con cargo aos presupostos anuais da institución ou mediante as donacións de coleccionistas particulares, institucións ou artistas.

- Edificio

O edificio de vangarda de tres pisos do CGAC foi proxectado e construído polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira entre 1988 e 1993 tras recibir o encargo da administración galega. Está situado na zona monumental de Santiago, nos límites do centro histórico, na antiga porta de entrada do Camiño Francés e ao carón do Museo do Pobo Galego, situado no convento de San Domingo de Bonaval. Ten unha arquitectura austera e serena, pois a súa fachada é un muro de granito que foi encaixado na paisaxe respectando o recinto arquitectónico barroco xa existente, sendo así que o emprazamento do edificio é unha antiga horta do mosteiro de San Domingo de Bonaval.

No seu interior, ademais das salas de exposicións tamén alberga unha biblioteca e un auditorio.

- Asociación de Amigos do CGAC

No ano 1997 creouse a Asociación Amigos do CGAC, co obxectivo de estimular e apoiar as accións culturais que teñen relación coa misión e actividades do CGAC, así como a dimensión educativa e social destas.

A Asociación foi declarada de utilidade pública polo Ministerio do Interior o 14 de abril do 2006, co que conseguíu un recoñecemento pola valía e importancia do seu traballo apoiando a misión do CGAC como unha disminución física para os seus socios. Nesta nova etapa, hai unha maior sintonía entre o CGAC e a Asociación. Así, realizan un proxecto máis dinámico tendo unha maior actividade no terreo empresarial e social, así como no da difusión e educación de amplos sectores do público no CGAC.

Bibliografía: