Cantigas e Agarimos é unha agrupación folclórica santiaguesa fundada no ano 1921 e que, a día de hoxe, representa un dos grupos máis relevantes na recuperación, exposición e transmisión da cultura popular galega.
Ao longo dos seus 100 anos de vida, a agrupación ten evolucionado e ampliado o seu marco de actuación, actualmente centrado no baile tradicional, o coro, o instrumental e un grupo de teatro.
Nome: Cantigas e Agarimos
Área de actividade: Agrupación Folclórica
Datas: 1921
Fundador: Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Camilo Díaz Baliño, Enrique Sánchez Guerra
Sede: Antigo CEIP Ramón Cabanillas
Dirección: Rúa do Castiñeiriño, 21, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña
Coordenadas: 42°51'36"N 8°32'24"O
Páxina Web: https://www.cantigaseagarimos.es/
Entidade superior:
A comezos da década de 1920, Galicia pasaba por un momento histórico crucial no que distintas entidades e organizacións reivindicaron a recuperación da identidade galega no plano social, político e cultural. O primeiro gran exemplo disto atopámolo nas Irmandades da Fala, creadas en 1916, ou no Grupo NÓS. O certo é que estas agrupacións evolucionaron rapidamente en pouco máis de catro anos, e, a pesares de que nun primeiro momento o galeguismo estivo máis vinculado a unha liña política, dende 1920 gañou moito máis peso a liña cultural.
Neste contexto nacía Cantigas e Agarimos en 1921 da man de Bernardo del Río Parada, o seu principal promotor, e outras recoñecidas personalidades de Galicia, como Salvador Cabeza de León, quen fora alcalde de Santiago. O obxectivo que se agochaba na fundación desta entidade era a posta en valor das tradicións e a normalización da lingua galega a través da música instrumental e coral, algo que foi bastante habitual a comezos de século.
O principal antecedente da asociación orixínase non moitos anos antes, no Coro Queixume dos Pinos, que tras a pandemia de 1918 (internacionalmente coñecida como Gripe Española) atendeu a unha reagrupación na que comezaron a incluírense voces femininas nos orfeóns, dando lugar ao nacemento do que hoxe coñecemos por Cantigas e Agarimos, cuxa presentación oficial tivo lugar o 29 de xullo de 1921 no Teatro Principal e na Alameda de Santiago. Dende entón, a asociación ten sido un dos elementos fundamentais na conservación e reivindicación da nosa cultura, téndose adaptado ás tan diferentes condicións sociopolíticas baixo as que viviu, desde a II República ata a Transición, pasando por una ditadura e dúas pandemias.
Sexa como for, o certo é que o grupo gozou dunha importante influencia desde os seus inicios. Emporiso, o seu primeiro gran éxito chegaría aos 50 anos da súa fundación da man da canción A Virxe de Guadalupe. Outros hits remarcables da banda foron Lela e Os vellos non deben de namorarse, de 1961, baseados na famosa peza teatral de Castelao.
Xa nos anos 70, Cantigas e Agarimos daría un novo paso na súa propia evolución, engadindo a danza no seu marco de actividade coas foliadas, as pandeiretadas ou as muiñeiras. Ante a súa crecente relevancia, a asociación ten percorrido non só Galicia, senón boa parte de Europa grazas a festivais e certames. Tamén cabe remarcar a súa participación en filmes como O bosque animado (1987), ou en pezas musicais doutras grandes bandas do folclore galego, como Milladoiro.
No ano 2020, a pandemia de coronavirus afectou a Cantiga e Agarimos, que pasou de contar con preto de 50 compoñentes a aproximadamente 25. Con todo, segue a ser unha importante entidade para a cidade de Compostela.
Bibliografía:
Bouzas, B. (21 de outubro, 2021). 100 anos de Cantigas e Agarimos, un doce para a música e bailes tradicionais. Nós Diario. https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/100-anos-cantigas-agarimos/20211020181938130947.html
Calveiro, P. (19 de xuño, 2021). Cantigas e Agarimos, el coro centenario de Compostela que sobrevivió diezmado a dos pandemias. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2021/06/18/cantigas-agarimos-coro-centenario-sobrevivio-diezmado-dos-pandemias/00031624018443690738940.htm
Cantigas e Agarimos. (s.d.). A nosa historia. Recuperado o 11 de febreiro de 2022 de https://www.cantigaseagarimos.es/?page_id=35
El Correo Gallego. (10 de xullo, 2021). Cantigas e Agarimos cumple un siglo. https://www.elcorreogallego.es/santiago/cantigas-e-agarimos-cumple-un-siglo-GD8342495?imageNumer=2