Auditorio de Galicia

O Auditorio de Galicia inaugurouse o 20 de outubro de 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia e convertelo no centro, por excelencia, para a recepción das manifestacións culturais que a cidade xera. Converteuse en punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia.

Este recinto polivalente, cun suxestivo espazo arquitectónico proxecto de Julio Cano Laso, participa dunha situación intermedia entre o urbano e o paisaxismo natural, no que se expresa a intención de exaltar os grandes muros de pedra como valor intemporal da arquitectura galega, constante en todo o edificio, que se acrecenta co contraste e brillo das galerías acristaladas, rodeado de amplas zonas verdes e un lago artificial.

O extraordinario deseño acústico de Lothar Cramer permitiu desenvolver en condicións inmellorables, ao longo destes máis de 20 anos, unha intensa e rica actividade cultural que inclúe ópera, teatro, danza, concertos, exposicións, etc.

Nome: Auditorio de Galicia

Sigla:

Tipo: Auditorios; Salas de exposicións

Datas (Fundación): 1989

Fundador:

Sede: Auditorio de Galicia

Dirección: Avenida do Burgo das Nacións s/n

15704 Santiago de Compostela

Coordenadas: 42°53'22"N, 8°32'40"W

Teléfono: 981 55 22 90

Páxina Web: https://www.compostelacultura.gal/portalinstitucional/espazos-escenicos/auditorio-de-galicia

Entidade Superior: Concello de Santiago

O Auditorio de Galicia conta con catro salas:

  • Sala Ángel Brage

É a sala principal do auditorio. Trátase dun espazo con capacidade para 1.002 espectadores acondicionado para acoller representacións teatrais, ballet e ópera, así como concertos de música sinfónica e para a organización de congresos.

  • Sala Mozart

É unha pequena sala con capacidade para 260 espectadores destinada entre outras actividades a concertos, conferencias e ensaios teatrais. Como é unha sala independente pódese usar á vez que as outras salas.

  • Sala Isaac Díaz Pardo

Este é un espazo de 1.000 m² de forma irregular destinado ás exposicións.

  • Sala Circular

É a máis pequena das salas. Ten capacidade para 50 persoas e está destinada á celebración de coloquios, conferencias de prensa ou presentacións.


Tamén cómpre destacar que dende 1996 o Auditorio de Galicia é a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia, dirixida actualmente polo británico Paul Daniel.

Bibliografía:

Imaxes: