Ateneo de Santiago

O Ateneo de Santiago é unha asociación compostelá sen ánimo de lucro que se encarga de promover e ofrecer unha ampla gama de actividades culturais, dende clubes de lectura até charlas, exposicións ou mediatecas, pasando pola elaboración de podcasts en galego.

A asociación conta cunha historia intermitente, marcada pola súa apertura ata en tres ocasións diferentes.

Nome: Ateneo de Santiago

Tipo: Asociación cultural.

Datas (Fundación): 1966; 1980 - 1981; 2008 -

Fundador: Salvador García Bodaño.

Sede: Conservatorio Histórico de Santiago.

Dirección: Praza de Salvador Parga, nº4.

Coordenadas: 42°52'54.9"N 8°32'29.6"W

Páxina Web: https://www.ateneodesantiago.gal/

Radio: https://www.ateneodesantiago.gal/radio

Twitter: www.twitter.com/AteneoSantiago

Precedentes:

Para empezar a falar do Ateneo de Santiago debemos remontarmos ás décadas finais do século XIX, onde atopamos o seu precedente no Ateneo Compostelano. Por aquel entón, no albor das institucións académicas no panorama intelectual galego, os Ateneos naceron como Institutos científicos ou literarios altamente vencellados á crecente clase liberal burguesa e o movemento rexionalista. O modelo de referencia máis claro foi o Athenée de les Arts de París, fundado practicamente un século antes, no 1792. Porén, á súa vez, estes novos Ateneos galegos xurdiran tamén como consecuencia do paulatino ocaso que estaban a sofrer as Sociedades Económicas de Amigos do País, moi populares na España do século XVIII.

O Ateneo Compostelano foi inaugurado o 26 de febreiro de 1888, e dende ben cedo vinculouse ao Rexionalismo galego e á Universidade de Santiago. A pesares de que foi unha institución efímera, por ela pasaron grandes personalidades como Alfredo Brañas. Finalmente, acabaríase disolvendo en 1891 tras fusionarse con El Recreo Escolar.

Os primeiros Ateneos de Santiago:

Habería que agardar a 1966 para asistir ao nacemento do que hoxe coñecemos por Ateneo de Santiago. A asociación levou a cabo a organización de diversas actividades para promover a cultura, mais o réxime franquista imposibilitou que esta iniciativa cidadá se consolidase e logrando o seu peche nun curto prazo de tempo.

O Ateneo seguiu a estar disolto até o terceiro goberno de Suárez no marco da Transición. En concreto, no ano 1980 volvía a abrir as súas portas, á espera de que o afianzamento da nova legalidade democrática amparase o proxecto. Non obstante, o intento de Golpe de Estado por parte de Antonio Tejero en 1981 (23-F), aínda que fracasado, si conseguiu tumbar por segunda vez ao Ateneo, que se mantería pechado durante longas décadas.

Consolidación no novo milenio:

No ano 2008, un grupo de antigos socios do Ateneo de 1980 decidiron xuntarse de novo para impulsar a reactivación da asociación. Así, presidido por Salvador García Bodaño, o Ateneo de Santiago reapareceu oficialmente en abril dese mesmo ano presentando, iso si, algúns cambios na súa organización para adaptarse aos novos tempos.

Dende entón, o Ateneo manténse activo e ten un importante papel na salvagarda e o espallamento dunha cultura cívica na cidade compostelá. Por ese mesmo motivo, en outubro de 2012 a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza declarou ao Ateneo de Santiago como Asociación de Utilidade Pública polo seu labor na divulgación de coñecemento. Isto permitiu que se lograse incluír entre as entidades beneficiarias de mecenado.

O Ateneo abarca un amplo campo de actividade no que se poden distinguir varias seccións:

  • Compostela: sección adicada ao coñecemento da historia compostelá.

  • Sociedade civil: sección que fomenta diálogos, debates e reflexións sobre as maneiras de interpretar o mundo e a súa organización política e social.

  • Ciencia, tecnoloxía e medio ambiente: sección de educación e divulgación científica.

  • Sociedade da Información: sección centrada na información e o desenvolvemento das TIC.

  • Arte, educación e cultura: sección para a difusión das Belas Artes, a transmisión de valores cívicos e a posta en valor doutras disciplinas, como a lingüística ou a arqueoloxía.

O Ateneo tamén conta cunha videoteca e unha biblioteca temática que se organiza seguindo a disposición das seccións anteriormente expostas. Así mesmo, un dos elementos máis atractivos e novidosos que se desenvolveu nos últimos anos é o seu proxecto Radio Ateneo, que conta con varios podcasts especializados en áreas como a música (Ateneo Barroco, Ateneo Jazz) ou mesmo a gastronomía (Gastro Radio).

Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos