Asociación de Periodistas

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela é unha agrupación que se constituíu o 5 de decembro de 1945 co obxectivo de promover os valores e liberdades da información e os dereitos e deberes dos xornalistas profesionais. Esta agrupación sen ánimo de lucro, pretende protexer e amparar os dereitos e intereses profesionais dos xornalistas e ao mesmo tempo velar polo digno cumprimento dos deberes dos profesionais do xornalismo, promovendo a liberdade de expresión e defendendo a cláusula de conciencia e segredo profesional.

Nome: Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela

Sigla: APSC

Tipo: Asociacións; Xornalismo

Datas (Fundación): 1945

Fundador: 

Presidente: Luis Menéndez Villalva

Sede: 

Dirección: Rúa de Carlos Maside, 7, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña 

Coordenadas:

Páxina Web: http://periodistascompostela.gal/ 

Twitter: https://twitter.com/apscompos 

Entidade Superior: Asociacion de Periodistas de Galicia


Logo de pasar por unha etapa de estancamento, dende comezos do século XXI esta asociación rexurdiu con forza, aumentando considerablemente as súas actividades e os seus servizos, o que se viu reflectido no aumento do número de socios desta asociación. A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela forma parte da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) e dende 1984 tamén forma parte da Federación Galega de Asociacións de Periodistas (FEGAPE).

A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela ten a súa sede na rúa do Pintor Carlos Maside, en Santiago de Compostela e actualmente está presidida por Luís Menéndez Villalva.


Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX)  

Foi creada no ano 2007 no núcleo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), como unha comisión encargada dos temas de xénero.

Entre os seus obxectivos figuran os de procurar a igualdade de representación de mulleres e homes nos órganos de decisión dos medios de comunicación. No tratamento da información xornalística, avoga pola igualdade e o rexeitamento da violencia de xénero.

Para promover a igualdade de xénero e mellorar o tratamento que reciben as informacións sobre violencia, a agrupación vén de crear dúas mencións xornalísticas, unha pola igualdade  e outra contra a violencia de xénero.

A Mención Xornalística pola Igualdade vai premiar os traballos publicados nos medios de comunicación que se distingan por unha información defensora dos valores da equidade entre  mulleres e homes. A primeira mención outorgarase arredor do Día Internacional da Muller, que se celebra o día 8 de marzo.

Do mesmo xeito, a Mención Xornalística contra a Violencia de Xénero, outorgarase arredor do 25 de novembro. Con esta mención, a AMX promove nos medios de comunicación unha información acorde coas políticas que perseguen un tratamento de rexeitamento da violencia contra as mulleres e apoio ás vítimas.

Bibliografía:

Imaxes:


Enlaces a datos e catálogos