Academia Literaria De Santiago

A Academia Literaria de Santiago foi fundada en 1841 por un grupo de escritores novos que residían ou estudaban na cidade compostelá.

 Esta institución, na que convivían moderados e progresistas, serviu como plataforma de debates dos mozos provincialistas da xeración universitaria de 1846, ademais de dar a coñecer as producións literarias destes mozos escritores.

Aínda que inicialmente a Academia non tiña un obxectivo político concreto, o certo é que ao final acabou derivando cara un forte compromiso co galeguismo.

Nome: Academia Literaria De Santiago

Sigla:

Tipo: Academias; Cultural; Literario; Político

Datas (Fundación): 1840

Fundador: Domingo Díaz de Robles

Sede: Mosteiro de San Martín Pinario

Dirección:

Coordenadas:

Páxina Web: 

Entidade Superior:

O presidente da Academia era Díaz de Robles, un militar ferrolán destinado en Santiago e que publicou diversas obras tanto en galego como en castelán e, de feito, a revista El idólatra de Galicia (fundada e dirixida por Díaz de Robles) recollía algúns dos traballos lidos nas sesións da Academia. Pola súa banda o secretario da Academia era Miguel Rúa, e nela tamén participou xente como Antolín Faraldo, Leopoldo Martínez Padín, Neira de Mosquera, Alberto Camino, etc... A maioría dos seus membros militaban no Partido Progresista ou no Partido Moderado, os dous grandes partidos da Restauración en España.


A Academia Literaria de Santiago estaba patrocinada polo xeneral Martín José Iriarte, que lles proporcionou aos mozos literatos un local onde reunirse, o refectorio do mosteiro de San Martiño Pinario que, daquela, estaba deshabitado a causa da desamortización e exclaustración. Sen embargo, posteriormente o concello santiagués negoulles o dereito a usar o mosteiro de San Martiño Pinario como local.


Os membros da Academia adoitaban ser considerados como a primeira elite a partir da que xermolou o Rexurdimento, o Provincialismo e mesmo o galeguismo e, de feito, algúns deles participaron na Revolución de 1846, na que o coronel Miguel Solís e outros militares de Galicia se alzaron contra o goberno de Narváez. O levantamento non triunfou e en abril de 1846 Miguel Solís e outros once compañeiros foron executados en Carral. Dende aquela son coñecidos como “os mártires de Carral”. Como mostra da implicación dos literatos da Academia neste levantamento, cómpre destacar o feito de que un grupo de estudantes (uns trescentos) da Universidade de Santiago formou unha compañía militar coñecida como o “Batallón Literario” para combater e apoiar o levantamento de Solís, ao igual que tamén se formara un Batallón Literario para combater na Guerra de Independencia contra os franceses.


Cómpre destacar que a maioría dos membros da Academia eran de estirpe fidalga e defendían un liberalismo rexionalista para que fosen eles e non os de fóra os que gobernasen ao pobo, xa que hai que ter en conta que nesa época a fidalguía estaba a sufrir unha auténtica crise de identidade e eran conscientes de que era imposible regresar á sociedade estamental propia do Antigo Réxime.

A xeración de 1846 estaba moi comprometida coa realidade galega e entendía que a literatura era inseparable da vida do pobo en todas as súas formas e expresións. O modelo literario que se impoñía era o “romanticismo social”, e xurdiu un compromiso coa realidade por vía estética que foi levado ata as últimas consecuencias sociopolíticas.

Bibliografía: