Alfonso Zarauza

1.Título da foto

Alfonso Zarauza é un cineasta compostelán nado en 1973, cunha recoñecida traxectoria como guionista e director.

Nos seus films, Galicia é unha protagonista máis e presenta temas e particularidades propias como o misticismo e a choiva.

A súa traxectoria comezou coas curtametraxes Hai que foderse (1994), Aproba! (1995), A danza de Katiuska (1998) e Touro (2002), nas que desenvolveu as funcións de guionista e director.

Nome completo: Alfonso Vilas Zarauza

Datas: 1973

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Cine

Grupo asociado: Escola de Imaxe e Son de A Coruña

Ocupación: Directores de cine

Lingua: Galego; Castelán

As súas longametraxes mostran distintas realidades desde unha perspectiva decadente e peculiar. A noite que deixou de chover (2008) está ambientada na noite compostelá da zona vella. Encallados (2013) supón unha autocrítica con toques de humor ao cinema e dentro da mesma, centra a súa atención na traxedia do Prestige nas costas de Galicia. En Os fenómenos (2016) parte da vivencia dunha nai solteira que regresa a Galicia para traballar de peón de obra.

No ano 2014 dirixiu o documental A viaxe dos Chévere, un achegamento filmado ao traballo da compañía de teatro, mentres elaboraban a Ultranoite no País dos Ananos, un musical estreado no concello de Teo que xirou posteriormente por Galicia.

Tamén traballou como produtor e realizador en films como Un rei na Habana (2004) ou Nordés (2009). Ademais, participou na realización de videoclips, anuncios e documentais como Machín toda unha vida (2002).

Participou en distintos festivais internacionais de cinema, obtendo recoñecemento ao seu traballo con premios tales como mellor película e mellor director de longametraxe nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual por Os fenómenos.

En outubro de 2019 comezou a rodaxe de Ons, filme de misterio, pendente de estrea.

Bibliografía:

Diccionario do cine en Galicia : (1896-2000) / coordinación José Luis Cabo Villaverde, José Antonio Coira Nieto, Jaime Pena Pérez. [A Coruña] : Centro Galego de Artes da Imaxe, D. L. 2002

AVG, O Soportal do Audiovisual Galego: Alfonso Zarauza http://culturagalega.gal/avg/persoas_detalle.php?Cod_prsa=1450&busca=Alfonso%2520Zarauza [Consulta 15-4-2020]

CREA, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia http://www.crea.gal/socio/alfonso-zarauza/#tab-id-2 [Consulta 15-4-2020]