Diego Xelmírez

1Romanesque Medieval Miniature of Didacus Gelmirici, from the illuminated manuscript of the Tumbo de Toxosoutos (Galicia), 13th century

Diego Xelmírez foi bispo da cidade de Santiago de Compostela entre os anos 1101 e 1136, chegando a converterse nunha das grandes figuras dentro da historia da cidade e tamén da propia Galicia, pasando a formar parte da paisaxe monumental galega.

Nome completo: Diego Xelmírez

Datas: 1068-1140

Lugares: Catoira, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Igrexa Católica

Ocupación: Arcebispos

Lingua: Latín

A vida de Diego Xelmírez está chea de incógnitas e preguntas, xa que non coñecemos o seu lugar de nacemento con exactitude, nin o ano da súa morte ou onde están situados os seus restos. Existen fontes que nos levan ata Catoira xa que, probablemente, seu pai foi o custodio das Torres do Oeste.

Antes do seu consagramento como bispo, con apenas 20 anos, converteuse no chanceler e conselleiro de Raimundo de Borgoña, esposo da futura raíña Urraca IV. Un dos seus papeis máis importantes foi como promotor das artes, cun arduo empeño por engrandecer a vila xacobea e a súa diocese, para convertela nun verdadeiro referente.

A pesares de que non é el o iniciador da Catedral de Santiago, impulsouna ata convertela nun dos templos máis importantes do Románico europeo e nun dos epicentros das peregrinacións da Igrexa Católica. Tivo unha forte vinculación cos monarcas da época e deixou como legado toda unha serie de construcións que chegan ata os nosos días, nunha época que está caracterizada pola actividade construtora da catedral.

O seu papel na cidade de Santiago tivo unha gran importancia tamén no relativo á arquitectura civil e ao urbanismo da cidade, chegando a construír dous palacios episcopais, un xunto á Porta de Praterías e outro no lado norte, ademais dun hospital de peregrinos e numerosas fontes, unha cuestión pola que o bispo tiña unha gran preocupación.

Toda esta xestión vai acompañada de numerosas viaxes, que lle permiten entrar en contacto cos referentes artísticos europeos para finalmente, trasladalos á cidade.

Para deixar constancia de toda a súa obra e legado, manda recopilar unha serie de documentos que darán lugar a unha obra coñecida como Historia Compostelana ou Hechos de D. Diego Xelmírez, primer arzobispo de Santiago, mandada realizar por el mesmo en latín entre os anos 1107 e 1149 chegando a converterse nun dos textos básicos para coñecer a historia da Galicia medieval.


Bibliografía:

  • HERNÁNDEZ FERREIROS, Ana ( 2010). Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez . Quintana, 9, 255-259.

  • LÓPEZ ALSINA, F., MONTEAGUDO, H., VILLARES R., YZQUIERDO PERRÍN, R. (2013). O Século de Xelmírez. Santiago de Compostela. Consello da Cultura Galega

Imaxes:

  1. Romanesque Medieval Miniature of Didacus Gelmirici: Braracaugustana, Gelmires, CC0 1.0