Vázquez Suárez, María

1.Maruja Vázquez Suárez

María Vázquez Suárez (Santiago de Compostela, 1895 - Praia de Bañobre, A Ponte Baxoi, Miño, 1936) foi unha mestra, sindicalista e militante socialista compostelá, asasinada polos sublevados após o golpe militar de 1936.

Nome completo: María Vázquez Suárez

Datas: 1895-1936

Lugares: Santiago de Compostela - Praia de Bañobre, A Ponte Baxoi, Miño

Campo de actividade: Ensino 

Grupo asociado: UGT; PSOE

Ocupación: Mestra

Lingua: castelán

María Vázquez Suárez naceu en 1895 en Santiago de Compostela, filla de Joaquín Vázquez, militar e logo empresario, orixinario de Vilaescura (Sober); e de Andrea Suárez. 

Ao xubilarse o pai, a familia trasladouse á Coruña, onde María estudou Maxisterio, acadando o título de mestra superior en 1913. En 1918 é nomeada para a escola de nenas da Pobra do Caramiñal, onde exerceu durante 12 anos. Non é ata 1929 que consegue a praza na escola nº 2 de Miño. 

Desde o inicio da súa carreira profesional interesouse pola formación pedagóxica, recibindo cursos de perfeccionamento na Coruña, onde estivo con María Barbeito, e simpatizou co movemento de renovación pedagóxica impulsado pola República, coa organización de numerosas saídas escolares coas alumnas de Miño. Segundo a súa afillada María Victoria, que aínda conservaba na súa casa revistas pedagóxicas da mestra, María Vázquez tiña bos dotes de costureira e facía uniformes para as alumnas sen “distinción de clase”.

En Miño, María desenvolveu unha actividade solidaria en prol das persoas máis desfavorecidas e unha intensa actividade política, militando no PSOE, participando en mitins e diversos actos, e sendo fundadora da agrupación socialista de Miño en 1933. Estaba tamén afiliada á sección de ensino da UGT e era socia de agrupacións feministas, como a Agrupación Republicana de Mulleres, onde coincidiu con Elvira Bao e María Barbeito, destacando nos seus discursos a preocupación polos dereitos das mulleres. En 1933, impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas.

Segundo contan en Vilaescura, fora animada a esta actividade social e política polo seu pai, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade. 

No momento do golpe militar en 1936, María atopábase na Coruña, onde foi detida a inicios de agosto, acusada, entre outras cousas, de defender a escola laica e o amor libre, así como de enterrar a súa nai sen o rito católico. Foi trasladada ao cárcere de Pontedeume, onde sufriu tortura e non lle deixaron comunicarse con ninguén nin permitiron que o seu pai puidese entregarlle roupa ou comida. O 14 de agosto foi destituída da escola nº 2 de Miño. 

Na madrugada do 19 de agosto foi sacada do cárcere e trasladada por falanxistas e gardas civís de Pontedeume a Miño, sendo asasinada probablemente na praia de Bañobre. A súa casa foi saqueada e os seus libros foron queimados. 

A comisión depuradora provincial propuxo a súa separación definitiva do ensino, que as autoridades centrais fixeron pública case seis anos despois do asasinato. Segundo un membro da devandita comisión, “era tan mala, irrascible [sic] y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los nacionales, por el peligro que constituía”. O informe sobre a mestra elaborado polo párroco de Miño di dela: 

Despreocupada del cumplimiento de su deber, asistía a la Escuela cuando otros menesteres no se lo impedían. Ignoro lo que sus alumnas hayan podido aprender en orden a la formación intelectual; lo que sí puedo afirmar con todos los caracteres de la realidad, [es] que las alumnas que ha tenido llevan en su frente el estigma rojo, que únicamente les desaparecerá con la muerte.” 

Após a súa morte, o seu pai Joaquín foi obrigado a abandonar Miño, regresando a Vilaescura, onde lembran que nunca superou a morte da súa filla, que o pasou mal o resto da súa vida (ata a súa morte en 1950) e que se fixo un home solitario. Detrás dunha foto dela escribiu: "Maruja Vázquez Suarez, Maestra de Miño - Fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!". 

Bibliografía:

Imaxes:

Enlaces a datos e catálogos