Alfredo Vicenti

1.Alfredo Vicenti

Alfredo Vicenti foi un recoñecido xornalista e poeta nado en Compostela o 20 de novembro de 1850 e finado en Madrid o 30 de setembro de 1916. Estudou Medicina e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela aínda que nunca chegou a exercer profesionalmente.

Nome completo: Alfredo Vicenti Rey

Datas: 1850-1916

Lugares: Santiago de Compostela-Madrid

Campo de actividade: Literatura; Xornalismo; Política

Grupo asociado: Asociación de la Prensa de Madrid

Ocupación: Escritores; Xornalistas; Políticos

Lingua: Castelán

Colaborou en xornais locais de tendencia republicana e federal como El Diario de Santiago, alcanzando os postos de redactor xefe e posteriormente, de director en 1878.

Tivo que abandonar Santiago en 1880 polas súas diferenzas ideolóxicas co cardeal Miguel Payá e Rico respecto da liberdade relixiosa e trasladouse a Madrid, cidade onde consolidou a súa carreira e recoñecemento como xornalista. En Madrid desempeñou o cargo de director en La Ilustración Gallega y Asturiana, no xornal El Globo ata en 1895 que abandonou por oposición á política de Castelar e tras isto, encargouse da dirección do Liberal ata 1916, ano do seu falecemento.

A implicación de Vicenti na profesión levouno a fundar a Asociación de la Prensa de Madrid co obxectivo de defender os intereses e dignidade dos xornalistas, e actuou de modelo para outros centros posteriores no país. Durante a súa carreira sempre estivo interesado en dar voz a artistas e escritores como Valle-Inclán ou Castelao e foi un dos precursores en incluír críticas culturais de temática variada e poemas nos xornais.

O seu compromiso político marcou a súa traxectoria e vida, Vicenti era un demócrata convencido, republicano federal laico e partidario da liberdade de cultos e agrarista. Foi un dos principais líderes de Acción Galega e un dos tres directores da Liga Agrario- Redencionista.

Ademais colaborou en publicacións como o xornal El Heraldo Gallego (Ourense) onde publicou por entregas a súa obra A orillas del Ulla, La provincia de Pontevedra ou Las dos aceras del estreito de Gibraltar; deu imprenta a libros como Recuerdos y Dioses Menores e edición en libro de A orillas del Ulla.

A pesar de ter que deixar Galicia, nunca se desvinculou da súa terra e isto reflectiuse no seu traballo como xornalista, retratando sempre a realidade galega.

Na súa produción destacan Conferencia de don Alfredo Vicenti y de don Alvaro Alcalá-Galiano, Obra selecta, Poesía, Recuerdos, Don Quijote y el honor na celebración do III Centenario da publicación da obra de Cervantes; os libros Alfredo Vicenti, poeta (1907), Aldeas, aldeanos y labriegos en la Galicia tradicional (1986), Galiciana básica de Alfredo Vicenti poesía e prosa (1868-1916) publicado en 2001; a colección de poesías Recuerdos (1868-1875) ou manuscritos como Carta de Alfredo Vicenti a José del Castillo y Soriano y Carta a Francisco Fernández Villegas.

Bibliografía:

  • Durán, José Antonio , ed. Alfredo Vicenti, "El Maestro" del periodismo español : (Santiago, 1850/Madrid, 1916). Asociación de la Prensa de Madrid, 2001

Imaxes:

  1. Diego Calvache Gómez de Mercado (https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Alfredo_Vicenti.png), „Alfredo Vicenti“, marcado como dominio público,