Ramón María del Valle-Inclán

1.Valle-Inclán

Don Ramón María del Valle-Inclán foi un escritor, dramaturgo e poeta nacido en Vilanova de Arousa en 1866.

Educado cos libros da gran biblioteca do seu avó, estudou Dereito en Santiago de Compostela por desexo do seu pai a partir de 1887, abandoando a carreira coa morte deste ultimo en 1890, non sen antes pasearse polas tertulias e rúas da cidade.

A partir de aquí iría a Madrid para adicarse á súa carreira literaria, viaxando a países como México, Arxentina, Francia e Italia.

Nome completo: Ramón María Valle-Inclán Peña

Datas: 1866-1936

Lugares: Vilanova de Arousa, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Literatura

Grupo asociado:

Ocupación: Escritores; Dramaturgos; Poetas; Novelistas

Lingua: Castelán

Nos seus inicios militou no carlismo, para acabar profesando simpatías polos revolucionarios soviéticos da URSS, defendendo tamén causas coma os dos indíxenas latinoamericanos.

Durante todo este tempo escribiu obras fundamentais da literatura española coma a serie das Sonatas: Memorias del Marqués de Brandomín, a serie das Guerras Carlistas, das Comedias Bárbaras e El Ruedo Ibérico; novelas coma Tirano Banderas: novela de tierra caliente. Creou un xénero literario propio cos Esperpentos, entre os que se inclúen Luces de Bohemia e Los cuernos de Don Friolera. Escribiu ademais innumerables relatos curtos e poesías.

A pesar de toda esta obra e da súa calidade, sufriu grandes períodos de penuria económica, o que non lle impediu obter un gran recoñecemento por parte dos intelectuais e artistas da súa época. Isto, en parte, debeuse á súa personalidade excéntrica, pois creou un personaxe de si mesmo co que protagonizou numerosas anécdotas, incluíndo unha pelexa na que acabaría perdendo o brazo. Tamén recibiu varios cargos ao longo da súa vida, coma o de Presidente Honorífico de la Asociación de Amigos de la Unión Soviética, Conservador General del Patrimonio Artístico Nacional (cargo creado polo Xefe de Goberno da II República expresamente para el), presidente do Ateneo de Madrid e presidente da Academia Española de Bellas Artes de Roma.

Pasou os seus últimos anos de vida en Santiago de Compostela debido aos seus problemas de saúde a causa da súa vexiga, alternando a súa estancia entre o Sanatorio Médico-Quirúrgico e cafés como o Derby e o Español.

Faleceu o 5 de xaneiro de 1936.


Bibliografía:

  • Lima, Robert. Valle-Inclán: el teatro de su vida. Vigo: Nigra, D.L. 1995. ISBN: 84-87709-42-7

Imaxes:

  1. By Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga Commons)(Lmbuga Galipedia) - Commons., CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=775765