Teodomiro, Bispo de Iria

1.Tumba de Teodomiro na Catedral de Santiago

Teodomiro foi bispo da diócese de Iria Flavia (parroquia do concello de Padrón) a inicios do século IX e posteriormente arcebispo da Sé de Santiago de Compostela.

Sucesor de Quendulfo no cargo eclesiástico, pasou á historia por ser o descubridor de iure do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior no ano 814 d.C, evento que marcou o inicio do fenómeno da peregrinación ao Lugar Santo. O seu sucesor foi Adulfo I.

Nome completo: Theodemirus

Datas: s. VIII-IX -20 de outubro do ano 847

Lugares: ?-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Igrexa católica

Ocupación: Bispos

Lingua: Latín

1. A descuberta da tumba do Apóstolo


Dende o punto de vista da súa carreira eclesiástica, o fito máis importante foi o “descubrimento” da tumba do Apóstolo Santiago O Maior á altura do ano 813 d.C., a través da inventio. Segundo a lenda, Teodomiro recibiu a noticia de que un monxe do monte Pelagio observara unha serie de fenómenos luminosos nun bosque preto da vila. O prelado desprazouse ata este lugar (dende entón referenciado como Campo de Estrellas) e, axudado pola vontade divina e unhas inscricións gravadas na rústica lápida funeraria, recoñeceu a tumba do Apóstolo Santiago e de dous dos seus discípulos, Atanasio e Teodoro.

Teodomiro informou ao rei Afonso II O Casto, quen fixo construir unha capela, a primeira igrexa cuxa estrutura se atopa na cripta da Catedral de Santiago na actualidade. Neste evento pseudohistórico da descuberta dos restos do Apóstolo, a figura de Teodomiro sempre aparece na historiografía eclesiástica como o primeiro descubridor, o que identifica o atopado coa axuda de Deus e quen o revela; representa o poder espiritual. Afonso II aparece coma o depositario do coñecemento dos feitos e da capacidade de decisión; representa o poder terreal ou político. Existen dúas realidades diferentes en canto á consideración sociopolítica destas dúas figuras e o rei representa a personificación do poder público, o depositario segundo a tradición hispanovisigoda da virtude que lexitimaba a súa autoridade política e xudicial.

A Sé episcopal de Iria fundouse no primeiro terzo do s. IX. O eco do descubrimento dos restos do Apóstolo elevaron o status de Teodomiro na carreira eclesiástica, comezando polo traslado en 1095 da Sé a Santiago de Compostela, sendo Teodomiro o bispo da cidade apostólica. Neste momento, o desenvolvemento do culto e da peregrinación a Santiago de Compostela viuse fortemente acrecentado.


2. Contexto histórico: Compostela como escenario das relacións de poder feudais

Atopámonos nun contexto político-institucional de integración do territorio de Galicia na Coroa de Oviedo, un dos reinos cristiáns do norte peninsular que se mantivo fóra do dominio do poder musulmán.

Un período transicional no que, aínda que dende o punto de vista da estrutura da sociedade feudal os privilexios e características da mesma estaban xa establecidos, a particularidade deste contexto, así como o feito de que o poder local en Galicia estivese en mans da Igrexa, por riba da nobreza laica, fixeron que as relacións entre o bispo de Santiago (autoridade máxima en canto tal no territorio galaico, entendendo o poder que exerce a nivel económico e na mentalidade colectiva) e o monarca ovetense fosen singulares.

O territorio considerado como Gallaecia, constituído como reino independiente ata o 585 d.C, experimentou unha transformación relixiosa logo da súa conversión ao catolicismo; isto deu lugar a unha tradición singular que tivo a súa expresión na longa serie de bispos á que pertencía Teodomiro, cuxa doutrina non gardaba relación coa hispanovisigoda (é dicir, coa adoptada pola monarquía ovetense) e que contribuíran a reforzala nos concilios de Braga e de Toledo. A importancia primeira disto redunda no exercicio de funcións de goberno por parte da nobreza eclesiástica, á parte das correspondentes dende o punto de vista relixioso.

Nunha dinámica dispar, a descuberta conxunta dos restos dun apóstolo de Cristo fortaleceron por un lado, a predicación de Santiago en Hispania e o conseguinte patrocinio sobre os cristiáns e mesmo na corte e por outro, a Afonso II, que foi recoñecido pola nobreza laica galega e polo bispo como monarca lexítimo, nun contexto de incipiente neogoticismo da corte oventense.


3. Pegada de Teodomiro na historia de Compostela

Das fontes que remiten á súa presenza en Compostela e á súa importancia e papel na configuración desta como sede episcopal, destaca a lauda sepulcral atopada na Catedral de Santiago, que ofrece información sobre a identidade, cronoloxía e lugar de enterramento do bispo de Iria. Este é o texto:

IN HOC TUMULO REQUIESCIT FAMULUS D(e)I THEODEMIRUSlRIENSE SEDIS EP(iscopu)S QVI OBIIT XIII K(a)L(en)D(a)S N(ovem)BRIS E(ra) DCCCLXXXVA.

Nesta tumba descansa / o servo de Deus Teodomiro / Obispo da Sede Iriense que faleceu /nas decimoterceiras Kalendas de Novembro da era DCCCLXXXV


Nembargantes, o protagonismo de Teodomiro e mesmo de Afonso II é interpretado dende diferentes perspectivas, como ocorre co Cronicón Iriense, crónica altomedieval escrita en latín que recolle feitos históricos da diócese de Iria Flavia durante o período comprendido entre 561 e 982; e a Historia Compostellana, relato dos feitos de Diego Xelmírez durante o seu cargo como bispo (dende 1100) e arcebispo de Compostela (dende 1120 ata 1140). As decisións de ámbolos dous foron interpretadas en función dos puntos de vista dos distintos redactores.

En torno ao tumbo A da Catedral de Santiago existe un debate sobre que ou cantos dos privilexios de Afonso II, que figuran nunha serie de diplomas reais copiados nesta fonte, pertencen á creación ou remodelación dos clérigos do s. XII, ou ben, son testemuñas dos feitos acaecidos á altura do ano 813. Si se coñece a existencia dun breve relato da descuberta dos restos do Apóstolo de man de Teodomiro e coa intervención do rei de Oviedo.

Bibliografía:

  • DOMÍNGUEZ GONZÁLEZ, Fernando Jesús Mario, Mateo el escultor del pórtico de la gloria, Alicante, Editoral Club Universitario 2010

  • LÓPEZ TEIXEIRA, Xosé Antonio, A formación do Reino de Galiza (711-910), A Coruña, Editorial Toxosoutos Serie Trivium 2010

  • PALLARES, Mª Carmen e PORTELA, Ermelindo, Reyes, obispos y burgueses en PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003

  • PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003


Referencias:

1PALLARES, Mª Carmen e PORTELA, Ermelindo, “Reyes, obispos y burgueses” en PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003, p. 128

Enlaces a datos e catálogos