Taibo, Victoriano

1.Victoriano Taibo

Victoriano Taibo (Santiago de Compostela, 1885 - Vigo, 1966) foi un mestre, poeta e narrador compostelán. De ideas galeguistas e de esquerdas, foi membro das Irmandades da Fala e da Real Academia Galega.

Nome completo: Victoriano Taibo García

Datas: 1885-1966

Lugares: Santiago de Compostela - Vigo

Campo de actividade: Literatura; Ensino

Grupo asociado: Irmandades da Fala; Seminario de Estudos Galegos; Partido Galeguista; Real Academia Galega

Ocupación: Mestre; Escritor

Lingua: galego, castelán 

Nado nunha familia de clase media, estudou Maxisterio na Escola Normal compostelá, onde foi redactor de Miña Terra. Alí contactou co movemento galeguista a través da Irmandades da Fala, participando nas da Coruña e Santiago, e fundando a de Ortigueira. Sobre el tivo unha gran influencia Luís Porteiro Garea. Asina o Manifesto da I Asemblea nazonalista (Lugo, 1918). 

Toda a súa actividade profesional dedicouna ao ensino, primeiro en centros privados e logo en escolas públicas, actividade que o guiou por unha decena de escolas, desde A Ponte de Mera ata Vigo. Hai constancia da súa alta valoración como docente, incluso no seu desterro en Villalar de los Comuneros, vindo as mostras máis evidentes de Morgadáns, onde estivo máis de dezaseis anos: por unha banda, a enorme cantidade de sinaturas recollidas polo párroco para que fose reposto; por outra, a homenaxe que lle fixeron os seus ex-alumnos en 1955. 

Mantivo unha relación epistolar con Manuel Antonio. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos desde 1926 e do Instituto Histórico do Minho desde 1930. 

Participou na campaña a prol do Estatuto de autonomía de 1926, intervindo en mitins acompañado de Castelao, Paz-Andrade e Antón Alonso Ríos. No golpe de Estado de 1936, foi depurado e desterrado a Villalar de los Comuneros (Valladolid) en 1938, debido a unha denuncia motivada por un enfrontamento co párroco de Peitieiros. Non regresou a Morgadáns ata 1942.

A proposta de Eladio Rodríguez, Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Ángel del Castillo e Florentino López Cuevillas, ingresou na Real Academia Galega en 1946. 

Só publicou tres libros, dous poemarios e unha obra narrativa. A súa obra máis extensa é a que publicou en innúmeros xornais e revistas do país e de fóra del: O Gaiteiro de Lugo, A Nosa Terra, Céltiga, O Tio Marcos d'a Portela, Nós, Ilustración Gallega, Rexurdimento, Vida Gallega, Labor Gallega, A Fouce, Airiños, Alborada, La Noche, Lar, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, Ronsel, ABC e Sonata Gallega. Tamén participaba nos máis diversos actos, escribía prólogos, participaba en xurados, etc. Parte da súa obra literaria segue inédita. Como poeta pertenceu á xeración das Irmandades ou Xeración do 16. A súa poesía seguía as direccións dos primeiros libros de Cabanillas, de quen era discípulo literario: costumismo, lirismo intimista e poesía de "luita". 

Bibliografía:

Imaxes: