Gumersindo Sánchez Guisande

1.Gumersindo Sánchez

Gumersindo Sánchez Guisande, nado na Avenida de Raxoi de Santiago de Compostela, foi un ilustre intelectual do ámbito da Medicina, así como un militante do Partido Republicano Radical Socialista e de Izquierda Republicana.

Na súa época foi coñecido como "o médico dos nenos pobres".

Nome completo: Gumersindo Sánchez Guisande

Datas: 1892 - 1976.

Lugares: Santiago - Bos Aires.

Campo de actividade: Medicina.

Grupo asociado: Partido Republicano Radical Socialista; Centro Gallego de Buenos Aires.

Ocupación: Médico; Profesor.

Lingua: Castelán; Galego.

En 1908, Sánchez Guisande iniciou os seus estudos de Anatomía na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose con Premio Extraordinario sete anos despois e acadando o doutorado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Madrid en 1916. Xa en 1918 viaxou a Portugal, pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios (JAE), para traballar na organización dos Institutos de Anatomía. Tamén pasou polo Instituto Anatómico de Porto e por Lisboa antes de voltar a Compostela, onde exerceu temporalmente como pediatra e profesor auxiliar de medicina na facultade, fundou Mutualidad Materna e dirixiu o Instituto Municipal de Maternología y Puericultura. A súa implicación na mellora dos tratamentos para nenos de peito e infantes, que se traduciu na patentación do novo biberón GELWE, valeulle a entrada na Association Internationale pour la Protection de l’Enfance.

No 1923, Gumersindo acadou a cátedra de Técnica Anatómica da Universidade de Sevilla e, tras uns anos como catedrático na USC, tamén conseguiu en 1928 a cátedra en Anatomía Descriptiva na Universidade de Zaragoza, na que pasou a exercer o cargo de decano da Facultade de Medicina. En 1925 casou con Elisa Fernández de la Vega Lombán, a primeira muller en estudar e licenciarse en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela.

Xa en Zaragoza, paralelamente a exercer como decano, coa proclama da II República en abril de 1931 tamén iniciou a súa vida política como concelleiro pola Conjunción Republicano-Socialista, cargo que asumiu ata 1934, e durante o ano seguinte foi médico do Dispensario Antituberculoso. Entre tanto, Gumersindo militou no Partido Republicano Radical Socialista e en Izquierda Republicana.

Aos 44 anos viuse obrigado a exiliarse en Arxentina tras producirse o levantamento de 1936. Os sublevados, unha vez controlaron a cidade de Zaragoza, destituírono de todos os seus cargos e requisaron os libros da súa biblioteca. Partiu a Bos Aires desde o porto de Lisboa deixando atrás á súa familia, que acabaría abandonando finalmente España doce anos máis tarde.

Nada máis chegar ao seu novo fogar, Gumersindo estivo vinculado ao Centro Gallego, primeiro como axudante sanitario e tempo despois como director médico. Ademais, a súa carreira académica seguiu a brillar no outro lado do charco, acadando o posto de Preparador Honorario do Laboratorio de Investigacións Anatómicas da Universidade de Bos Aires entre 1943 e 1946. En 1953 trasladouse á Universidade de Cuyo para impartir clases de Historia da Medicina, primeiro, e de Anatomía Normal despois, ata que en 1957 foi elixido decano da Facultade. Tres anos antes de morrer sería nomeado profesor emérito, e actualmente, nos congresos arxentinos sobre Anatomía concédese un premio co seu nome.

No exilio, Gumersindo desenvolveu unha íntima amizade con outro ilustre galego, don Afonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen tratou do seu cancro. De feito, tras o pasamento do notable escritor foi el quen embalsamou o seu cadáver.

Outras actividades importantes que desempeñou en Arxentina estiveron relacionadas coa axuda a emigrantes e persoas de terceira idade a través do Instituto Politécnico de Protección al Emigrante Español e o Hogar Gallego para Ancianos. Asemade, xunto con outros exiliados como Branco Amor ou Luís Seoane formou parte do movemento galeguista.

Sánchez Guisande finou o 9 de setembro de 1976.

Bibliografía:

Imaxes:

  1. Vida Gallega, 30-1-1926, p. 26, Dominio público, via Wikimedia Commons.