Elvira Santiso

1.Elvira Santiso

Elvira Santiso García (Betanzos 1872- Santiago de Compostela 1961).

A unha idade moi nova trasládase coa súa familia a Santiago, cidade coa que se identifica e onde vivirá ata a súa morte.

A súa formación académica e artística transcorre na Real Sociedade de Amigos del País de Santiago con mestres coma Tito Vázquez e José María Fenollera, que influirán moito na súa obra.

Nome completo: Elvira Santiso García

Datas: 1872-1961

Lugares: Betanzos, A Coruña-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Pintura

Grupo asociado: Real Sociedad de Amigos del País de Santiago

Ocupación: Pintoras

Lingua: Castelán

A súa actividade é incesante, unha muller independente que traballa ata a súa xubilación na Arte, unha actividade reservada maioritariamente para os homes. A súas dotes artísticas son extraordinarias e obtén numerosos premios e galardóns: destacamos entre eles , en 1906 a súa obra La clase de pintura coa que recibe unha mención honorífica na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e en 1909 a Medalla de Ouro na Exposición Rexional de Santiago de Compostela.

Tamén exerce un labor docente que é recompensado coa Medalla de Alfonso X el Sabio.

Alentada por Fenollera, comeza a amosar durante o primeiro terzo do século XX as súas obras non só a nivel galego, senón estatal e mundial en distintos certames: Santiago, Vigo, Bos Aires, Montevideo,…

A súa técnica, cun gran sentido da percepción do espazo, varía grazas á influencia dos seus dous mestres: con Fenollera, por exemplo, practica o gusto pola fotografía e criterios coma o debuxo como base da obra así como un escaso uso de cores (grises, sepias e grisallas); con Tito Vázquez, cambia a unha pintura máis colorista e composicións máis alegres.

Na temática, alónxase das escenas de flores e paisaxes propias da pintura feminina da época e aboga por unha pintura máis retratística e figurativa, así como pintura máis costumista.

Como mestra era moi profesional, con grandes dotes para a comunicación e a motivación dos seus alumnos. Utilizou sempre o método clásico de ensinanza artística: antes do emprego da cor, era necesario familiarizarse co debuxo e o tratamento dos volumes.

Por desgraza para Elvira, ao igual que para moitas figuras femininas no ámbito intelectual e artístico da época, non é recoñecida como debería, debido a unha crítica e intelectualidade artísticas totalmente sexista, que recoñecía exclusivamente a actividade do varón e deixaba invisible a obra da muller.

Os problemas da conservación da súa obra foi o reparto desta tras a morte do seu dono, o doutor Daporta que fixo unha exposición desta no Hostal dos RRCC, nos anos oitenta. O reparto entre os herdeiros fixo que, a día de hoxe, a súa localización e apreciación sexa máis que dificultosa.

Bibliografía

  • GÓMEZ NOVOA, Maika, Elvira Santiso García, artista e docente de evocación e extraordinarias dotes creativas, En Album de Mulleres: Consello da Cultura Galega, Última consulta o 7 de Xuño de 2016. Dispoñible en : http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=209

Imaxes

1.Autoretrato de medio perfil, que a autora lle dedicou a Josefa Martínez-Baladrón e García Elizagaray . A obra fai parte da Colección Abanca