María Antonina Sanjurjo Aranaz

1.Antonina Sanjurjo

María Antonina Sanjurjo Aranaz foi unha docente e deportista nacida en Santiago de Compostela o 6 de xullo de 1910, sendo filla de María Aranaz Elices e Manuel Sanjurjo Otero.

Foi pioneira no deporte galego e considerada a nai do hóckey sobre herba en Galicia.

Nome completo: María Antonina Sanjurjo Aranaz

Datas: 1910-1939

Lugares: Santiago de Compostela-Vigo, Pontevedra

Campo de actividade: Deporte; Educación

Grupo asociado:

Ocupación: Deportistas; Profesoras

Lingua: Castelán

Trasladada a Vigo polos negocios que o seu avó tiña alí, estudou peritaxe mercantil nesta cidade, para logo obter o titulo na Escola Profesional de Comercio de Vigo en 1929, sacando o ano seguinte o título de profesora na Escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña. Deste xeito, acabaría sendo axudante da Cátedra de Xeografía na Escola Profesional de Comercio de Vigo entre 1932 e 1934.

No 1931 temos coñecemento dunha nova do Faro de Vigo, na que se recolle un manifesto de mulleres universitarias solicitando o voto para a candidatura galeguista formada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas Enríquez. E aquí aparece a sinatura de María Antonina. A súa vinculación co Partido Galeguista vai a máis e no ano 1933 ingresa no grupo de Vigo, actuando como bibliotecaria, para no ano 1936 aparecer nas actas do partido como afiliada.

Nos períodos de 1931-32 e 1933-34 trasladouse a Madrid para estudar na Facultade de Dereito da Universidade Central e na Escola de Altos Estudos Mercantís de Madrid, vivindo durante ese tempo na Residencia de Señoritas de Madrid.

Nesta residencia será onde descubra o hóckey, fundando á súa volta a Vigo no ano 1932 o Atlántida Hóckey Club, creándose no 33 a Federación Galega de Hóckey, da que María Antonina foi a súa tesoureira e presidenta de honra. Neste mesmo ano pronuncia unha conferencia, na que, como muller avanzada e feminista, defende a práctica deportiva das mulleres desde unha visión democrática.

Para o curso 1934-35 recibiu unha bolsa para irse de intercambio a Estados Unidos, trasladándose ao Smith College. Alí estudou Xeografía, recibindo unha bolsa da Clark University no curso 35-36. Entre o 1936 e 1938 traballou como instrutora no New Jersey College for Women, ao mesmo tempo que continuaba coas súas practicas deportivas. Tamén preparou a súa tese sobre as colonias francesas, rematándoa no 38.

Ao ano seguinte enfermou de tuberculose, e foi traída de volta a Galicia pola súa nai e a súa irmá Carmela para falecer o 31 de outubro de 1939. No Faro de Vigo publicouse un artículo seu titulado Las Universidades norteamericanas. Crónica de una señorita viguesa.


Bibliografía:

  • López Villar, Cristina (2012; 2018) María Antonina Sanjurjo Aranaz. En Album de mulleres do Consello da Cultura Galega- http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=275

  • López Villar, Cristina: Pioneiras do deporte en Galicia. Deputación da Coruña, 2017


Enlaces a datos e catálogos