Felipe Romero Donallo
Felipe Romero Donallo (Santiago de Compostela, ca.1850-1923) foi un político compostelán membro do Partido Liberal, o gran partido da Restauración xunto ao Partido Conservador.
Nome completo: Felipe Romero Donallo
Datas: 1850-1923
Lugares: Santiago de Compostela
Campo de actividade: Política
Grupo asociado: Partido Liberal
Ocupación: Políticos
Xénero: Home
Lingua: Castelán
Moi vinculado ao tamén compostelán Montero Ríos, Romero Donallo foi concelleiro de Santiago de Compostela entre 1885 e 1899, ademais de ter sido tamén deputado provincial e deputado polo distrito de Corcubión e polo da Coruña. En 1910, Felipe Romero Donallo foi designado senador pola provincia da Coruña, pero en 1911 deixaría a súa acta no Senado despois de que fose nomeado gobernador civil da Coruña, cargo que xa exercera previamente entre o 13 de febreiro de 1902 e o 11 de decembro dese mesmo ano. A súa segunda etapa como gobernador civil durou ata 1913, a pesar de que en 1911 presentara a súa dimisión, que non foi aceptada.
Felipe Romero Donallo faleceu o 27 de maio de 1923 na vivenda número 1 da Rúa Carreira do Conde, en Santiago de Compostela, cidade na que se lle puxo nome a unha rúa na súa honra.
Bibliografía
BARRAL MARTÍNEZ, M., A administración local en Compostela na “era monterista”. Santiago de Compostela: Escola Galega de Administración Pública, 2006. En liña : https://egap.xunta.gal/Documentos/Publicacions/%5b1275644403%5dadminlocalmonterista_public36.pdf (consultado 27 de abril de 2020)
PORTELA SILVA, E. (coord.), Historia da cidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2003.
Imaxes:
Romero Donallo: Coruña Moderna, 17-9-1906, p. 6, Felipe Romero Donallo, marcado como dominio público