Blanca-Ana Roig Rechou

1.Blanca-Ana Roig Rechou

Profesora, crítica e catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, nacida en Portosín o 28 de xuño de 1949.

Licenciouse e doutorouse en Filosofía e Letras e imparte clases de Literatura, Literatura Infantil, Textos Literarios e Literatura de transmisión oral na Facultade de Ciencias da Educación.

Nome completo: Blanca-Ana Roig Rechou

Datas: 1949

Lugares: Porto do Son, A Coruña

Campo de actividade: Filoloxía galega e portuguesa

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Ocupación: Profesoras; Críticas literarias

Lingua: Galego

A súa tese de licenciatura titulouse Análise da narrativa da colección Lar e a de doutoramento A Literatura infantil e xuvenil galega. Perspectiva diacrónica e análise da actualidade.

Colaborou con diversos traballos en libros colectivos e en revistas como Dorna, Boletín Galego de Literatura, Quimera, Ínsula, Coloquio Letras, Chorimas, Fadamorgana, Revista galega do ensino, Malasartes, Ocnos, etc., nos que tratou temas sobre literatura galega e literatura infanto-xuvenil; realizou diversas edicións de obras de autores galegos do XIX e principios do XX. Traduciu ao galego obras de creación de autores infantís e de ensaio. Coordinou Guías literarias e Antologías. Publicou libros como Magariños Negreira. Un home da Época Nós, Poesía infantil e xuvenil en galego, Antón Avilés de Taramancos, Carlos Casares, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, entre outros.

Dirixe multitude de proxectos no Centro Ramón Piñeiro en investigación de humanidades como é o caso dos Informes de Literatura que se materializan todos os anos nunha publicación, actualmente en PDF e nun CD-ROM (www.cirp.es). Tamén forma parte do Equipo Glifo que se encarga de redactar o Dicionario de termos literarios do que se publicaron os dous primeiros, que comprenden os termos dende a letra “a” e a “h”; así como o dicionario do Rexurdimento.

Ademais, dirixe unha rede de publicacións sobre literatura infantil e xuvenil e formación lectora a nivel nacional. Por último, coas compañeiras e compañeiros dos seus proxectos participa en reunións, congresos tanto nacionais como internacionais e cursos varios.

Destacan as súas obras As mulleres como axentes literarios na LIX do século XXI (2018), A Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil (2008) ou Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (2015).


Bibliografía:

Dirección e coordinación de: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: Informes de literatura http://www.cirp.gal/rec2/informes/

Imaxes:

  1. Blanca-Ana Roig Rechou: Asociación de Escritores en Lingua Galega, Centro de Documentación: Blanca-Ana Roig