Luis Rodríguez de Viguri

1.Rodríguez de Viguri

Luís Rodríguez de Viguri (1881-1945) foi un recoñecido político e avogado. Nacido en Santiago de Compostela o 16 de outubro de 1881, era fillo dun literato e catedrático de Medicina e durante a súa xuventude interveu en diversos actos públicos organizados polas Xuventudes Católicas.

Licenciouse en Dereito e pertenceu ao Corpo Xurídico Militar, ademais de ter exercido tamén como diplomático.

Nome completo: Luis Rodríguez de Viguri Seoane

Datas: 1881-1945

Lugares: Santiago de Compostela-Madrid

Campo de actividade: Política

Grupo asociado: Partido Conservador

Ocupación: Políticos; Avogados; Diplomáticos

Xénero: Home

Lingua: Castelán

Luís Rodríguez de Viguri desenvolveu unha ampla traxectoria política, que sempre estivo ligada ao Partido Conservador, un dos dous grandes partidos da Restauración. O seu primeiro cargo político desenvolveuno como adherido ao tamén galego Augusto González Besada, que chegou a ser Ministro de Facenda, Gobernación e Fomento durante o reinado de Afonso XIII, e obtivo un escano de deputado por Lugo.

En 1919 Rodríguez de Viguri foi designado Subsecretario de Ministerio de Abastecementos e dous anos máis tarde foi nomeado Subsecretario de Presidencia. Luís Rodríguez de Viguri chegou a ser ministro en dúas ocasións, a primeira delas durante tan só tres días, concretamente entre o 4 e o 7 de decembro de 1922, cando foi Ministro de Fomento no goberno de Sánchez Guerra. Posteriormente entre o 20 de agosto de 1930 e o 18 de febreiro de 1931, Viguri foi Ministro de Economía Nacional. Tras a instauración da Segunda República, Rodríguez de Viguri achegouse ao movemento agrarista, obtendo un escano pola provincia de Lugo nas eleccións lexislativas de 1933 como independente de dereitas e nas eleccións de 1936 polo Partido Agrario Español.

Por outra banda tamén cómpre destacar que entre 1934 e 1936 foi presidente da Real Sociedad Geográfica. Faleceu en Madrid o 12 de outubro de 1945. Actualmente, na cidade de Santiago de Compostela hai unha rúa que leva o seu nome na súa honra.


Bibliografía

Imaxes:

  1. Rodríguez de Viguri: Autor descoñecido, Luis Rodríguez de Viguri 1922, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons Mundo Gráfico Magazine. Madrid, Spain. 1922-12-06

Enlaces a datos e catálogos