Alejandro Rodríguez Cadarso

1.Alejandro Rodríguez Cadarso

Foi un médico e incipiente político galego durante o tempo da Segunda República, que destacou polo seu desempeño coma Reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1930-1933) e polo seu espírito reformador cara á universidade, a mellora da mesma e das condicións da Galiza.

Nado en Noia o 21 de Agosto de 1887, na actual Rúa Montero Ríos, creceu no seo dunha coñecida familia burguesa noiesa. Seu pai, Jesús María Rodríguez Vázquez, nacera en Santiago, pero exerceu a Medicina en Noia ata a súa morte. Ademais, foi alcalde desa vila en dous mandatos durante 1895 e 1897 e presidente do Casino en 1912-13.

Nome completo: Alejandro Rodríguez Cadarso

Datas: 1887-1933

Lugares: Noia, A Coruña-Lubián, Zamora

Campo de actividade: Política; Medicina

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Federación Republicana Galega

Ocupación: Reitores; Políticos; Catedráticos

Lingua: Castelán

Alejandro Rodríguez Cadarso cursou o bacharelato no Instituto Xelmírez de Santiago, e en decembro de 1903, ingresou na Facultade de Medicina, obtendo a licenciatura en Anatomía Descritiva con sobresaliente e premio extraordinario o 10 de xullo de 1908. Entre 1908 e 1909, cursou o Doutoramento na Facultade de Medicina de Madrid. O 22 de abril de 1911, Rodríguez Cadarso foi incorporado á Facultade de Medicina de Santiago coma profesor auxiliar de Anatomía, momento no que casa con Cristina Ladrón, coa que terá 9 fillos. Logo, en 1916, consegue a Cátedra de Técnica Anatómica da Universidade de Sevilla, pero volverá a Santiago aos meses para aceptar a recentemente vacante Cátedra de Anatomía Descritiva e Embrioloxía.

En 1924, comeza o seu ascenso na Universidade compostelá, xa que é nomeado Vicerreitor, nunha época na que fomenta a Residencia de Estudantes e na que se crea a Biblioteca América e mércase a Biblioteca do Dr. Lago. Coa dimisión de Blanco Riveiro, o anterior Reitor, elixen a Rodríguez Cadarso coma sucesor para proporcionar un bo ambiente e calmar as aspiracións revolucionarias dos sindicalistas da Federación Universitaria Escolar (FUE). Así, foi nomeado en Marzo de 1930, durante a chamada "ditabranda" do xeneral Dámaso Berenguer, sendo confirmado no posto en maio de 1931.

Promoveu o novo campus universitario, hoxe Campus Sur e a Residencia de Estudantes, sendo un proxecto encargado ao arquitecto Xenaro de la Fuente. En abril de 1931, crea o Instituto de Estudos Portugueses, baseado na boa relación que tiña coas universidades de Coímbra, Porto e Lisboa, ademais do impulso proporcionado polos galeguistas e republicanos, coma Vilar Ponte. Aínda con todo, á morte de Rodríguez Cadarso en 1933, as actividades do Instituto foron reducidas ás xa planificadas.

Castelao e membros do galeguismo, ademais do sector nacionalista dentro da FUE, partían da base de empregar a Universidade coma eixo central da reconstrución nacional e cultural de Galiza, avogando pola creación dunha Facultade de Estudos Rexionais. Abarcaban dende Xeografía ata Folclore, pasando pola Economía galega. Pero Rodríguez Cadarso non chegou a colmar a aspiración galeguista, aínda que o Instituto quedou vencellado ao laboratorio de Bioloxía e Xeoquímica , ademais de que a través do Instituto impartiuse Historia, Literatura e Xeografía galega na Facultade de Filosofía e Letras.

Alejandro Rodríguez Cadarso levou acabo outras moitas iniciativas, coma por exemplo as Xornadas Médicas Galegas, celebradas na Coruña (1929), Vigo (1931) e Lugo (1933) e tivo un papel vital no artellamento das Misións Pedagóxicas da Segunda República no rural galego, entendéndoo coma unha preocupación da Universidade e do pobo. Foron moi ben acollidas, levándose a cabo en Galiza a Misión Pedagóxica máis longa, dende agosto ata decembro de 1933, con intelectuais como Rafael Dieste, Sánchez Barbudo, Fernández Mazas, Ramón Gaia ou Ramos Varela.

Cadarso entraría na política da man de Casares Quiroga, sendo elixido coma deputado pola Federación Republicana Galega en xuño de 1931 e reelixido en novembro. El mesmo diría: "Trouxen máis para a Universidade en dous anos de deputado que todos os senadores xuntos". Facilitou ademais o uso de locais da Universidade para realizar o debate definitivo do texto do Estatuto de Autonomía na Asemblea de Concellos en decembro de 1932.

Faleceu nun accidente de coche o 15 de decembro de 1933, cando viaxaba cara unha conferencia en Madrid e preparaba o seu discurso para o ingreso na Real Academia Galega. No accidente, acaecido en Lubián (Zamora), morreu tamén o seu amigo íntimo Baqueriza Varela, director do Sanatorio de Conxo.

Bibliografía

  • Agrelo Hermo, Xosé: Alejandro Rodríguez Cadarso, Ed. Toxosoutos, 2004. ISBN 84-96259-22-6

Imaxes:

  1. Alejandro Rodríguez Cadarso: Autor descoñecido, Alejandro Rodríguez Cadarso, marcado como dominio público,