Bartolomé Rajoy y Losada

1.Bartolomé Rajoy y Losada

Nacido en Pontedeume no ano 1690, Bartolomeu Raxoi foi arcebispo da cidade de Santiago de Compostela entre os anos 1751 e 1772, un período de case 20 anos no cargo, que lle permitiu levar a cabo numerosas transformacións e cambios tanto no edificio da catedral como nos territorios que se atopaban baixo a súa diocese.

Nome completo: Bartolomé de Rajoy y Losada

Datas: 1690-1772

Lugares: Pontedeume, A Coruña-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Relixión; Arte

Grupo asociado: Igrexa Católica

Ocupación: Avogados; Arcebispos; Filántropos; Mecenas

Lingua:

De neno, estudou Gramática moi vinculado ao colexio compostelán de San Xerome, onde obtén o bacharel en Leis. O comezo dos seus estudos superiores será na Real Audiencia de Galicia, onde comeza a súa andaina como avogado, e onde aprenderá toda unha serie de claves que lle serán de gran axuda durante o seu mandato.

A unha idade moi temperá acada un dos títulos máis importantes dentro do mundo eclesiástico, o de Comisario Xeral da Cruzada. Un titulo que o relanzará directamente ata que o rei Fernando VI o propoña como arcebispo da cidade de Compostela, posto que acepta e mantén ata a súa morte.

Non podemos esquecer que, durante a época de mandato de Bartolomeu Raxoi, vivíase unha época de grandes ingresos na diócese, polo que se propiciaban numerosas construcións e obras. Unha situación que podemos relacionar con ese espírito de cambio e renovación que se vivía na época, polo que poderiamos dicir, que existían toda unha serie de factores externos, que directa ou indirectamente, tamén axudaron ao arcebispo a acadar con éxito as súas accións, que en ocasións, tamén afectaban a esas localidades que el frecuentara ou nas que recibira formación previamente.

Entre as numerosas obras que levou a cabo, cabe resaltar, a parte residencial do Convento dos Agostiños, a Capela da Comuñón da Catedral de Santiago de Compostela, o Pazo de Raxoi (actual sede do Concello de Santiago, situado na Praza do Obradoiro), o seminario de Confesores, o Hospital de Carreteras, a nova fachada da Acibechería, entre outras. En todas estas construcións podemos atopar un lazo común, que é o interese persoal no patrocinio das artes, unha cuestión moi clara en todas as obras que fixo durante o seu goberno.

A toda esta serie de construcións, temos que engadirlle todas aquelas levadas a cabo en Pontedeume, a súa vila natal, que viu como Bartolomeu Raxoi aproveitaba o seu posto para poder acadar toda unha serie de melloras na vila.

En definitiva, foi un dos arcebispos que máis contribuíu á mellora da imaxe da cidade de Santiago de Compostela, ademais de crear toda unha serie de institucións e instalacións estritamente relacionadas co labor asistencial e tamén artístico, aumentando o renome e prestixio internacional da cidade.

Bibliografía:

  • VIGO TRASANCOS, Alfredo., El Arzobispo compostelano Bartolomé Rajoy y Losada (1751-1772). Gusto Artístico y mecenazgo arquitectónico. En: Norba: Revista de arte, ISSN 0213-2214, Nº 13, 1993, págs. 115-140. En Dialnet https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=107473 (consulta 25 de abril de 2020)

  • RAPOSO MARTÍNEZ, Javier., Mecenazgo y gusto artístico del arzobispo compostelano Bartolomé Rajoy y Losada (1690 – 1772). En: Congreso Internacional Imagen Apariencia. Noviembre 19, 2008 - noviembre 21, 2008, 2009, ISBN 978-84-691-8432-5. En Digitum: Repositorio de la Universidad de Murcia: http://hdl.handle.net/10201/44648 (consulta 25 de abril de 2020)

  • RAPOSO MARTÍNEZ, Javier. Lecturas artísticas en la biblioteca ilustrada del Arzobispo compostelano Bartolomé Rajoy y Losada (1690-1772). En: Actas del I Congreso Ibero-Asiático de Hispanistas Siglo de Oro e Hispanismo general: BIADIG : Biblioteca áurea digital v.6 / coord. por Vibha Maurya, Mariela Insúa Cereceda, 2011, ISBN 84-8081-216-8, págs. 541-562. En Dadun: Repositorio de la Universidad de Navarra http://hdl.handle.net/10171/20305

  • REY CASTELAO, Ofelia, Bartolomé Rajoy y Losada, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)


Imaxes:

  1. Bartolomé Rajoy y Losada: Bartolomé Vázquez- [Retrato de Bartolomé Rejoi y Lossada]. Biblioteca Nacional de España http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000035019 CC BY-SA 4.0