Fernando Quiroga Palacios

1.Quiroga Palacios

Fernando Quiroga Palacios (Maceda, Ourense, 1900 - Madrid 1971) foi un sacerdote e bispo, que chegou a acadar o posto de arcebispo da cidade de Santiago de Compostela ademais de ser o primeiro presidente da Conferencia Episcopal.

Con 11 anos, ingresou no Seminario de Ourense, cidade na que se ordenou sacerdote o 10 de xuño de 1922.

Nome completo: Fernando Quiroga Palacios

Datas: 1900-1971

Lugares: Maceda, Ourense-Madrid

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Igrexa católica; Instituto de Estudios Jacobeos; Real Academia Galega

Ocupación: Sacerdotes; Teólogos; Arcepispos

Lingua: Castelán

Os seus inicios como sacerdote foron en Campobecerros, unha pequena localidade onde vai ter os seus primeiros contactos . Pouco despois é nomeado coadxutor de Santa Eufemia do Norte (Ourense), un labor que durará un par de anos e onde tivo un papel moi importante nas melloras acadadas en barrios marxinais (luz eléctrica, servizo de augas . . .)

A súa capacidade fixo que o bispo de Ourense o enviase a Roma a estudar ao Instituto Bíblico, de onde sairá licenciado e doutor en Teoloxía, despois de tres anos de formación.

A súa vertente política o levará a converterse nun crego moi vinculado ao galeguismo e á súa causa, mantendo estreitas relacións con persoeiros como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Filgueira Valverde

No ano 1945 é nomeado bispo de Mondoñedo e Ferrol, polo que vivirá ese proceso de recristianización do Estado despois da Guerra Civil.

Quiroga Palacios recibiu grandes loubanzas e admiracións por parte do poder público e local, cuestión que se cristaliza cando se lle propón o posto de arcebispo de Santiago, unha das dióceses máis complexas de España, xa que contaba con dous cabildos, dúas capitais de provincia e numerosas parroquias. Coa chegada ao arcebispado, deseña un plan onde tiñan un importante papel as "misións populares".

Había outra cuestión que Quiroga non quería deixar de lado, a devoción xacobea, polo que se convirtirá nun dos máximos divulgadores do Camiño de Santiago. Creou o Centro de Estudios Jacobeos e a revista Compostellanum; impulsou as peregrinacións e o Ano Santo Xacobeo, organizando os dos anos 1954, 1965 e 1971. Outra das súas grandes innovacións foi a introducción da liturxia en galego, converténdose no primeiro cardeal que celebrou misa na nosa lingua.

Pouco a pouco, o seu papel dentro da Igrexa non parou de medrar; de feito, foi nomeado cardeal da Comisión Preparatoria do Concilio Vaticano II por Xoán XXIII.

Faleceu en Madrid o 7 de decembro de 1971 e está soterrado na Catedral de Santiago de Compostela, ao pé do Pórtico da Gloria, un privilexio post mortem que tamén lle concedeu a Real Academia Galega, ao ser nomeado como académico de honra pola súa defensa de Galicia. O Concello de Santiago púxolle o seu nome a unha rúa da cidade.


Bibliografía

  • MÍNGUEZ GOYANES, Xose L. (2000). Quiroga Palacios no seu tempo. Santiago de Compostela : Sotelo Blanco : Consorcio de Santiago.

Imaxes:

  1. Quiroga Palacios. Arquivo da Biblioteca Pública Ánxel Casal