José Luis Puente Domínguez

1. José Luis Puente Domínguez

José Luís Puente Domínguez naceu o 31 de marzo do ano 1918, no número 18 da Algalia de Arriba, en plena epidemia da gripe española. Foi un médico-ciruxián compostelán especializado en Anatomía e Patoloxía Cirúrxica.

Era fillo do doutor Xosé Puente Castro, cirurxián do Hospital Provincial de Santiago. Foi Académico de Número da Real Academia Nacional de Medicina e presidente da Asociación Española de Cirujanos dende 1982 a 1984. Faleceu o 12 de febreiro do ano 2006.

Nome completo: José Luis Puente Domínguez

Datas: 1918-2006

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Medicina

Grupo asociado: Real Academia Nacional de Medicina; Asociación Española de Cirujanos

Ocupación: Cirurxiáns; Catedráticos

Lingua: Castelán

Formación académica

Estudou na escola de María Zubeldía, na rúa Xelmírez e logo foi á escola de sor Julita, na rúa das Orfas.

No ano 1932 ingresou na Facultade de Medicina e estudaba os últimos cursos da carreira cando estalou a Guerra Civil (1936-1939), polo que se apuntou voluntario no corpo sanitario. Foi de axudante de cirurxía do coruñés Antonio Sierra Fornís e mantívose os tres anos da Guerra na fronte, primeiro en Asturias, logo en Teruel e finalmente en Castellón.

Ao rematar a guerra, concluíu a carreira de Medicina e Cirurxía no ano 1941 con Premio Extraordinario ao obter matrícula de honra en todas as asignaturas. Posteriormente, foi alumno interno de Anatomía con Ángel Echeverri e axudante de Cirurxía do doutor Puente Castro, o seu pai, no Hospital Provincial dende 1939 ata 1942. Ao ano seguinte, conseguíu unha beca do Colexio Médico Alemán e, en plena II Guerra Mundial (1940-1945) trasladouse a Viena, onde realizou a súa tese de doutoramento entre 1942 e 1943, mentras que caían os bombardeos americanos sobre as bases militares alemanas e sobre a poboación civil. En Viena, traballou na Universidade baixo a dirección do profesor Eduard Pernkopf no Instituto Anatómico. Doutorouse en Medicina pola Universidade de Madrid, cunha tese sobre a cavidade medular dos ósos longos (1944)

En 1945, recibíu outra bolsa, do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) para ir a completar os seus estudos ao Porto, onde traballou co anatomista Hernâni Monteiro.

Actividade profesional

No ano 1948 gañou as oposicións á Cátedra de Anatomía da Universidade de Salamanca por unanimidade. En 1951, foi trasladado á Facultade de Medicina de Santiago, como Catedrático de Histoloxía e Patoloxía Cirúrxica e foi encargado polo claustro, da primeira Cátedra de Cirurxía, cátedra que obtivo por unanimidade. Organizou o Departamento de Cirurxía por especialidades, do que saíron as prazas de seis catedráticos de distintas especialidades cirúrxicas.

No ano 1960 realizou oposicións a cirurxián da Seguridade Social.

Unha vez xubilado, no ano 1987 e, en calidade de Profesor Emérito de Cirurxía, dirixíu investigacións de Terceiro Ciclo no eido dos tumores canceríxenos, na análise citométrica e fluxométrica de cánceres de colon e mama, estudando as células que forman os tumores, medindo o seu tamaño e forma para coñecer o tempo de vida que lle restaba ao paciente.

Obra

Ao longo da súa vida, publicou numerosos traballos sobre patoloxía biliar e da mama, así como varios títulos de Anatomía e Cirurxía.

Traduciu a obra Topographische Anatomie des Menschen (6 tomos), coñecido como o Atlas Pernkopf, do especialista en Anatomía Eduard Pernkopf no ano 1953.

Galardóns

No ano 1966 foi nomeado Académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

Foi presidente de Honra e co-fundador da Sociedade Galega de Patoloxía Dixestiva.

Recibiu a Medalla de Ouro da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva, a Medalla de Ouro da Sociedade Anatómica Española e da Asociación Española de Cirurxiáns, da que foi Presidente entre 1982 e 1984.

Ademais, no ano 1987 outorgóuselle o Premio Virgili da Sociedade Catalá de Cirurxía e en 1990 recibiu o Premio Castelao da Xunta de Galicia

O 21 de maio de 1991 ingresou como académico de número na Real Academia Nacional de Medicina, ocupando o número 45 e a cadeira de Neurocirurxía.

E no ano 1996, foi distinguido co I Premio Nóvoa Santos de Medicina e Sanidade, convocado pola asociación de Médicos Galegos en Madrid.


Bibliografía: