Melchor de Prado Mariño

1.Igrexa de San Bieito do Campo

Melchor de Prado Mariño nace na compostelá parroquia de Sar, enclavada nos arrabais da cidade, a carón da vella e monumental colexiata.

Pouco é o que se coñece do seu entorno familiar. O seu pai foi Andrés de Prado, escultor e mestre de obras.

Nome completo: Melchor de Prado y Mariño

Datas: 1770-1834

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado: Neoclasicismo

Ocupación: Arquitectos

Lingua:

Melchor de Prado Mariño e a Cidade de Santiago

Orixes e primeira andadura artística

Non se sabe a súa data de nacemento exacta, aínda que sí a dalgúns irmáns. Destes, Manuel de Prado seguiu a senda do seu pai adicándose á escultura, na que será un prolífico autor con obras en moitas igrexas de Santiago. Melchor de Prado comezou tamén como escultor, para tempo despois abandonar este oficio e adicarse á arquitectura por completo.

Entre as escasas esculturas que se coñecen (nesa etapa escultórica de finais dos oitenta e principios dos noventa do século XVIII) figura unha imaxe da Virxe, sita no antigo convento mercenario de Conxo.

Asistiu á escola de debuxo da Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, que estaba rexentada polo prestixioso Miguel Ferro Caaveiro, sendo este o seu primeiro mestre.

Debe a súa proxección profesional ao arcebispo de Santiago frei Sebastián Malvar y Pinto.

Non se sabe por que motivos Prado mereceu o padroádego do prelado compostelá, quen costearía, en 1792, o seu traslado á Academia de San Fernando. Se cadra tivo algo que ver a súa intervención (moi colateral) nos planos para o retablo do santuario pontevedrés da Virxe Peregrina, rematada en 1794 e seguida polo pontevedrés arcebispo Malvar. O patrocinio de Malvar rematou axiña debido á súa morte en 1795.

Atrás ficaba unha aprendizaxe tradicional de tipoloxía artesá, as leccións de debuxo e arquitectura que recibira na escola da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a boa formación preliminar de Miguel Ferro Caaveiro.

Os coñecementos adquiridos en Santiago foron moitos, e así, os escasos catro anos que Prado puido disfrutar na Vila e Corte de Madrid, serviron para transformar a un inconformista escultor nun prometedor arquitecto con pretensións. Entre 1792 e 1796 Prado acada a distinción de académico de mérito na Academia de San Fernando, é membro dunha rexia comisión artística ao reino de Portugal e toma parte, xunto ao ilustrado Xosé Cornide, na expedición arqueolóxica á localidade de Cabeza de Griego (Cuenca), para trazar os apuntes dos achados. Posteriormente realizará as trazas para as construcións da Porta Santa da basílica metropolitana e da igrexa de San Bieito, etc.

Os anos transcurridos na Academia de San Fernando determinaron a caracterización de Prado como un arquitecto neoclásico e moderno, acreditando o coñecemento de autores como Vitrubio e Palladio, que deixaron unha fonda pegada nel. Tamén é necesario destacar a influencia do racionalismo académico de Ventura Rodríguez e do racionalismo pleno das construcións de Juan de Villanueva. A finais do século XVIII, Prado posúe xa un vocabulario e unha estética plenamente neoclásicos.

Melchor de Prado trazou dende Madrid un proxecto de reforma da cabeceira da catedral de Santiago. O falecemento do arcebispo Malvar puido ser a causa de que o proxecto non seguise adiante, aínda que en anos sucesivos se rexistran novos deseños para a reforma que, por sorte para a arte románica, non se levaron a cabo.

Neste mesmo ano, sendo alumno da Academia, Prado realiza o plan para a reconstrución da igrexa de San Bieito, erixida na compostelá Praza do Campo, hoxe chamada de Cervantes. É necesario sinalar que para o levantamento de edificios civís e relixiosos, e aínda para a reforma dos mesmos, era preciso un dictame favorable da Academia de San Fernando. O 28 de agosto de 1795 a comisión de arquitectura da Academia examinou os planos de Prado, outorgándolle a aprobación pouco despois. Deste xeito, a reforma da vella igrexa románica débese atribuir a Prado, aínda que non en solitario. Consta que os primeiros planos da reforma son obra dun mestre de obras en Santiago, Juan López Freire. Así, se non se lle encargaron os planos de dita igrexa dende o comezo, a intervención de Prado en San Benito foi posible grazas á autoridade eclesiástica, confiándolle os planos para a fachada da igrexa.

Isto plantexou un problema, ata que punto o orixinal deseño da planta pertence por enteiro a Prado ou é herdeiro de López Freire, arquitecto compostelá, coas modificacións pertinentes da Academia e do propio Melchor de Prado.

Pouco despois, volveu á súa cidade natal, se cadra acuciado pola falta de diñeiro para prolongar a súa estadía na Corte, unha vez finado o xa mencionado arcebispo Malvar.

Pouco antes de chegar a Santiago foi recibido como membro de mérito pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, o 4 de decembro de 1796. O 9 de febreiro de 1797 o Concello de Santiago recibía copia do título de mérito a favor de Melchor de Prado. O 30 de marzo, de novo exhibe o título no Consistorio de Santiago, facendo o mesmo diante do órgano de goberno da Real Audiencia de Galicia. Prado era entón un dos poucos arquitectos académicos de Galicia, e o único en Santiago. Posiblemente quedou desencantado á vista da pouca consideración que, ao seu xuízo, merecía polos cidadáns da capital galega.


Dous arquitectos en litixio: o académico Melchor de Prado e o arquitecto oficial Miguel Ferro Caaveiro

O nacemento das Reais Academias, como a de San Fernando; o xuízo artístico que coma un veredicto dictaban a Academia de San Fernando e o Arquitecto Maior de Madrid ou as reais disposicións, que establecían que, nas grandes capitais, o arquitecto da cidade fose un titulado pola Academia. Todo isto, unido ao natural vaidoso de Melchor de Prado fixeron que, recén chegado de Madrid, tentase ocupar o posto de arquitecto da cidade, cargo que nese momento ocupaba Miguel Ferro Caaveiro.

Un día de xuño de 1799 o Concello recibiu unha petición de Melchor de Prado reclamando a dirección e revisión, en exclusiva, das obras públicas ou privadas da cidade. Poida que a motivación de Prado radicase na frustración das expectativas que el tiña de dirixir as novas tarefas de empedrado de determinadas rúas. Dito propósito amparábase na estrita legalidade. Tiña ao seu favor disposicións reais que se foran sucedendo na segunda metade do século XVIII. O 6 de xuño de 1799 o pleno municipal acordou dar por boas as ordes transcritas por Melchor de Prado. Mentres tanto, axiña chegaron a Ferro Caaveiro as novas da pretensión do seu ex-alumno.

Este pleito entre ambos arquitectos vincúlase a outra disputa case simultánea, a derruba dos soportais da Rúa da Azabachería. Melchor de Prado comezaría a intervención a pesar da resistencia dalgúns veciños ante os plans de empedrar e arranxar unha cloaca no traxecto dende o pazo episcopal ata a Praza do Campo.

A primeira vista, a cidade seguía contando con Ferro Caaveiro, ao que se lle recoñecía o nomeamento polo Consello de Castela.

A cuestión entre Ferro Caaveiro e Prado Mariño rematou cunha concordia (que na documentación non se rexistra) entre os dous artistas o 8 de decembro de 1800. Non se especifica a razón desta concordia, nin a resolución final do Consello de Castela. Cabe imaxinar que nunca se acadou providencia definitiva do Consello, facéndose unha concordia verbal. Ferro seguiría na praza ata a súa morte en 1807. No que respecta a Prado, a cuestión sostida con Ferro semella definir as datas nas que o arquitecto acada a desexada confianza por parte da corporación municipal.

Pero Prado espertou un receo total por parte do Concello de Santiago, que iría medrando co tempo. A resposta hai que atopala na falta de méritos propios de Melchor de Prado, especialmente os persoais e non tanto os artísticos.


Melchor de Prado e o Concello de Santiago durante a Guerra de Independencia

A traxectoria seguida por Prado comprende os mencionados proxectos na Catedral de Santiago, o traballo na reedificación de San Bieito e obras dispares, moitas delas máis preto da enxeñería que da arquitectura. En 1803 realizou trazas para a fábrica de Sargadelos, confeccionando tamén un plano topográfico do soar onde se enclavaba o complexo. Un ano despois consta que se estaba a traballar nos retablos e no órgano da catedral lucense, coa curiosa circunstancia de non solicitou a aprobación da Academia.

Entre 1806 e 1808 Prado traballaría en diversas obras, algunha das cales se supón quedaría interrompida polos sucesos de 1808: as pontes de Viveiro e Maceira, empedrados e canalizado de augas nas vilas de Ribadeo e Noia, etc. Hai datos que fan pensar que, por estas datas, Prado e seu irmán Manuel eran profesores na Escola de Debuxo de Santiago.

Chama a atención que existindo en Santiago un único arquitecto académico de San Fernando a súa produción artística fose nestes anos, en boa parte, allea á súa cidade natal.

Na documentación é complicado atopar o nome de Melchor de Prado, non sendo en pequenas cuestións, como que a finais de 1799 coopera co Concello facendo planos para a reconstrución dunha ponte, en ruínas dende comezos do XVIII, na localidade de Ponte Ulla. Outras mencións a Melchor de Prado son as relativas a peritaxes de tasación por conta da Real Audiencia ou da Real Facenda, en pleitos ou fixacións de canons de renda. Polo demais, non hai outras referencias sobre a intervención de Prado na súa cidade.

Unha data clave, por clarificadora, é a do 1 de xullo de 1807, día no que morre Miguel Ferro Caaveiro. Os dous empregos importantes, ata entón nas súas mans, pasarían ás do académico de mérito santiagués. Sen embargo, o posto obxecto de gran procura e cobiza por parte de Prado foi concedido a un mestre de obras que dirixira boa parte do empedrado da cidade, Agustín Trasmonte, mestre fontaneiro da cidade. Non consta a reacción inmediata de Melchor de Prado.

En 1808 estala a Guerra de Independencia, de consecuencias dramáticas en todos os eidos.

No período da guerra renovaríanse, unha e outra vez, as tentativas de Prado por se facer coa dirección das obras de Santiago. Se cadra, a inestabilidade política supoñía unha boa oportunidade para triunfar na súa pretensión.

Nas actas do Concello de Santiago aparece por primeira vez a protesta de Prado nunha representación que ía dirixida ao capitán xeneral Mahy, quen mandaría dispoñer que o concello lle remitise un informe sobre a cuestión, que correu a cargo do capitular Pedro Francisco Varela Fondevila, quen puido rematalo o 28 de febreiro. Nel critícase con dureza a intervención de Prado na fachada da Universidade, cun proxecto que finalmente sería rexeitado. Catro eran, en resumo, os comentarios negativos que se facían recaer sobre Prado: falta de coñecementos, “tiranía” arquitectónica, arrogancia e ausencia de desinterés económico. Pouco despois, engadiríase unha quinta, a militancia política.

Tense noticia doutra representación que Prado enviou ao capitán xeneral o 19 de abril de 1811, probablemente renovando a demanda ao non obter unha resolución positiva por parte do concello. Se o recurso á máxima autoridade, o capitán xeneral de Galicia, non deu o resultado desexado, Prado foi quen de gañarse a confianza do intendente do reino, Don Manuel Machón e a do intendente que sucedeu a este.

O ano 1812 foi baldío para Prado. Malia as súas demostracións de conformidade co novo sistema constitucional, foi apartado dos preparativos da comisión de festexos no tempo da publicación da Constitución en Santiago. Si participou o seu irmán Manuel de Prado.

Despois das infrutuosas tentativas de Prado, os acontecementos políticos permitiron entrever unha oportunidade para el. Tanto a abolición de señoríos como os comicios para a renovación do Concello constitucional de 1813 fixeron que Melchor de Prado crese que a nova corporación municipal atendería as súas demandas. Así, o 12 de xullo de 1813, renovou a petición para que lle fose outorgado en exclusividade o emprego de arquitecto municipal.

O 17 de xullo, no medio da preparación dos festexos do Santiago Apóstolo e do aniversario da publicación da Constitución en Compostela, o Concello constitucional encargou ao capitular Francisco Montenegro revisar os antecedentes sobre Prado. Pasaron os meses e non houbo ningunha novidade, a pesar das repetidas instancias verbais do arquitecto. Temendo outra negativa, apresurouse a representar de novo ao concello o día 22 de setembro. Oito días despois, o 30 de setembro, decidiuse na reunión do Consistorio denegar a petición de Melchor de Prado. Sen embargo, Prado intentouno de novo, agora co xefe político de Galicia, pero as respostas foron as mesmas.

Mentres, o arquitecto compostelán Agustín Trasmonte acaparaba case todas as comisións municipais. En 1813, ademais de seguir como arquitecto de Santiago, recoñéceselle o traballo feito no Colexio de San Clemente, que tivo lugar en abril de 1814. Neste ano o mestre de obras do Concello tiña que fiscalizar dúas intervencións de Prado, San Miguel dos Agros, preto da fermosa igrexa do entón Mosteiro de San Martiño Pinario e o atrio da Confraría Xeneral de Ánimas.

O 2 de outubro de 1814 chegou á municipalidade unha real cédula pola que se renovaba o disposto en relación ao nomeamento de arquitectos e mestres de obras. Por este motivo, o Concello sospeitou novas pretensións por parte de Prado e da Academia de San Fernando, como así sucedeu, e decidiu comisionar ao procurador xeneral síndico para que fixese un informe sobre a aplicación en Santiago da real cédula, en especial no tocante ao caso particular de Melchor de Prado. O informe foi asinado o 19 de decembro de 1814.


A traxectoria final de Melchor de Prado

A vida profesional e artística do arquitecto Melchor de Prado remata por camiños alleos á súa cidade natal. En 1815 Prado realiza a súa obra mestra, a Colexiata de Vigo, de gran semellanza coa compostelá igrexa de San Bieito. A esta obra seguirían a fonte de Arzúa (1816), o cárcere de Pontevedra, o retablo de Hermisende (Zamora, 1817) e o Panteón da familia Camarasa (1818), aínda que esta non chegaría a plasmarse na realidade.

En 1816 rexístrase unha nova tentativa de acadar o emprego de arquitecto de Santiago. A canle foi a mesma que empregou outras veces e a solicitude pasou ao capitular Varela Fondevila, que en anos pasados xa tiña informado contra as pretensións de Prado, polo que se deduce cal foi a resposta.

Non consta que el obtivese mellora algunha na súa pretensión de 1817, ano no que o Concello de Santiago comezou unha débil política de obras públicas, forzado polas circunstancias. O martes 21 de abril de 1818 recibiuse no pleno municipal un oficio da cidade da Coruña, con data de 15 de abril, solicitando informes sobre a conduta de Prado, un dos pretendentes á praza de arquitecto titular, vacante pola morte do antigo titular Fernando Domínguez y Romay.

En setembro dese ano (1818) Prado sería nomeado arquitecto municipal da Coruña, cargo que ocuparía ata a súa morte.

Durante o Trienio Liberal non se atopa en ningures que Prado tentase acadar de novo a exclusiva titularidade das obras en Santiago, ben é certo que as actas municipais do período están moi incompletas.

O 6 de abril de 1820, asegurado xa o triunfo liberal, Prado escribía ao cabido considerando nula a súa destitución, razón pola que solicita a satisfacción das súas débedas ata a toma de posesión como arquitecto da Coruña, en setembro de 1818. Esta solicitude non foi respectada polo cabido eclesiástico de Santiago que, por aquel entón, tiña problemas coa situación que estaba a sufrir, ao que seguiría o despoxo do medio diezmo e outras medidas da lexislación anticlerical do Trienio. A débeda que reclamaba Prado comprendía dende xullo de 1814 ata setembro de 1815. A petición ía dirixida ao cóengo Carlos de Medrano. Ao non obter resposta positiva, a reclamación de Prado chegou ata a Xunta Superior de Galicia, considerando que Prado si debía recibir a retribución que esixía, aínda que o cabido compostelán seguía sen estar de acordo.

En novembro de 1823 finou Agustín Trasmonte, o arquitecto empregado pola cidade de Santiago. O mércores 26 de novembro, o Concello acordou que a súa viúva seguise cobrando vitaliciamente a praza de fontaneiro de Santiago que este tiña en propiedade. Era esta unha boa ocasión para o nomeamento de Prado como arquitecto de Santiago, mais non consta que intentase solicitalo, aínda que xa o Concello se apresurou a concederllo a un mestre de obras aprobado pola Academia de San Fernando en setembro de 1823, frei Juan Estanislao Conde, do restablecido Mosteiro de San Martiño Pinario.

Os anos vindeiros foron de certa recuperación en Santiago, tanto no eido económico como no político. Como represalia ao liberalismo coruñés, as autoridades do Reino de Galicia trasladáronse á cidade de Santiago. Isto supuxo un ascenso na cotización do posto de arquitecto de Santiago e a realización de certas obras. Tales foron os planos para as obras da Audiencia e os cárceres real e público, encomendados pola Real Academia a Prado e a Felipe Gianzo, quen reclamaron en xuño de 1828 as cantidades respectivas que lles correspondían. En 1827, a Academia aprobou os proxectos de Prado para o tabernáculo da Igrexa do Hospital Real e para un altar no mesmo templo.

Ata a súa morte, Prado dirixiu a estrada Coruña-Benavente (1828), os retablos da Dolorosa (A Coruña, 1828) e de San Francisco (Santiago, 1830-32) e a igrexa de Caldas de Reis (1831).

Faleceu en 1834 pero non se atopou a súa data exacta de defunción, nin onde foi enterrado.

Como arquitecto, non hai dúbida de que con el morría o máximo e máis purista representante do neoclásico en Galicia. A súa grande calidade como teórico e arquitecto, se cadra máis que como mestre de obras, está fóra de dúbida. Sen embargo, non foi profeta na súa terra compostelá. Malia as obras feitas en Santiago, a súa falta de humildade e discreción non permitiron que hoxe se poida gozar da contemplación de xoias neoclásicas na hexemonía barroca do urbanismo compostelán. Unha figura cuxa vida e obra dificilmente se comprenden sen o conxunto de circunstancias e oposicións que en Compostela suscitou a súa actitude.

Bibliografía:

  • Amado López, Xosé María. (1999), Melchor de Prado e a cidade de Santiago: notas biográfico-artísticas, Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 1999

  • Vigo Trasancos, Alfredo. (2003), “Melchor de Prado Mariño”, Da Ilustración ó eclecticismo, Vigo: Nova Galicia Edición, D. L., pp. 106-107.

  • Pérez Rodríguez, Fernando: El arquitecto académico Melchor de Prado y Mariño y su cuestionamiento para la Corporación Municipal Compostelana. En: Cuadernos de estudios gallegos, ISSN 0210-847X, T. 46, Nº. 111, 1999, págs. 209-244 DOI: 10.3989/ceg.1999.v46.i111.194 (consultado 0 30 de abril de 2020)

  • Singul Lorenzo, Francisco, Melchor Prado Mariño. en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)