Avelino Pousa Antelo

1.Avelino Pousa Antelo

Avelino Pousa Antelo foi un agrarista, político, escritor e mestre nacido en Arzón o 14 de maio de 1914 e morto en Teo o 20 de agosto de 2012. Tamén era coñecido polo pseudónimo de Lucho do Peto.

Nome completo: Avelino Pousa Antelo

Datas: 1914-2012

Lugares: A Baña, A Coruña-Teo, A Coruña

Campo de actividade: Educación; Política

Grupo asociado: Granxa de Barreiros (Portomarín, Lugo); Fundación Castelao

Ocupación: Mestres; Escritores; Políticos

Lingua: Galego

Mentres realizaba os seus estudos no Seminario de Santiago de Compostela, asistiu en 1931 a un mitin dado polos principais líderes galeguistas no Teatro Principal de Santiago. Este mitin, e en especial un discurso pronunciado por Castelao, convertérono á causa galeguista na que permanecería durante toda a súa vida.

Continuou a súa formación con estudos de Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Politicamente comezou a militar nas Mocidades Galeguistas e a escribir na Voz de Barcala.

A sublevación militar do 36 impediu que obtivese a praza das oposicións de Maxisterio ao ser anuladas polo novo goberno. No seu lugar, optou por estudar na Misión Biolóxica, tras o que pasou a dirixir en 1948 a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros. Alternou entre diversos postos relacionados co agro dentro e fóra de Galicia ao mesmo tempo que escribía numerosos ensaios sobre o tema, ata que en 1970 decidiu ser mestre en Pontecesures.

Cando rematou a ditadura franquista, participou na creación do novo Partido Galeguista en 1978, converténdose no seu secretario xeral, pasando eventualmente ao cargo de presidente, que mantería ata 1983. Na última etapa da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos que se sumaron aos que xa tiña, como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela ou a Medalla Castelao.



Bibliografía:

Imaxes:

  1. Avelino: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB), Avelino Pousa Antelo (AELG)-3, CC BY-SA 3.0