Pierre-André Pourret

1.Pierre-André Pourret

Pierre-André Pourret, coñecido en galego como Pedro Andrés Pourret, foi un botánico francés con actividade en Santiago de Compostela, pioneiro no uso da catalogación binomial en botánica e autor de varias obras, entre elas un pormenorizado estudo sobre especies de plantas galegas.

Nome completo: Pierre-André Pourret

Datas: 1754 - 1818.

Lugares: Narbona - Santiago de Compostela

Campo de actividade: Botánica.

Grupo asociado: Academia de Ciencias de Turín

Ocupación: Botánicos; Sacerdotes.

Lingua: Francés

Nado na cidade occitana de Narbona en 1754, Pourret interesouse dende que era pequeno na flora que medraba no Mediodía francés. Así, tras uns primeiros anos de formación elemental en botánica na súa cidade natal, trasladouse a Montpellier, onde coñeceu a Jean François Seguier, con quen herborizaría alomenos durante tres anos e quen lle proporcionaría os seus primeiros contactos científicos.

Pourret seguiría a viaxar por outras cidades francesas adquirindo máis coñecementos e experiencia sobre botánica e herboloxía, ocupándose desde 1786 da conservación do gabinete de Historia Natural de París e traballando tamén en Toulouse, cidade onde ademais recibiría as ordes sacerdotais, algo que anos despois condicionaría a súa vida. Por aquel tempo tamén publicou as súas primeiras contribucións botánicas.

Porén, en 1789 asistiu ao inicio da Revolución Francesa. Pourret viuse entón obrigado a abandonar o seu país, debido tanto ás súas ideas realistas como á crítica situación vivida polos cregos franceses durante e tras o triunfo revolucionario.

Así, acabaría por marchar a Barcelona, onde, tras unha primeira toma de contacto cos grandes botánicos cataláns, publicou unha nova obra, Noticia Histórica de la Familia Salvador (unha familia de farmacéuticos cataláns moi ben considerada na súa época), co que pensaba gañar estima entre os botánicos de Cataluña. Despois disto, non tardou moito en ser nomeado director do Xardín Botánico e profesor de Historia Natural na Universidade de Barcelona e, tempo despois, xa afianzado no seu posto e granxeada a súa relevancia como botánico, tamén sería nomeado subdirector do Xardín Botánico de Madrid.

Xa para o ano 1799, Pourret obtivo a canonía na catedral de Ourense, posto que tiña a misión simultánea de estudar a botánica e mineraloxía do Reino de Galicia. Alí permaneceu, pois, ata o motín que tivo lugar na cidade o 2 de maio de 1808 por mor dos acontecementos que estaban a ter lugar na capital, momento no que se viu obrigado a fuxir e refuxiarse durante uns anos nun pequeno cenobio das montañas do Bierzo.

Mais a revolución liberal en España quedou conxelada en 1814 coa entronización de Fernando VII e a restauración do absolutismo. Nese momento regresou a Madrid e novamente foi proposto como cóengo, aínda que desta vez de Santiago de Compostela, onde estableceu un xardín botánico na súa tenencia en Pitelos. Existe a constancia de que este xardín foi visitado en varias ocasións polo director do Colexio de Farmacia de San Carlos e outros estudosos. De feito, Pourret acabaría legando as plantas dese xardín ao Colexio. Non hai referencias anteriores á existencia dun xardín botánico en Galicia, polo que o de Pourret cobra aínda maior relevancia.

Ao longo da súa vida confeccionou un abundante herbario e á súa morte, en 1818, legouno á Facultade de Farmacia de Santiago, sendo cedido despois pola Universidade de Santiago de Compostela á Universidade Complutense de Madrid.

Finalmente, Pourret finaría o 17 de agosto de 1818 en Compostela, onde foi soterrado no claustro da Catedral.

Bibliografía:

Imaxes:

  1. lith CASSAN Toulouse, Dominio Público, via Wikimedia Commons.