Manuel Portas

  1. Manuel Portas

Manuel Portas Fernández (Barcelona, 1960) é un sociolingüista, profesor e escritor de narrativa galega.

Na súa longa traxectoria profesional destaca o seu papel como concelleiro en Santiago de Compostela e como director do instituto IES Arcebispo Xelmírez I.

Nome completo: Manuel Portas Fernández

Datas: 1960 -

Lugares: Barcelona

Campo de actividade: Literatura; Sociolingüística; Ensino

Grupo asociado: IES Xelmírez I; Bloque Nacionalista Galego

Ocupación: Profesores; Escritores

Lingua: Galego

Facebook: https://www.facebook.com/manuel.portas

Biografía:

Aínda que nado na cidade de Barcelona no ano 1960, Manuel Portas criouse en Galicia, de onde era orixinario o seu pai. Durante a súa xuventude trasladouse á cidade de Compostela, onde estudou e se licenciou en Filoloxía galego-portuguesa, dando inicio a súa carreira profesional como profesor asociado á Universidade de Santiago de Compostela e acadando a cátedra na especialidade de Lingua e Literatura.

En 1981, durante a plena efervescencia das organizacións galeguistas no marco da Transición española, fundábase a Associaçom Galega da Língua (AGAL), grupo de carácter reintegracionista ao que Portas chegou a dirixir. Así mesmo, no 1986 foi partícipe da fundación da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), coordinou a Revista Enclave e foi membro do xornal A Nosa Terra. Xa no ano 1987 asumiu a dirección do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, onde, comprometido como estaba co impulso do idioma galego, levou a cabo unha importante campaña de galeguización no ámbito da ensinanza.

Portas mantivo o seu cargo no centro educativo até o 1996, ano no que comezaría a súa experiencia na política municipal da man do Bloque Nacionalista Galego, do que foi responsable local e, tras as eleccións municipais de 1999, concelleiro pola coalición co PSdG de Xosé Sánchez Bugallo.

No 2011 retomaría o mando na dirección do IES Arcebispo Xelmírez I, cargo que segue a impartir a día de hoxe.

Obras e premios:

No ano 1991, Manuel Portas publicou a súa primeira obra en solitario, un ensaio sobre sociolingüística titulado Língua e sociedade na Galiza. Emporiso, con anterioridade xa tiña publicado artigos de investigación e participado en obras colectivas de carácter académico, tales como Estudo Crítico das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1983) ou A formazón de novos campos léxicos (1986), entre outros.

Así mesmo, no 2010 viu a luz a súa primeira novela, Denso recendo a salgado, da man da Editorial Xerais, e dende entón a súa produción literaria non cesou, chegando a publicar ata sete libros ao longo da década. Entre eles destaca Lourenço, xograr (2015), galardoado co Premio de Novela Manuel García Barros na súa XXVIII edición; e Por puntos (2019), co que obtivo o Premio de novela longa Blanco Amor.

Bibliografía: