Arantza Portabales

1.Arantza Portabales

Arantza Portabales, nada en Donostia o 27 de xaneiro de 1973 e actualmente residente no concello de Teo, é unha recoñecida escritora galega de narrativa e microrrelatos.

Nome completo: María Aránzazu Portabales Santomé

Datas: 1973 -

Lugares: Donostia.

Campo de actividade: Dereito; Literatura.

Grupo asociado: Editorial Galaxia.

Ocupación: Interventora de facenda; Escritora.

Lingua: Galego; Castelán.

Twitter: https://twitter.com/aranportabales

Filla de emigrantes galegos, Arantza pasou boa parte da súa infancia no País Vasco, até que a súa familia decidiu retornar a Marín cando ela contaba con doce anos. Entre as Universidades de Donosti e Santiago de Compostela estudou e licenciouse en Dereito para traballar, dende entón, como interventora de facenda na Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia.

Non sería até anos despois, no 2013, cando Arantza comezaría a súa andanza no mundo da literatura a partir dunha serie de microrrelatos que rematarían compoñendo o seu primeiro libro, A Celeste la compré en un rastrillo, publicado en 2015 por Zaera Silvar. Nese mesmo ano tamén vería a luz a súa primeira novela en galego, Sobrevivindo, que publicou a Editorial Galaxia tras gañar o XV Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia.

Porén, a obra coa que realmente acadou un éxito sen precedentes foi a novela Deixe a súa mensaxe despois do sinal (2017), tamén publicada por Galaxia tras ser finalista do Premio San Clemente e que pronto foi traducida a catro idiomas e mesmo levada ao teatro pola compañía vasca Tanttaka. A partir de entón, a súa produción literaria ten sido moi fructuosa. No ano 2019 publicou o seu cuarto libro, Beleza vermella, traducido ao castelán e ao italiano, e tan só un ano despois, en 2020, chegou o quinto, Historias de mentes, un libro de relatos ilustrados.

O 8 de maio de 2021 foi a encargada de dar o pregón de inauguración da Feira do Libro de Santiago, a onde tamén asistiu a unha rolda de firmas da súa sexta e, polo de agora, última obra, A vida secreta de Úrsula Bas.

Un dos elementos definitorios das historias de Arantza Portabales é o emprego esta fai das súas propias vivencias á hora de construir o espazo e tempo dos relatos. Por este motivo, é habitual atoparse descricións familiares para o lector como as rúas de Compostela e arredores, sempre dende a particular percepción da autora, entre os elementos ficticios que conforman as súas intrigantes novelas.

Bibliografía: