José de la Peña de Toro

2.Porta Santa da catedral

José de la Peña de Toro (La Seca, 1609-Santiago de Compostela, 1676) foi un arquitecto e mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela.

Inicia a súa formación co seu pai, que era canteiro e comeza a súa actividade artística como entallador e ensamblador, algo moi importante, pois será da arquitectura en madeira dos retablos de onde tomará receitas que aplicará nas súas obras pétreas.

Nome completo: José de la Peña de Toro

Datas: 1605-1676

Lugares: Madrigal de las Altas Torres, Ávila- Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado: Catedral de Santiago de Compostela

Ocupación: Arquitectos

Lingua:

Posteriormente trasladarase a Salamanca, onde estará entre 1646 e 1651, forxando a súa personalidade artística, ao crear unha linguaxe propia e motivos que repetirá posteriormente nas súas obras compostelás como son o gusto polas volutas ou os frontóns partidos e enrolados.

Entre 1652 e 1676, ano da súa morte, aséntase en Santiago de Compostela. Comezou trala súa chegada as obras de restauración da igrexa do mosteiro de San Martiño Pinario, cuxa nave central estaba a piques de derrubarse, ademais de reforzar e engadir elementos barrocos na fachada, converténdose no arquitecto mellor pagado da cidade. Tamén foi o encargado da construción do claustro do Colexio de San Xerome.

Tras ser mestre de canteiría da catedral durante uns anos, foi nomeado mestre de obras. Aquí, a súa figura lígase coa de Vega y Verdugo, teórico cuxo Informe, que mostraba plans de reformas a levar a cabo na catedral, foi en parte levado á práctica por Peña, como o peche da praza da Quintana, que ocultaba as irregularidades do peche catedralicio anterior, incluíndo a realización da Porta Santa e da Porta Real. Tamén realizaría outras obras menores na cidade.

En definitiva, podemos dicir que mentres Vega y Verdugo é o promotor teórico do Barroco na cidade, Peña de Toro é o seu promotor práctico, sendo este proceso culminado por Domingo de Andrade.

Bibliografía

  • VICENTE LÓPEZ, Simón, Vega y Verdugo, Peña de Toro y la introducción del barroco en Compostela, Santiago de Compostela: Teófilo/Consorcio de Santiago, 2012.

  • GT do CPI Pecalama de Tordoia: A arquitectura barroca compostelá (BACH). Recuperado de Espazo Abalar: https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/arquitectura-barroca-compostela-bach (consulta 5 de maio de 2020)

  • Vicente López, Simón: José de la Peña y ¿Toro? Apunte biográfico para un artista prometedor. En: Archivo español de arte, ISSN 0004-0428, Tomo 80, Nº 318, 2007, págs. 199-206. Recuperado de: DOI: 10.3989/aearte.2007.v80.i318.66 (consulta 5 de maio de 2020)