Manuel Pereiro Caeiro

1.Manuel Pereiro Caeiro

Manuel Pereiro Caeiro (Santiago de Compostela 1834- Santiago de Compostela 1909) foi un arquitecto municipal compostelán e membro da RSEAPS (Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela).

Viviu en Santiago ata os 17 anos, cando viaxa a Madrid na procura de formación e traballo. Alí casará con Victoriana Aroca, con quen terá 4 fillos, residindo na capital pouco máis de 10 anos.

Nome completo: Manuel Pereiro Caeiro

Datas: 1834-1909

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura; Política

Grupo asociado: Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela; Concello de Santiago de Compostela

Ocupación: Arquitectos; Políticos

Lingua: Castelán

Os primeiros labores tiveron que ver co ferrocarril, realizando obras primeiro en Madrid e máis tarde en Pamplona, onde dirixe as obras dende esa cidade ata Zaragoza. Máis tarde levará as obras do ferrocarril Lisboa-Oporto. A finais da década de 1860 traballa para o Marqués de Salamanca en Madrid, obtendo o título de Mestre de Obras pola Escola de Arquitectura de Madrid en 1871, sendo unha das últimas titulacións concedidas, xa que se suprimiría a comezos desta década.

Trasladouse a Santiago onde inicia, un ano despois, a súa carreira como contratista co novo Mercado de Abastos, que se constrúe na finca dos Condes de Altamira. Sempre mantivo unha relación co Concello de Santiago onde chegou a desempeñar o cargo de arquitecto municipal, substituíndo a Manuel Prado y Vallo e a Domínguez Coumes- Gay, co que algunha vez colaborou.

En 1887 foi nomeado pola corporación, arquitecto municipal interino, máis tarde será nomeado consultor facultativo das obras municipais. Por este cargo renunciou a toda remuneración económica polos servizos prestados, dedicando a súa actividade aos encargos particulares que centraron a súa carreira durante o último cuarto do século XIX.

Manuel Pereiro Caeiro foi unha personaxe importante da vida santiaguesa de finais do século XIX, formando parte da antes mencionada RSEAPS, membro fundador da Cámara de Comercio de Santiago, sendo un empresario que fixo crear moitos postos de traballo na súa carpintería, dirixida por Manuel Calvo Lancel. Este lugar foi importante xa que alí se realizaron os mellores exemplos das galerías da cidade que, na gran maioría, aínda se conservan.

Nos últimos anos da súa vida, Pereiro Caeiro deu un xiro cara á política, sendo escollido deputado provincial por Santiago en 1892 e concelleiro do Concello de Santiago en 1901. En 1882 é nomeado por Alfonso XII Comendador de número da Orde de Isabel a Católica e Cabaleiro da Orde de Carlos III. Con Afonso XIII pasa a ser nomeado en 1897 Xefe Superior da Administración Civil.

Traballou na súa cidade natal durante 40 anos, ata a súa morte con 72 anos. Deixou unha abundante obra arquitectónica de iniciativa privada que contribuíu, con gran xeito, á imaxe da cidade que herdamos hoxe en día.

Bibliografía:

  • PEREIRO, José Luís, Rincones de Compostela, Santiago de Compostela, Editorial Ronsel, 1996.

  • Sánchez García, Jesús Ángel, Manuel Pereiro Caeiro , en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)

  • Bibiano Fernández, Manuel: Siluetas gallegas: Manuel Pereiro Caeiro. En: Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 193 (27/08/1892),p. 1-2. Recuperado de: Galiciana http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000068896 (consulta 5 de maio de 2020)

Imaxes:

  1. Manuel Pereiro:

Enlaces a datos e catálogos