Diego Peláez

1.Capitel na Catedral de Santiago coa inscripción: "En tempo do prelado Diego comezouse esta obra"

Diego Peláez foi bispo da sé de Santiago de Compostela a comezos do pleno feudalismo e pasou á historia por ser o impulsor e dar comezo á construción da catedral románica de Santiago de Compostela no 1075 durante a súa prelatura (1070-1088).

Foi deposto do seu cargo en 1088, encarcelado e exiliado. O seu sucesor foi Dalmacio.

Nome completo: Diego Peláez

Datas: ?-1104

Lugares: ?-Estella, Navarra

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Catedral de Santiago de Compostela

Ocupación: Bispos

Lingua:

Biografía de Diego Peláez

A idendidade do obispo Diego Peláez resulta certamente descoñecida para os historiadores. Son poucas as fontes que fan referencia fidedigna á súa persoa. A Historia Compostellana dinos entre outras cousas que Diego Peláez continuou a obra do obispo Cresconio da construción do castelo Honesto; así como fai fincapé na súa responsabilidade de dar comezo ás obras da catedral.

O episcopado de Diego Peláez (1070-1088) en Compostela está marcado por dous fitos principais: foi un dos impulsores da Reforma Gregoriana en Galicia a través da introdución do rito romano na Sé compostelá, en torno ao ano 1080 e en substitución do rito toledano (ou mozárabe); e promocionou o inicio das obras da catedral románica de Santiago (1075). Tamén reformou o corpo de cóengos, aumentándoo de sete integrantes a vintecatro. Realizou unha prolífica administración en canto á xustiza; reorganizou o señorío de Compostela, dende o río Iso ao Atlántico; impulsou o comercio mediante a ceca e o intercambio e mellorou a defensa militar contra ataques normandos e conflitos interiores.

Existe un debate sobre o seu nomeamento no que se propón que o seu acceso á sé episcopal viuse favorecido polo apoio ao rei Afonso VI de León no seu conflicto con García II de Galicia, xusto cando este foi feito prisioneiro polo seu irmán.


Catedral románica de Santiago: o proxecto de Diego Peláez

Tesitura arquitectónica previa

Previamente á construción da catedral románica que se erixe na actualidade fronte á praza do Obradoiro, existiron dúas basílicas de menor tamaño: unha primitiva igrexa construída por Afonso II de Oviedo tralo hipotético descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago o Maior polo bispo Teodomiro, nun momento entre os anos 813 e 830; e unha igrexa prerrománica de estilo visigodo promocionada por Afonso III o Magno entre os anos 872 e 899, que foi destruída por Almanzor no 977, e reconstruída posteriormente polo bispo San Pedro de Mezonzo en torno ao 1003.

Da primeira, a igrexa martirial, disponse de pouca información agás a que fai referencia ao descubrimento da tumba e a atribución das reliquias; e observacións que, dende o punto de vista dunha interpretación arqueolóxica, dan a coñecer a posíbel existencia dun baptisterio na parte norte da igrexa, o umbral da que foi a entrada principal ou as reducidas dimensións e sinxeleza que caracterizaron, entre outros aspectos, este primeiro templo. Coa segunda edificación, Afonso III vinculou definitivamente a tumba do Apóstolo coa monarquía asturiana, nun contexto de traslado da curia de Iria Flavia a Compostela e comezo da fortificación da cidade por mor de ataques do exterior. Explícase así a impronta decorativa hispanorromana ou hispanovisigótica en mármore e pedra presente na catedral a partir deste momento.

Proxecto arquitectónico de Diego Peláez

Neste contexto de construción dun terceiro templo, a figura de Diego Peláez resulta capital en canto á súa iniciación. Nun principio, o proxecto parte da concepción de que o novo altar principal tiña que coincidir co lugar dos altares preexistentes, o que fixo necesario o derrubamento total da igrexa prerrománica e das estruturas inmediatas que ocupan o espazo sobre o que debía erixirse a nova obra: a Quintana, Antealtares, Corticela, o hospital de Santiago e a vella muralla que cercaba o Lugar santo. Esta complexa estruturación requeriu un acordo coas autoridades que rexentaban algunhas destas institucións, como as dos mosteiros de Antealtares e Corticela. Exemplo disto é a coñecida Concordia de Antealtares (1077), nome que recibe en referencia ao documento en latín que recolle estes feitos. Trátase dun acordo entre o bispo Diego Peláez e Faxildo, abade do convento de San Paio de Antealtares, mediante o cal os monxes bieitos aceptan cederlle terreos ao bispo, o que tivo como primeiro resultado a destrución de parte do mosteiro de San Paio de Antealtares. Este acordo "deixaba aberto o camiño para o crecemento da cabeceira da catedral a costa da igrexa e claustro de Antealtares así como a apertura da Vía Sacra a través da Quintana; pola súa parte, os acordos co abade Adulfo permitían integrar a Corticela na nova catedral a cambio da ampliación do edificio de Pinario e o traslado alí das funcións monásticas entre 1075 e 1088".

O bispo puxo á fronte desta empresa urbanística (segundo o Codex Calixtinus) aos mestres de obras Roberto e Bernardo o Vello, ambos posibelmente de orixe franco pola tipoloxía arquitectónica que plantexaron para a nova catedral: a dunha "igrexa de peregrinación". Esta nova concepción dende o punto de vista da arquitectura responde a unha necesidade, a unha demanda: a peregrinación -en auxe- e os beneficios e intereses que atraía consigo eran considerabelmente factibles, especialmente nun momento no que apareceron novos lugares de culto nas rutas francesas do Camiño de Santiago tales como Saint-Martin de Tours, Saint-Martial de Limoges e San Saint-Sernin de Toulouse. Trátase de templos de carácter monumental, abovedados, con cruceiro en planta e cabeceira con xirola rodeada de absidiolos -para o culto a santos e reliquias-, arquerías de arcos formeros e tribuna ao longo de todo o edificio (aloxar peregrinos), profusión de torres e un cimborrio que permitise a iluminación; destaca a importancia do programa iconográfico, sempre baixo unha intencionalidade didáctica (relixiosa), e o simbolismo. A peregrinación, xunto co papel protagonista de Cluny foron un dos principais factores de consolidación da arte románica en Europa.

Nova catedral románica en tempos de Diego Peláez

A Historia Compostellana e o Codex Calixtinus son as principais fontes para coñecer a idiosincrasia da construción da catedral, e de xeito máis fiábel a partir da edificación do terceiro templo, en canto se refire aos arquitectos, promotores, soldos ou litixios derivados do propio contexto feudal no que se erixiu esta obra. Cronolóxicamente, estes escritos sitúan a colocación dos cimentos no 1078, ano que figura tamén na xamba esquerda da porta dereita da fachada sur do transepto. Nembargantes, as historiadoras e historiadores da Arte semellan coincidir en que só se trata dunha data oficial, xa que nun documento de 1077 aparece a referencia a unha cesión de terreos por parte do mosteiro de Antealtares á nova catedral en construción; isto implica que o novo templo atopábase en obras xa alomenos un ano antes de 1077. Por outra banda, en 1075 celebrouse un concilio en Santiago de Compostela no que parte dos 30.000 dinares que Afonso VI recibiu do rei de Granada foron destinados á catedral. Por ende, no mundo acedémico acéptase que o ano 1075 marcou o inicio da construción da nova catedral.

A obras comezaron pola contrución das capelas (ou absidiolos) do ábside da catedral. Ata a deposición de Diego Peláez do seu status eclesiástico de bispo, levantou tres capelas e dúas portas de acceso na superficie da cabeceira. Exemplo disto é a capela de Santa Fe de Conques, a única capela da cabeceira románica da catedral. Trala súa caída, as obras mantivéronse paralizadas durante cinco anos. Serán retomadas baixo o reinado de Afonso VI o Bravo e a prelatura do arcebispo da cidade Diego Xelmírez e posteriormente de Juan Arias, as obras da catedral experimentaron unha significativa intensificación; a partir de aquí, o templo, xunto co proxecto urbanístico compostelán entraron nunha dinámica de paralización ata fins do século XV, co patrocinio dos Reis Católicos e Afonso III de Fonseca.

Conflito político e caída

Despois de ocupar durante once anos o cargo de bispo da sé de Santiago de Compostela, Diego Peláez cae en desgraza en 1087; mais, os problemas aos que se enfronta o obispo non comezan anteriormente a este ano. Como se mencionou, xa con anterioridade mantivera un litixio cos mosteiros de Antealtares e Corticela por obter certo territorio, entón pertencente a ditas institucións, para a construción da catedral; e que fora resolto na Concordia de Antealtares (1077).

Emporiso, a caída desta personaxe ten estreita relación cun factor político: o enfrontamento co rei Afonso VI de León. Este tivo lugar polo desexo de Diego Peláez de encumiar á sé de Santiago de Compostela como a cabeceira relixiosa e política dos reinos hispánicos da península Ibérica, en contra de que fose Toledo como pretendía o monarca. Esta rivalidade traduciuse na acusación de traizón ao bispo por parte da monarquía, concretamente de ser partícipe da revolta que se extendeu dous anos contra o poder do rei do 1087 na que participara parte da nobreza galega, coma o líder Rodrigo Ovéquiz. Conta a Historia Compostellana que: "A este obispo arroxou este rei Afonso da igrexa de Santiago e durante moito tempo tívoo preso e encadeado, acusándoo de traidor. Pois os seus inimigos, movidos polos celos da envexa, dixeron que intentaba entregar o reino de Galicia ao rei dos ingleses e normandos e quitárllelo ao rei dos hispanos". Nesta conxuntura tiveron capital influencia o arcebispo Bernardo de Toledo e as presións da corte castelá-leonesa.

O bispo compostelán será deposto do seu cargo no Concilio de Husillos (1088) e desterrado, segundo a historiografía, a Aragón, onde pode que permanecese gorecido con algúns das personaxes máis relevantes da revolta lucense de 1087-1088; esta estancia puido ser o que lle permitiu formalizar relacións co rei Pedro I (1094-1104), recoñecéndolle este monarca ao deposto bispo a dignidade de episcopus sancti Iacobi, o cal comportaba o dereito de usufruto de doazóns reais á catedral compostelá.

A personalidade de Diego Peláez nunca deixou de estar "presente" dalgún modo no seo da curia compostelá. Castiñeiras González, profesor de Historia da Arte da USC, non alberga dúbidas á hora de afirmar que "o bispo puido manter estreitos contactos con Galicia durante o seu período de exilio. En primeiro lugar, [...] dous homes da súa confianza continuaron administrando as obras da Catedral. En segundo lugar, durante o seu goberno el tratara respectuosamente á comunidade benedictina de Antealtares, mantendo o seu culto no altar apostólico e destinando aos monxes unha das capelas construidas na cabeceira. [...] En terceiro lugar, Diego Peláez fora nomeado en 1071 obispo de Santiago, á vez que Gonzalo, obispo de Mondoñedo", posíbelmente elevados á sé polo propio García II de Galicia.


Bibliografía:

  • ARMAS CASTRO, José, "El afianzamiento de la realidad urbana después del año mil", Cap. III en PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela 2003

  • CASTIÑEIRAS GONZÁLEZ, Manuel, "La catedral de Santiago de Compostela (1075-1122): obra maestra del románico europeo" en AA.VV, Siete maravillas del románico español, Palencia, Fundación Santa María de la Real 2009

  • FALQUE REY, Emma (ed.), Historia Compostelana, Madrid, Ediciones Akal 1994

  • Recuero Astray, Manuel , Diego Peláez, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)

Imaxes:

  1. Capitel na Catedral de Santiago: P.Lameiro, Santiago, Catedral capitel Diego Páez 1, CC BY-SA 3.0