Miguel Payá y Rico

1.Miguel Payá

Miguel Paya y Rico (Benejama, Alicante, 1811 - Toledo, 1891) foi un cardeal da Igrexa Católica que chegou a acadar o posto de arcebispo de Santiago de Compostela.

O seu período formativo comeza na súa terra, entre as localidades de Biar, Onil e Valencia.

Nome completo: Miguel Antonio Domingo Payá y Rico

Datas: 1811-1891

Lugares: Benejama, Alicante-Toledo

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Catedral de Santiago

Ocupación: Arcebispos

Lingua: Latín; Castelán

Realiza estudos en Filoloxía, Teoloxía e Dereito Canónico na Universidade de Valencia e no seminario consular, sendo despois profesor de Dereito Canónico, unha cuestión pola que comeza a acadar prestixio na cidade.

No ano 1836 é ordenado presbítero, nuns anos que están cheos de atrancos, en gran medida pola situación política que lle toca vivir, moi a pesares da súa formidable preparación, que o levarán finalmente a converterse en bispo de Cuenca, arcebispo da cidade de Santiago de Compostela e Primado de España , uns títulos que acada cun grande esforzo, despois de que se lle pechasen numerosas portas, antes de poder acadar este status.

O seu posto en Cuenca, ocuparao arredor de 17 anos, mentres realiza numerosas viaxes a Roma para completar a súa formación. A súa figura tamén abarcará o eido político, cando no 1871 é elixido senador pola circunscrición de Guipúzcoa.

Finalmente, é nomeado arcebispo de Compostela o 16 de xaneiro de 1874. Non podemos esquecer que, nesta época, Santiago vive unha época de plenitude xa que, xunto a Sevilla e Toledo, era un dos tres lugares máis importantes e prestixiosos.

Miguel Payá ocupa este cargo cunha idade xa avanzada, pero con plenas capacidades para traballar nunha cidade como Santiago de Compostela. Os gobernos do momento téñenlle unha gran estima e el, pouco a pouco, comeza a xogar un evidente papel de líder contra certa xerarquía española, o carlismo.

Mais, se tivésemos que escoller un momento clave no seu mandato, este foi o de atopar os restos do Apóstolo Santiago, que se atopaban en paradeiro descoñecido dende o século XVI por temor ás incursións do pirata Drake nas costas galegas. Payá tentará dar con estes restos, organizando diferentes escavacións e proxectos que culminan no ano 1879, cando finalmente se atopan nunha furna durante as obras do altar maior. O arcebispo encarga unha investigación para tentar verificar a procedencia dos ósos, sendo a Universidade de Santiago de Compostela a encargada de levala adiante. Finalmente, o Papa León XIII anunciará durante o seu papado que os restos atopados eran os do Apóstolo. Coa figura de Miguel Payá, volven cobrar protagonismo as peregrinacións a Compostela.

A súa preocupación pola cidade de Santiago, lévao a fundar o que hoxe coñecemos como Hospital Psiquiátrico de Conxo, nas instalacións dun antigo mosteiro.

Payá acumulará máis cargos e honras ao final da súa vida que ningún eclesiástico español do seu tempo (Arcebispo de Toledo, Primado de España, Patriarca das Indias Occidentais) É lembrado polas súas numerosas obras e o seu gran número de escritos que nos fan comprender parte do seu legado.

Bibliografía:

  • POMBO, Antón (2009) : O cardeal don Miguel Payá y Rico (1811-1891) : Bispo de Cuenca, Arcebispo de Compostela e Primado de España . Santiago de Compostela . Instituto Teolóxico Compostelano.

  • Tormo Martín de Vidales, Pilar, Miguel Antonio Domingo Payá y Rico, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)

Imaxes:

  1. Miguel Payá: Román Navarro autor QS:P170,Q12399235, Miguel Payá y Rico - 1885 - Román Navarro, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons