Panisse Ferrer, María del Portal

1.María del Portal Panisse

María del Portal Panisse Ferrer (A Coruña, 1914 - Santiago de Compostela, 2001) foi unha mestra e farmacéutica galega, asentada en Santiago de Compostela, que desenvolveu a súa actividade profesional durante a ditadura franquista. 

Nome completo: María del Portal Emiliana Panisse Ferrer

Datas: 1914-2001

Lugares: A Coruña - Santiago de Compostela

Campo de actividade: Ensino; Farmacia

Grupo asociado

Ocupación: Mestra; Farmacéutica

Lingua: galego, castelán

María del Portal Panisse Ferrer, "Maruxa", naceu na Coruña en 1914, nunha familia liberal, ilustrada e culta. Matricúlase na carreira de Químicas da Universidade de Santiago de Compostela en 1932. Durante a súa estancia na universidade, relaciónase co círculo galeguista de Tenreiro, Pepe Abad, Pedro Brañas, Francisco Fernández del Riego e chega a facerse moi amiga de Evelina Hervella, futura muller de Del Riego. Coñece, ademais, a Enrique Ríos Suárez, comunista e licenciado en Químicas, co que inicia unha relación de parella en 1985. 

Termina a carreira en 1937 e volve á Coruña. Alí comeza a estudar Maxisterio e a impartir aulas. En 1941 termina Maxisterio e casa con Enrique Ríos, que daquela era socio dunha industria farmacéutica que tiña varias patentes. Pero a iniciativa fracasa, o que fai que a parella decida mudarse a Compostela, onde nacerán as súas fillas mais o seu fillo. O seu perfil de muller republicana, formada na Institución Libre de Enseñanza, evidénciase no tipo de educación que escolle para as súas fillas e fillo: escolle a Preceptoria, que despois se tranformará na Academia Minerva, xa que "a escola franquista adoutrinaba".

Ao chegar a Santiago Maruxa consegue un traballo de mestra no colexio das Orfas. Enrique termina a carreira de Farmacia e abre unha botica en San Pedro. 

Pero en 1952 a Enrique detéctaselle unha enfermidade coronaria que acabará coa súa vida seis anos despois. A descuberta da enfermidade inflúe na decisión de Maruxa de estudar Farmacia. En 1957, unha vez licenciada, abre unha botica na rúa de Fonseca, na que atendía a unha clientela sobre todo universitaria. A súa forma de traballo valeríalle o alcume de "boticaria da liberdade".

Maruxa foi unha muller humanista, hixienista e libre. Nos anos duros do franquismo, nos que estaba prohibido o aborto e o emprego de calquera método anticonceptivo diferente ao do ineficaz calendario Ogino-Knaus, Maruxa, saltando as regras impostas polo goberno, comercializa calquera tipo de anticonceptivo sen receita médica (pílula, preservativo...), un comportamento único en Compostela. A pesar disto, non tivo problemas coas autoriedades. 

Por outra banda, negábase a vender sen receita a Centramina e outros estimulantes utilizados polos estudantes universitarios. Afirmaba que a súa composición podía danar as persoas que abusaban destas substancias. 

Bibliografía:

Imaxes:

Enlaces a datos e catálogos