Eugenia Osterberger

1.Eugenia

Naceu en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e morreu en Niza o 8 de febreiro de 1932.

Era filla do alsaciano Jorge Osterberger, un litógrafo que chegara a A Coruña tres anos antes e que casou con Emilia Luard Álvarez, a filla do seu patrón. Pouco despois de ter a súa primeira filla, Elisa, múdanse a Santiago xa que Jorge Osterberger conseguira un traballo no establecemento de Juan Rey Romero.

Eugenia Osterberger tamén foi coñecida como Madame Saunier.

Nome completo: Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard

Datas: 1852-1932

Lugares: Santiago de Compostela-Niza, Francia

Campo de actividade: Música

Grupo asociado: Romanticismo; Real Academia Galega

Ocupación: Compositoras; Pianistas

Lingua:

Eugenia recibiu unha educación superior á que se lles daba ás mulleres na súa época; non se sabe se porque os seus pais viron que tiña cualidades ou para que a nena progresase pois, con nove anos, os pais compráronlle un piano. Completou a súa formación en Francia baixo a tutela da Congrégation des Dames de Saint-Louis en Juilly. Nesta formación as mulleres aprendían practicamente o mesmo que os varóns, excepto latín e grego. Ademais, conseguiu o título que lle permitía ensinar. A decisión dos seus pais de enviala a Francia a rematar os seus estudos axudou a Eugenia a diferenciarse das demais mulleres galegas do momento.

O rexistro das súas cartas, unha vez que volve a Santiago, confirma non só o seu interese pola música, senón tamén o seu alto nivel cultural, posto que, xunto cos anuncios dos periódicos, gañou a vida durante os seus anos de solteira dando clases de francés e de piano para señoritas e nenos.

Tras vivir en A Coruña durante vinte e sete anos, múdase coa súa familia á cidade de Niza en 1908. Nesta etapa da súa vida perdeuse moita información pero parece que continuou coa mesma vida que levaba en A Coruña. Na cidade de Niza comezou a relacionarse con artistas e músicos de diferentes países e movementos, como demostra que Théodore Akimenko lle compuxese a canción Chant printamier. É coñecido que varios dos seus fillos traballaron en Galicia pero non se sabe se o resto da súa familia visitou a súa terra natal nalgún momento.

Ao longo da súa vida, Eugenia Osterberger compuxo un número inmenso de obras musicais para piano e piano e voz. Moitas delas están localizadas, pero existen algunhas obras sen localizar, a maioría compostas aínda vivindo en Galicia.

Foi condecorada e admirada polos seus contemporáneos pola súa defensa da cultura galega e o intento de exportala fóra de Galicia. Como exemplo disto, no ano 1907 foi nomeada académica correspondente pola Real Academia Galega, presidida nese momento por Manuel Murguía.

Bibliografía:

  • López-Suevos Hernández, B.; Martínez Martínez, M. R. (2016) Eugenia Osterberger (Mme Saunier). La incidencia de la cultura francesa en la compositora gallega . En Nalgures, Tomo XII. A Coruña: pp 349 – 390 (consultado o 7/2/2019)

  • López-Suevos, Beatriz ; Lorenzo Susana de ; Martínez Martínez, Rosario. Eugenia Osterberger : a compositora galega da Belle Époque (1852-1932 ). Ouvirmos, 2017. ISBN 978-84-944008-6-5

  • Andrade Malde, Julio: Eugenia Osterberger: recuperar la memoria histórica. En: Mundo clásico: recuperado de https://www.mundoclasico.com/articulo/19152/Eugenia-Osterberger-recuperar-la-memoria-hist%C3%B3rica (consultado o 7 de febreiro de 2019)

Imaxes:

  1. Eugenia: Autor descoñecido, Lo eterno. Sofía Casanova. Madrid, 1917. 1ª edición. Imprenta Prensa Popular. Director Jose de Urquia, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons