Martiño Noriega

1.Martiño Noriega

Médico e político galego nacido na Coruña en 1975. Criado no ensanche compostelán, dende os 6 anos viviu no concello de Teo.

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela onde tamén obtivo o DEA en Saúde Pública no 2010. Realizou a especialidade en Medicina de Familia na área sanitaria de Santiago e traballou posteriormente no 061 ata o ano 2007.

Foi alcalde de Compostela dende 2015 a 2019.

Nome completo: Martiño Noriega Sánchez

Datas: 1975-

Lugares: A Coruña

Campo de actividade: Política; Medicina

Grupo asociado: Compostela Aberta

Ocupación: Políticos; Médicos

Lingua: Galego

Twitter: https://twitter.com/martinhonoriega

Despois de militar na asociación de estudantes universitarios CAF e de ser representante dos estudantes no claustro da Universidade de Santiago, dende 1995 comezou o seu traballo político no BNG de Teo e en 1999 converteuse en voceiro desta formación no concello. En 2006 entrou no Consello Nacional do BNG e, logo das eleccións municipais de 2007, converteuse en alcalde de Teo cun goberno en minoría. En 2011 volveu ser elixido alcalde ao acadar a maioría absoluta.

Como membro e vicevoceiro do colectivo Encontro Irmandiño abandonou o BNG en febreiro de 2012, pasando en xullo dese mesmo ano a formar parte do movemento político ANOVA-Irmandade Nacionalista, desenvolvendo nunha primeira etapa o seu traballo político como responsable de Acción Institucional. En xullo do 2013, despois da celebración da I Asemblea Nacional desta organización política, foi elixido Coordinador Nacional. En novembro do 2014, despois da celebración da II Asemblea Nacional de Anova, Martiño Noriega foi elixido Portavoz de Anova xunto a Xosé Manuel Beiras.

En maio de 2015 encabezou unha candidatura de unidade popular en Santiago, Compostela Aberta, que resultou a lista máis votada nas municipais do 24 de maio. O 13 de xuño deste ano foi investido alcalde de Santiago de Compostela, sucedendo ao popular Agustín Hernández.

En setembro de 2018 anunciou a súa intención de ser reelixido como candidato á alcaldía para as eleccións municipais de maio de 2019, coa idea de repetir co mesmo equipo de goberno para tratar de dar continuidade ao capital político e á experiencia acumulada.

Nas eleccións municipais de 2019 perdeu a alcaldía, que pasou a ocupar Xosé Antonio Sánchez Bugallo, do PSdeG.

Bibliografía:

Imaxes:

  1. Martiño Noriega: Praza Pública, Praza Publica-Martiño-2015 (recortada), CC BY-SA 3.0