Xosé Antonio Neira Cruz

1.X.A. Neira Cruz

Xose Neira Cruz é un escritor compostelán, licenciado en Filoloxía Italiana pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Ciencias da Información.

Ademais do seu mundo estritamente académico, tivo unha importante relación co mundo xornalístico, xa que traballou en xornais como La Voz de Galicia e colaborou con diferentes revistas e publicacións, pasando por unha época onde chegou a realizar guións para a Televisión de Galicia (TVG).

Nome completo: Xosé Antonio Neira Cruz

Datas: 1968-

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Literatura; Literatura infantil e xuvenil; Xornalismo

Grupo asociado:

Ocupación: Escritores; Profesores; Xornalistas

Lingua: Galego

No relativo á súa obra, unha parte moi importante, está dirixida aos lectores e lectoras máis pequenas da casa. Obras como Melanio e os paxatos ou As porcas porquiñas tentan, dalgún xeito, que os máis novos se familiaricen co mundo da lectura.

Cabe resaltar o seu traballo de divulgación da tradición literaria galega entre os máis pequenos, achegándolles biografías de importantes persoeiros da cultura galega como poden ser Rosalía de Castro, Así viviu Rosalía ou Paio Gomez Chariño, Así viviu Paio Gómez Chariño.

Recibiu importantes premios como o Premio Merlín con “Ó outro lado do sumidoiro” ou o Premio Barco de Vapor en dúas ocasións polas súas obras “Valdemuller” e “Os ollos do Tagaleirón”.

Dentro das súas creacións, podemos advertir a presenza reiterada de minorías sociais ou colectivos que sofren a desigualdade como a muller, o colectivo homosexual ou grupos con carencias sociais e económicas existentes no Terceiro Mundo aos que lles dá voz.

Os seus títulos complétanse con outras obras como O armiño dorme, A memoria das árbores, O xenio do sultán ou A viaxe a Compostela de Renato Ratón, rato de compañía de Cosme III de Médicis.

Bibliografía:

Imaxes:

  1. X.A. Neira Cruz: Adrián Estévez (Estevoaei), Xosé Antonio Neira Cruz, CC BY-SA 4.0